lunes, 31 de octubre de 2016
Quince concellos de todo signo, "en negro" contra a violencia machista
O pasado ano o Concello de Santiago lanzou, co gallo
do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a campaña Compostela en
Negro. A cor negra e mensaxes contra as violencias machistas como "son
libre de decidir a miña vida", "respecta as miñas decisións" ou
"unha de catro mulleres que sofre violencia machista non o denuncia por
medo" poboaron espazos nos que é pouco habitual atopalos, como
escaparates, estantes de establecementos comerciais ou manequíns de tendas de
roupa. Tratábase, explicaban, de "promover e facer visible o rexeitamento
da cidadanía" cara a violencia machista, un obxectivo que neste 2016
procurará conxuntamente unha quincena de concellos.
Un total de catorce gobernos locais de diversos
signos políticos -con gobernos de 'mareas' municipais, do BNG, do PSdeG e un do
PP- adheríronse desta volta á campaña de Santiago, cuxos trazos básicos da súa
segunda edición veñen de ser presentados. "O ano pasado conseguimos que máis
de 200 establecementos se sumasen á iniciativa, e debido ao bo retorno que
tivemos pensamos que era necesario compartila con outros concellos",
explicou a edil compostelá de Igualdade, Marta Lois, nunha comparecencia ante a
prensa na que participaron este xoves representantes de sete dos 15 concellos
que desenvolverán a campaña.
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio,
Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas preparán
conxuntamente con Santiago unha campaña que se concretará, o vindeiro 17 de
novembro, na sinatura dun protocolo de colaboración con accións "conxuntas
e coordenadas". Entre elas figurará, como en 2015 en Compostela, a
promoción da "implicación dos axentes sociais e económicso para tinguir de
negro vilas e cidades", como mostra simbólica do rexeitamento á violencia
machista. Estes gobernos locais desñaran conxuntamente a campaña, un sitio web
específico e materiais baixo o lema En negro contra a violencia.
Os 15 municipios asinarán un convenio de colaboración
para compartiren a campaña, centrada en espallar a mensaxe contra as agresións
de xénero no tecido socioeconómico.
Nesta ocasión, sinalaron os representantes municipais
este xoves, o "traslado da marca" creada o pasado ano adaptarase aos
contextos de cada concello, especialmente nos de menor dimensión. É o caso, por
exemplo, de Zas, explica o seu alcalde, Manuel Muíño, quen "agradece"
a "oportunidade de participar, sobre todo tendo en conta que somos un
concello de apenas 4.000 habitantes. "A lacra da violencia machista tamén
existe nos pequenos concellos, aínda que dun xeito máis oculto, por iso é
importante lanzar campañas para visibilizala", di.
"Igual que se reivindica un pacto de Estado
contra a violencia e os feminicidios", agrega Marta Lois, "cremos
importante que dende o local os municipios nos involucremos e nos posicionemos
contra as violencias machistas". "Ten que ser unha prioridade
política que ocupe a centralidade nas axendas dos partidos políticos",
subliña.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario