sábado, 26 de noviembre de 2016
A Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade recoñece ao Concello da Coruña polas súas boas prácticas "na loita contra os delitos de odio"
O Concello coruñés incorporouse en maio deste ano ao
Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE), que busca "velar
pola seguridade de toda a cidadanía e, ao tempo, garatir o respecto polas
diversidades".
A Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade vén
de distinguir ao Concello da Coruña, en recoñecemento polas "Boas
Prácticas da Xestión Policial da Diversidade". O organismo, integrado por
diversas asociacións como a Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía
Local (Unijepol), Fundación Secretariado Xitano, RAIS Fundación, ACCEM, Plena
Inclusión, Fundación Cepaim, Federación Estatal de Gays, Lesbianas, Bisexuais e
Transexuais (FELGTB), Movemento contra a Intolerancia, Rede Acolle e a
Asociación de Policías Gays e Lesbianas (Gaylespol), distingue ao Concello
"pola súa decidida implicación no desenvolvemento do Programa para a
Identificación Policial Eficaz (PIPE)", ao que se adheriu o pasado mes de
maio. Este programa, que desenvolve a Policía Local da Coruña, baséase en
desenvolver diferentes accións formativas e en materia de xestión policial,
"de cara a previr as identificacións con nesgo discriminatorio, mellorar a
eficacia da Policía Local na súa loita contra os delitos de odio e impulsar a
participación cidadá".
"Agradecemos especialmente esta mención, como o
feito mesmo de que A Coruña fose unha das cidades seleccionadas entre todas as
candidatas do Estado para adherirse a este programa", destacou este xoves
a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen salientou o alto
número de solicitudes que esta plataforma policial recibe cada ano. Por outro
lado, a responsable municipal tamén quixo poñer en valor o labor que están a
desenvolver neste campo os e as integrantes dos corpos de seguridade
municipais. "Este recoñecemento forma parte dun traballo colaborativo e
cooperativo, tanto por parte da propia Plataforma pola Xestión Policial da
Diversidade, como por parte do Concello e os seus servizos de seguridade, tendo
especial incidencia por suposto a Policía Local, así como todos os colectivos
diversos da Coruña, sen os que non poderiamos ter levado a cabo este
programa", destacou. "É unha gran noticia que chega xusto nesta
semana, na que vemos, una vez máis, a implicación desta cidadanía coa campaña
Coruña en Negro, contras as violencias machistas", engadiu a responsable
municipal de Igualdade e Diversidade.
O Concello da Coruña foi recoñecido polas súas boas
prácticas xunto co Ayuntamiento de Fuenlabrada, os Mossos d´Esquadra polo
desenvolvemento da campaña T´escoltem contra as conductas discriminatorias, e a
Dirección Xeral da Policía, polos convenios desenvolvidos con diversas entidades
de cara a mellorar a atención da Policía Local cos colectivos que presentan
distintas diversidades. Á súa vez, a Policía Local de Valencia foi tamén
recoñecida polas súas accións de formación para a xestión policial da
diversidade e o sarxento da Policía Local de Madrid David Martin foi galardoado
tamén co recoñecemento "ao compromiso profesional coa xestión policial da
diversidade". A Plataforma pola Xestión Policial outorga dende hai cinco
edicións os recoñecementos Daniel Wagmar, en homenaxe a este xornalista e
criminólogo norteamericano, xa falecido, polo importante traballo que
desenvolveu no Estado a favor da igualdade e na loita contra a discriminación.
O plenario da Plataforma pola Xestión Policial da
Diversidade decidiu por unanimidade concederlle ao Concello da Coruña este
recoñecemento, algo que foi especialmente sinalado pola concelleira de
Igualdade e Diversidade. "A nosa cidade, de acordo cos tempos, cada vez é
máis diversa e máis plural. Hai xente con distintas realidades e con diferentes
diversidades. Todas elas son veciñas e todas elas deben ser recoñecidas. Isto
que é unha riqueza, á vez é un desafío que nos obriga a traballar. A nosa
principal tarefa neste momento é erradicar por completo calquera tipo de
manifestación de delitos de odio", explicou, á vez que se amosou
especialmente satisfeita por que "o funcionariado a pé de rúa traballe coa
perspectiva de que a diversidade existe, e de que enriquece a nosa
sociedade".
Etiquetas:
recursos,
violencia,
violencia de género,
violencia machista
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario