sábado, 5 de marzo de 2016
Xúntate para berrar e defender os nosos dereitos!
No pasado día 29 de xaneiro xuntámonos en Compostela
diferentes organizacións respostando á chamada aberta feita para a organización
conxunta do 8 de marzo. Nesta xuntanza aberta tendo en conta o alí comentado e
as mensaxes recibidas chegamos aos seguintes acordos:
O 8 de marzo é unha data de axenda que abrangue todo
o feminismo polo que a convocatoria ten que partir do conxunto do feminismo
galego na súa diversidade, de todas as organizacións e colectivos.
Achamos importante confluír e a nosa forza está na capacidade
para loitarmos xuntas. De aí a importancia de que a chamada á manifestación do
8 de marzo sexa ampla e unitaria.
Manter a convocatoria unitaria neste ano 2016 tal e
como se ven facendo nos últimos tempos e ampliar o número de organizacións e
colectivos que se unan no apoio a este emprazamento.
O lema da manifestación será: ‘Feminismo para
avanzar, xuntas nunha mesma loita’. A manifestación partirá, coma nos últimos
anos, da estación de convois de Compostela o domingo 6 de marzo ás 12.00 horas.
Reiteramos este chamado aberto a apoiar e participar
desta convocatoria unitaria na que as feministas galegas sairemos de novo
xuntas para exixirmos:
O rexeitamento unánime a un modelo heteropatriarcal
de muller única, privada e doméstica, así como a invisibilidade e explotación
do traballo reprodutivo e dos coidados.
Unha organización política, social e económica que
poña no centro ás persoas. A reorganización social dos coidados e a aposta polo
ben vivir.
O exercicio dunha sexualidade libre e diversa. Unha educación
afectivo-sexual non determinista, non bioloxicista e igualitaria que garanta o
libre desenvolvemento das identidades de mulleres lesbianas, bisexuais e
transexuais, así como o mantemento de relacións afectivas e sexuais elixidas,
respectuosas, pracenteiras e saudábeis.
O recoñecemento de todas as familias e modelos de
convivencia, así como a creación de redes de afectos, apoio mutuo e
sororiedade.
O incuestionábel dereito das mulleres a decidir sobre
os seus corpos, afectos, sexualidade, e maternidades, sendo obriga dos poderes
públicos garantir o acceso libre, seguro e gratuíto ao aborto eliminando
calquera restrición lexislativa, garantindo este dereito para as mulleres
mozas.
Un Estado laico, que garanta os dereitos humanos e a
pluralidade de todas as persoas.
A garantía por parte dos poderes públicos dunha vida
libre de todas as violencias machistas e discriminacións para todas as
mulleres.
En definitiva exiximos o dereito a desenvolvermos un
proxecto de vida en liberdade e equidade.
Etiquetas:
convocatorias,
manifestación,
muller
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario