martes, 18 de octubre de 2016
Condenado o Sergas por arriscar a vida dunha paciente que mandou a abortar a Madrid
Un xulgado de primeira instancia mostrouse
contundente ao asegurar que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "expuxo a
un risco vital elevado" a Paula (nome ficticio) ao dilatar o seu embarazo
até a semana 32 e ao obrigala a percorrer 500 quilómetros no seu propio coche
para abortar nunha clínica madrileña. Segundo explicou a denunciante a esta
redacción a semana pasada, debido á complexidade da intervención foi derivada
ao Hospital La Paz, perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica de
novo.
O xuíz condena o Sergas por "expor a un risco
vital elevado" á mulller ao dilatar o embarazo e obrigala a desprazarse a
Madrid no seu coche.
"A neglixencia denunciada pasa os estándares do
tolerable, do irreprochable", apunta o maxistrado do xulgado
contencioso-administrativo número 2 de Lugo nunha sentenza emitida o 5 de
outubro e comunicada á defensa da denunciante o pasado xoves. O Sergas non
quixo pronunciarse sobre esta decisión nin confirmar se a van recorrer.
Na sentenza, o xuíz Marcos Amboage López amósase
contundente ao criticar as imprudencias médicas dos profesionais do servizo de
xinecoloxía do Hospital da Costa de Burela. "Lentitude, falta de reflexos,
ignorancia, inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade",
así cualifica o xuíz a actitude dos médicos que trataron en 2012 a Paula, cando
tiña 33 anos e facía fronte ao seu segundo embarazo.
"Lentitude, falta de reflexos, ignorancia,
inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade", así cualifica
o xuíz a actitude dos médicos.
O maxistrado estima completamente o recurso
contencioso e declara a responsabilidade do Sergas neste caso. Polo tanto, a
Administración terá que facer fronte ao pago de costas e dunha indemnización
próxima aos 270.000 euros polos danos ocasionados tanto a Paula como ao seu
marido. Na sentenza asegura que se "reputan sobradamente acreditados"
os prexuízos físicos e psíquicos. "Non hai indemnización que os poida
resarcir, e calquera cantidade reclamada, semella escasa para
compensalos", continúa. Tamén apunta que non é unha neglixencia pola que
se perdeu un órgano ou unha extremidade "púxose en perigo a vida da
recorrente, imposibilitóuselle procrear e perdeu definitivamente a oportunidade
de ser nai".
"Tarde, mal e a rastro"
Asegura que os especialistas do hospital galego
reaccionaron "tarde, mal e a rastro" ao dilatar
"innecesariamente" até a semana 32 o embarazo de Paula que
"debía estar legalmente abocado ao fracaso". Nesta sentenza o
maxistrado lembra que unha vez que lles comunicaron aos denunciantes na semana
20 que se apreciaba unha alteración na ecografía, a parella recorreu á sanidade
privada para solicitar o diagnóstico. Na semana 25 obtivérono, as graves anomalías
que sufría o feto amparaban o aborto en calquera prazo.
Malia que desde un primeiro momento a parella fixo
partícipe destes resultados ao equipo de Burela, os profesionais continuaron
"dando paus de cego" -apunta o maxistrado- solicitando a realización
de máis probas. Este "colmo da inoperancia", continúa o relator da
sentenza, determina "indefectiblemente a súa responsabilidade patrimonial
absoluta". "O que resulta inescusable é que ante a achega externa da
información precisa, clara e determinante da anomalía fetal, o servizo de
xinecoloxía de Burela, continuase inmerso na parálise e non reaccionase",
engade.
O maxistrado acusa o Sergas de non atender a achega
externa da información e "dar paus de cego".
Do mesmo xeito, lembra que a prolongación innecesaria
do embarazo "creou ansiedade e intensa preocupación na xestante e a súa
familia, xa que supuxo executar unha interrupción voluntaria do embarazo que é
un feticidio para provocar un parto en toda regra debido á idade xestacional,
expoñendo a nai a risco moi superior".
Unha vez que na sanidade galega tomaron a decisión de
interromper a xestación no sétimo mes de xestación, non terminaron as
neglixencias médicas. "Novamente, á pregunta de se se actuou correctamente
pola demandada tras o descubrimento da anomalía fetal, a resposta é
rotundamente, non", condena o maxistrado."O Sergas desenténdese da
situación da recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa
situación, para que se zafen alí do problema. E a todo isto sen proporcionar á
recorrente ningún tipo de medio para o arriscado traslado", así alude ao
traslado que realizou Paula no seu vehículo particular acompañada pola súa
parella.
"O Sergas desenténdese da situación da
recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación,
para que se zafen alí do problema", di o xuíz.
"Fracaso estrepitoso do sistema"
Segundo explicou a denunciante a eldiario.es, durante
o traxecto "foi sangrando e o útero doíalle moitísimo". Finalmente,
debido á complexidade da súa xestación o aborto non se produciu no centro ao
que foi derivado senón no hospital público de La Paz. Alí perdeu o útero. O
xuíz considera que esta actuación "representa un fracaso estrepitoso do
sistema, á vez que resulta dificilmente aceptable" e lembra que a lei que regula a Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) recolle que cando se detecten anomalías fetales
incompatibles coa vida, as
intervencións "realizaranse preferentemente en centros cualificados da
rede sanitaria pública".
"É un fracaso estrepitoso do sistema e
dificilmente aceptable", di o xuíz.
A preguntas desta redacción, o Sergas asegurou que
non se practicou o aborto nun centro da sanidade galega pública porque a partir
da semana 22 envíanos a outras clínicas respectando, desta forma, o dereito á
obxección de conciencia dos profesionais". A portavoz xustificou este
prazo argumentando que a lei o
recolle, aínda que non é así, xa que segundo esta normativa non existe límite
temporal se se detectan anomalías fetais incompatibles coa vida". A Fiscalía
reactivou o mes pasado unha investigación por varios casos derivados tamén a
Madrid en diferentes semanas de xestación.
Desmente a argumentación do Sergas
En sede xudicial a defensa do Sergas e os seus
profesionais aseguraron que "non houbo ningunha demora inxustificada na
atención prestada e pola contra, seguíronse os protocolos establecidos".
Engadindo que unha vez que se coñeceu a alteración xenética do feto,
solicitaron o estudo xenético dos descendentes dos recorrentes para continuar
co protocolo establecido para a interrupción voluntaria do embarazo".
Por unha banda, o maxistrado desmente esta afirmación
asegurando que o protocolo "indica que o diagnóstico das cromosomopatías
fetais esixe o estudo citoxenético das células fetales, pero en ningures esixe
a práctica protocolaria de estudos xenéticos sobre os proxenitores".
Doutra banda, considera que estas probas "supuxeron un mes de atraso,
sumado ao atraso que xa viña padecendo" e non eran urxentes neste caso xa
que a información é útil de face a embarazos posteriores pero non achega novos
datos sobre a patoloxía do feto.
Por último, o maxistrado non se esquece dos problemas
psicolóxicos que arrastra a parella desde que se produciron estes feitos. Están
afectados o feito de non poder ter máis fillos biolóxicos. Aos dous
diagnosticáronlles un "trastorno adaptativo mixto con ansiedade e
depresión cronificada". Un dos sucesos que máis lles marcou, segundo
apuntou no xuízo una das psicólogas que os avaliou, sucedeu no Hospital La Paz
"tras practicarlle a cesárea, preguntáronlles se querían a reanimación do
feto e non sabían que contestar, xa que teoricamente desprazáronse a Madrid
para unha interrupción voluntaria do embarazo. Facer descansar neles esa
decisión, pesoulles moito e foi inadecuado".
"A sentenza é moi importante por dar plena
protección aos dereitos fundamentias e pola súa calidade
técnico-xurídica", di a avogada da parella.
A avogada da parella, Francisca Fernández, móstrase
moi satisfeita con esta decisión xudicial porque incide na "importancia de
que se aplique a lexislación de protección de dereitos humanos vixente no noso
país". "É moi novo que un xuíz de primeira instancia dea plena
protección aos dereitos fundamentais que estaban en xogo. É estupendo, é unha
pequena xoia e vai ser moi importante pola calidade técnico-xurídica da
sentenza.", explica. A parella tamén se mostra contenta por esta decisión,
xa contaron a eldiario.é que se gañaban ían destinar a indemnización a tentar
ser pais mediante xestación subrogada no estranxeiro.
O caso volve traer á portada as precarias condicións
na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompían o seu
embarazo en boa parte de Galicia, o que desvelou numerosas eivas no
funcionamento dos protocolos sanitarios no país. A falta de garantías e da
asistencia mínima requirida para estes abortos euxenésicos -denunciada por
varias afectadas hai máis de medio ano- provocou que o Sergas optase por enviar
todas as mulleres a Madrid para seren atendidas nunha clínica especializada coa
que mantén convenio. O devandito protocolo segue sen aplicarse e, tal e como
adiantou Praza, as demandas de atención axeitada e na comunidade autónoma son
respondidas polas autoridades sanitarias con ameazas de rachar o acordo con ese
centro madrileño. Agora, esta condena ao Sergas incide no "fracaso" e
na mala praxis do sistema sanitario galego, xusto cando a Fiscalía vén de
reactivar o tema.
Etiquetas:
aborto,
derechos humanos,
derechos reproductivos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario