martes, 8 de marzo de 2016
Manifesto polo Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo de 2016
ParaTodasTodo
A Concellaría de Igualdade e Diversidade, con motivo
do Día Internacional das Mulleres, fai un chamamento público a institucións,
entidades e cidadanía en xeral a asumir a responsabilidade compartida que
posibilite o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres. É tempo xa de facer
realidade os compromisos existentes para o seu empoderamento e dereitos
humanos. 'Para todas, todo', o que nos corresponde en xustiza social; nin máis,
nin menos.
O Concello de A Coruña súmase á conmemoración do 8 de
Marzo, Día Internacional das Mulleres, co convencemento de que non haberá
democracia real mentres elas non gocen plenamente dos dereitos humanos. Por
este motivo, o Concello de A Coruña anima a ir máis aló dos actos habituais
deste día -no que se recoñecen os progresos e tamén os retos pendentes- e
adquirir un compromiso explícito por traballar activamente durante todo o ano
para facer realidade a consecución dos dereitos das mulleres, de todas, na súa
gran diversidade humana.
'Para todas': as lesbianas, as hetero, as
transexuais, as bisexuais, as xordas, as cegas, as coxas, as orgullosas, as
rabudas, as silenciosas, as transgresoras, as críticas, as alborotadoras, as
mediadoras, as activistas, as lideresas, as do norte, as do sur, as migrantes,
as xitanas, as nómades, as autóctonas, as máis novas de idade, as mozas vitais,
as maiores, as aínda máis maiores, as sabias, as experimentadas, as simples, as
novatas, as deportistas, as danzarinas, as voluntarias, as profesionais, as
coidadoras e as que renuncian a coidar; 'para todas, todo'. O compromiso do
Concello de A Coruña é con todas as mulleres, coa súa emancipación, a súa
independencia e o seu incuestionable dereito a gozar dunha vida plena, sen
violencias, nin física nin psicolóxica, nin sexual nin económica.
Conscientes do momento histórico que vivimos e da
necesidade de superar as difíciles condicións de vida de gran parte das
mulleres, sobre quen incidiron máis os efectos das políticas de recortes do
pasado recente.
Reivindicamos o dereito efectivo das mulleres a
elixir como queren vivir e gozar da súa vida plena.
Declaramos como obxectivo prioritario a eliminación
das desigualdades e violencias
patriarcais contra as mulleres.
Apelamos á corresponsabilidade cidadá e á necesaria
colaboración entre institucións e
organizacións para garantir o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres.
Aos gobernos, para facilitaren recursos e resposta
institucional adecuada que garanta o dereito das mulleres a unha vida plena.
Ás organizacións/entidades empleadoras, para que coas
súas políticas de xestión contribúan a diluír as desigualdades económicas e a
fenda salarial por cuestión de xénero.
Ao movemento feminista, para que siga artellando
redes de empoderamento colectivo, observando e denunciando as dificultades e
vulnerabilidades ás que se enfrontan mulleres e nenas e achegando a súa
perspectiva crítica na construción doutro modelo de sociedade.
Aos homes, para que exerzan a súa parte de
responsabilidade no proceso de autonomía das mulleres; asumindo que, só cando
eles renuncien aos privilexios que lles outorga o sistema patriarcal as
mulleres terán acceso ás condicións da equidade redistributiva.
Ás mulleres, para que participen, tomando a palabra e
ocupando os espazos que lles pertencen naquelas iniciativas sociais e de
convivencia cidadá que constrúan igualdade.
Neste 8 de marzo, asumimos o compromiso para:
Reorientar as políticas municipais de forma que
contribúan favorablemente ao obxectivo da igualdade de xénero.
Mellorar o funcionamento da corporación local, a
través do desenvolvemento de principios baseados na ética, a igualdade na
diversidade, a co-participación e a transversalidade do enfoque de xénero na
xestión pública.
Priorizar a resposta institucional dirixida a
resolver as situacións de maior vulnerabilidade social e económica que inciden
nas vidas das mulleres, prestando especial atención ás familias monomarentais.
Reforzar os recursos e servizos municipais existentes
que facilitan condicións de igualdade e de corresponsabilidade.
Alentar activamente a coeducación, a aprendizaxe
colaborativa e de respecto dos dereitos humanos como eixos de mudanza social.
Visibilizar a diversidade de mulleres, enfoques,
perspectivas, necesidades e situacións que vulneran os seus dereitos a unha
vida plena.
Recoñecer e apoiar o traballo que desenvolve o
Movemento Feminista pola
consecución dos dereitos para todas.
Denunciar e amosar repulsa institucional ante as
diferentes formas de violencias machistas.
Neste 8 de marzo, o goberno do Concello de A Coruña
reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e co traballo que desenvolve
a Concellaría de Igualdade e Diversidade e comprométese a practicar tolerancia
cero ante os intentos de converter os dereitos das mulleres en moeda de troco
de intereses electorais.
Etiquetas:
derechos humanos,
feminismo,
jornada
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario