miércoles, 30 de noviembre de 2016
A concelleira Rocío Fraga presentou o Espazo das Diversidades do Concello da Coruña
Rocío Fraga presenta o novo Espazo das Diversidades
Sexuais e Identidades de Xénero, que prestará un servizo de información e
asesoramento sobre a saúde sexual e afectiva.
O novo servizo, que se ubicará no Centro Cívico da
Cidade Vella, contará con diversos obradoiros, tanto destinados á comunidade
educativa como para crear grupos de autoapoio LGTBQI.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, presentou hoxe o Espazo das Diversidades Sexuais e Identidades de
Xénero, un novo servizo municipal que estará ubicado no Centro Cívico da Cidade
Vella e que está dirixido "a todas as persas que precisen información e
asesoramento sobre saúde sexual e afectiva, así como recursos para a poboación
lesbiana, gai, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) da
cidade". A responsable municipal explicou que o Espazo das Diversidades
LGTBQI empezará a funcionar a partir do día 12 de decembro. "O servizo que
prestará, de asesoramento e información, será totalmente gratuíto e
confidencial", comentou a concelleira. O horario será de luns a venres, de
11.00 horas a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas, sendo o teléfono de
contacto o 981 189 885 (ext 10183). "No seu momento existiu algo parecido
a isto que imos poñer en marcha, en base aos nosos compromisos, pero o anterior
Goberno do PP trasladou este servizo a un sótano do Centro Cívico de Monte
Alto, onde non tiña ningún tipo de visibilidade e moitas dificultades de
funcionamento. A nosa intención é que este sexa un espazo visible",
explicou en rolda de prensa Fraga.
"Este servizo está concibido como un recurso
necesario nesta cidade, que ademais é demandado por moitos colectivos",
comentou a concelleira, quen indicou que o espazo municipal das diversidades
sexuais e identidades de xénero contará con distintas actividades, como
información e asesoramento LGTBQI, a atención directa e presencial no terceiro
andar do Centro Cívico da Cidade Vella, e tamén mediante teléfono e mail, así
como obradoiros para a comunidade educativa sobre diversidade e saúde sexual.
Ademais, contará cun grupo de autoapoio LGTBQI, "un espazo de seguridade
para mozos e mozas que permita construír modelos positivos de identificación
sobre as diversidades sexuais e diferentes identidades". "O
obxectivo, ao cabo, é crear un apoio grupal para poder acadar estratexias
individuais e grupais de empoderamento", comentou.
Outros dos servizos cos que contará este Espazo das
Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero será un videofórum sobre temática
LGTBQI, así como obradoiros creativos sobre diversidade sexual utilizando
diferentes ferramentas, como a fotografía ou o collage para elaborar conceptos
e imaxes positivas sobre as diferentes identidades sexuais e xenéricas.
"Tamén haberá un protocolo de atención urxente do programa PIPE ao que
está adherida a Policía Local da cidade no caso de que detecten casos de acoso
e violencia por orientación sexual ou identidade de xénero", indicou.
A concelleira destacou que este Espazo das
Diversidades LGTBQI está nunha primeira fase piloto, que durará catro meses, no
que se detectarán as necesidades, demandas e recomendacións dos colectivos
directamente relacionados coas diversidades sexuais, así como dos e das propias
usuarias. Pasado este tempo, a Concelleria de Igualdade e Diversidade, sacará a
concurso a xestión do espazo, para que este teña carácter permanente.
"Este debe ser un espazo dinámico, construído entre todos e todas, polo
que tamén será un espazo de facilitación con grupos LGTBQI da cidade para
impulsar a toma de decisión conxuntas, xeración de ideas e propostas para este
servizo", resaltou.
Violencias machistas
Á marxe, e preguntada polos medios de comunicación
ante os últimos casos de violencias machistas rexistradas na cidade, a
concelleira destacou a labor da Policía Local e a maior formación que neste
momento ten este servizo. "Estamos a desenvolver un traballo moi
importante dende diversas frontes, tanto co traballo cos servizos de
seguridade, como mediante as campañas de información e sensibilización contra
as violencias machistas que estamos a levar a cabo dende o Concello",
explicou Fraga, quen tamén destacou e agradeceu a actuación e concienciación da
cidadanía. "Nos últimos casos de violencias machistas detectadas na
cidade, parte das denuncias foron feitas pola propia veciñanza, polo que vemos
que esa sensibilización, esa corresponsabilidade que pedimos ante as violencias
machistas, está a funcionar. A xente escoita algo e non queda calada, senón que
chama á Policía Local", comentou.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario