sábado, 19 de noviembre de 2016
A Plataforma polo Dereito ao Aborto carga contra a Xunta
O recurso presentado pola aseguradora do Sergas
contra a sentenza que o condena a pagar 273.139,82 euros logo de derivar un
aborto a Madrid que rematou con graves danos á paciente segue a espertar
reaccións. A Plataforma polo Dereito ao Aborto pon a súa ollada na Xunta de
Galiza, “quen ten a competencia de parar isto non ten a máis mínima intención de facelo”.
A Plataforma polo Dereito ao Aborto lamenta que a
Xunta de Galiza non presionara á compañía aseguradora Zurich para disuadila de
presentar un recurso contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso
Administrativo número 2 de Lugo que lle impón ao Sergas unha indemnización de
273.139,82 euros polos graves danos a unha paciente que derivou a Madrid a
abortar após reiterados atrasos no diagnóstico do seu feto inviábel.
Marga Corral, activista da plataforma, explica, en
declaracións a Sermos Galiza, que “quen ten a responsabilidade de iniciar
accións non di nada e só fai declaracións como as que pode facer calquera
veciño ou veciña. Vimos a Feijóo amosando a súa solidariedade polo caso de
Paula (nome ficticio da muller afectada) pero despois segue sen modificar o
protocolo e sen garantir que as mulleres galegas poidan abortar na sanidade
pública galega”.
A activista sinala que o recurso da aseguradora, que
“só atende os termos económicos”, representa “unha nova pedra no camiño dunha
muller á que se lle puxeron impedimentos e decenas de trámites burocráticos”.
“Agora que ten unha sentenza que recoñece as neglixencias do Sergas, atópase con
que a aseguradora ratea parte dunha indemnización imposta por un xuíz polos
danos que tivo que sufrir”.
“Quen ten a competencia para poder parar isto non ten
a máis mínima intención de facelo”
A Plataforma polo Dereito ao Aborto, que vén de
integrarse na Coruña no seo da Marcha Mundial das Mulleres, critica que “quen
ten a competencia para poder parar isto [a derivación das interrupcións
voluntarias dos embarazos a Madrid e os abortos sen asistencia médica en
hospitais públicos galegos] non ten a máis mínima intención de facelo”.
“Parécenos moi impactante que a pesar do que supuxo a sentenza de Paula,
sigamos co mesmo protocolo. É indignante ver que cunha sentenza tan dura, o
Sergas manteña as mesmas liñas de actuación”, engade Marga Corral”.
As activistas preparan novas accións para que as
autoridades “respecten os nosos dereitos” e para “esixírmoslles
responsabilidades” polos danos cometidos. Aliás, a Plataforma polo Dereito ao
Aborto da Coruña e a coordinadora da Marcha Mundial das Mulleres da Coruña reuníronse
a pasada sexta feira, 11 de novembro, para faceren seguimento da causa aberta
pola Fiscalía da Audiencia Provincial da Coruña a respeito dos abortos sen
asistencia sanitaria. O obxectivo da plataforma pasa por que a Fiscalía abra
unha causa penal.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario