sábado, 19 de noviembre de 2016
#PrimAcoso: a denuncia masiva das mulleres contra esa primeira agresión machista
"6 anos. Un veciño q estudaba no seminario
volvía as fins de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas
#PrimAcoso". Con este chío na rede social Twitter, a concelleira de
Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces, deu comezo a unha campaña coa que
o Concello quere dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia
contra a muller. Co gallo do Día Internacional contra a Violencia Machista do
vindeiro 25 de novembro, a iniciativa chama a atención sobre esas pequenas
agresións ou humillacións, micromachismos e comportamentos que moitas veces se
ignoran e "van normalizando comportamentos máis violentos".
A edil e o Concello pretenden así que as mulleres
compartan nas redes sociais a súa primeira lembranza de terse sentido acosadas,
inferiores ou ameazadas só polo feito de ser muller. "Denuncia o teu
primeiro acoso, cando te sentiches ameazada, violentada ou inferior polo simple
feito de ser muller", explica a concellería de Igualdade, que explica que
estes primeiros acosos "séguense a asumir nunha espiral de adormecemento
que pode derivar nunha situación de non retorno".
"Tamén se pretende trasladar que todas as
mulleres están no mesmo barco, que todas senten e sofren nalgún momento",
explican desde o Concello, que busca tamén que as mulleres máis mozas "se
acheguen" a esta problemática social e que tamén os homes se sensibilicen
e decaten que estes episodios non son esporádicos nin froito de catro
trastornados.
O primeiro chío, da propia concelleira, foi escrito
na mañá deste pasado martes e a resposta está sendo masiva.
Concelleiras, deputadas, escritoras, persoas
anónimas... Foron moitas as mulleres que relataron ese primeiro acoso. Unha das
primeiras, a voceira do BNG no Parlamento, Ana Pontón: "13anos, no recreo
do colexio. Nenos fan corro para tocar os meus xenitais e os peitos #25N".
Seguiron a iniciativa as súas compañeiras de grupo na Cámara, Olalla Rodil e
Noa Presas, a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Rocío Fraga,
María Reimóndez, Mercedes Queixas, a ex-eurodeputada Ana Miranda ou a ex-seleccionadora
galega de fútbol Pili Neira.
Todas co cancelo #PrimAcoso, ao que mesmo se uniron
homes que recoñeceron tamén algúns deses "primeiros acosos" nos que
ou non repararan ou aos que non lles deran a importancia debida.
A iniciativa do Concello de Pontevedra é unha exitosa
aplicación máis da campaña "en negro" que o ano pasado desenvolvera o
Concello de Compostela e á que neste ano se uniron catorce gobernos locais de
diversos signos políticos -de 'mareas' municipais, do BNG, do PSdeG e un do PP-
para "promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía" cara a
violencia machista.
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio,
Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas preparán
conxuntamente con Santiago unha campaña que se concretará, este 17 de novembro,
na sinatura dun protocolo de colaboración con accións "conxuntas e
coordenadas".
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario