sábado, 22 de octubre de 2016
"O do Sergas cos abortos terapéuticos tamén é maltrato, violencia obstétrica e institucional"
A condena ao Sergas por arriscar a vida dunha
paciente que mandou a abortar a Madrid incide na mala praxe ou desatención que
os servizos sanitarios galegos levan a cabo cos abortos terapéuticos,
interrupcións do embarazo inducidas por razóns médicas e pasadas as 14 semanas.
Foron moitas as mulleres que denunciaron, de maneira máis ou menos pública,
unha situación que saltou á luz hai agora oito meses pero que levaba tempo
ocorrendo. Daquela, a xerencia da área sanitaria da Coruña asumiu que as
persoas que se atopaban no segundo trimestre de xestación non eran atendidas
coas mesmas garantías que nun parto, logo de que se denunciasen mesmo
expulsións de fetos nun baño e sen atención médica. Afectadas doutras zonas,
como A Mariña ou Ferrolterra, insistiron con testemuños e demandas das eivas
sufridas ou na imposición do desprazamento a Madrid por parte de Sanidade para
levar a cabo o aborto euxenésico ao non haber alternativa en Galicia. O duro e
contundente ditame xudicial e a multa á Xunta reaviva un caso que reactivou xa
a Fiscalía da Coruña.
"Estamos satisfeitas de que haxa unha sentenza
tan dura e tan explícita; o Sergas vulnera a lei", di Chus Díaz, psicóloga
clínica do COF da Coruña.
"Estamos satisfeitas de que haxa unha sentenza
tan dura e tan explícita; o Sergas vulnerou a normativa e saltouse moitos
aspectos da lei", di Chus Díaz, psicóloga clínica do Centro de Orientación
Familiar (COF) da Coruña e coñecedora de moitísimos casos de mulleres que
sofren as eivas do sistema sanitario público galego. Todos os que abranguen a
súa zona pasan polo seu departamento. "Atópanse en situación de desamparo
total; están desprotexidas e fáiselles moito dano", advirte.
A sentenza non só impón unha multa de 270.000 euros
tras unha conduta neglixente, senón que acusa o Sergas de "dar paus de
cego" e de "desatenderse da situación da recorrente e derivala a
Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do
problema". Xusto o que leva denunciando meses a Plataforma Galega polo
Dereito ao Aborto (PGDA) e numerosas mulleres. "É un fracaso estrepitoso
do sistema", insiste o xuíz, coincidindo nas críticas de oposición e
colectivos feministas varios.
A sentenza denuncia o "fracaso estrepitoso do
sistema" e incide nas críticas de colectivos feministas e afectadas.
"Fálase moito da violencia de xénero, pero para
a sociedade esta só existe se hai maltrato físico ou psicolóxico ou
feminicidio, pero isto que ocorre cos abortos é maltrato, un tipo de violencia
de xénero que ten nome: violencia institucional e obstétrica... E estámola a
sufrir por parte das administracións", di con dureza Díaz, membro tamén da
PGDA, que repasa a situación en Galicia.
"Isto tamén é maltrato, é violencia de xénero,
institucional e obstétrica e estámola a sufrir por parte das administracións".
Na actualidade, no Materno Infantil da Coruña, xa non
se practican estes abortos. "Os profesionais negáronse ante a falta dun
protocolo axeitado", aclara. Iso, di, ten unha parte positiva: "que
os sanitarios dixesen que até aquí chegaron". Pero tamén unha negativa:
"as mulleres son derivadas a Madrid", á clínica privada coa que a
Xunta mantén convenio. Non pasa en todas as áreas sanitarias galegas,
"pero vai cambiando". "Hai hospitais onde non se practicaban e
agora si e ao revés", engade. A alternativa de non interrompérselle o
embarazo a unha muller por razóns de saúde dela ou do feto: unha viaxe de 600
quilómetros, con todos os problemas que iso provoca e os recortes nas axudas
por parte da Administración.
En Galicia, non hai ningunha clínica privada que teña
autorización para facer abortos con máis de 14 semanas de xestación. Pódense
trasladar casos dunha área sanitaria do Sergas a outra e evitar así o
desprazamento a Madrid? "Cada hospital cobre a zona que lle corresponde;
de aceptar un caso, terían que asumir todos aqueles que non son atendidos na
súa área. Se, teoricamente, non hai risco por derivala, a muller acaba en
Madrid; só no caso de habelo o Sergas tería que asumir o caso", explica
Díaz, que advirte dun caso no país onde a falta de garantías nun centro alleo á
rede pública obrigou a derivalo de novo ao Sergas.
En Galicia, ningunha clínica privada ten autorización
para facer abortos terapéuticos: a alternativa ao Sergas é ir a Madrid.
Tal e como se pode comprobar na devandita sentenza,
sobre un caso acontecido en 2012, isto non é sempre así. A muller correu un
grave risco e quedou sen útero tras ser trasladada a Madrid. E tivo que ser
atendida finalmente nun hospital público. Nese caso, e noutros moitos, segundo
di, incúmprense a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción
voluntaria do embarazo.
No seu artigo 19 garante o acceso á prestación
"a todas as mulleres por igual con independencia do lugar onde
residan" e que a interrupción voluntaria do embarazo "realizarase en
centros da rede sanitaria pública ou vinculados á mesma". Ademais, garante
o dereito á obxección dos profesionais pero aclara que se,
"excepcionalmente" o servizo público non puidera facilitar a
prestación, "as autoridades sanitarias recoñeceranlle á muller embarazada
o dereito a acudir a calquera centro acreditado no territorio nacional, co
compromiso escrito de asumir directamente o abono da prestación". Pero
teñen que adiantar os cartos e desprazarse polos seus medios.
A lei aclara que en caso de anomalías fetais graves o
aborto "realizarase preferentemente en centros cualificados da rede
pública".
Agora ben, pon unha excepción: as intervencións nos
casos nos que "se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida"
ou cando "se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e
incurable no momento do diagnóstico". Nese caso, a interrupción
"realizarase preferentemente en centros cualificados da rede sanitaria
pública". No caso condenado pola Xustiza, acabou sendo así logo de
múltiples neglixencias e erros que provocaron demasiadas consecuencias na saúde
da afectada. En moitos outros, os protocolos non existen ou son saltados.
"Hai un incumprimento da lei en case toda
Galicia", insiste Chus Díaz, que advirte que no caso -máis grave aínda-
que ten que ver coa condena á Xunta os incumprimentos legais son varios e
variados. "Intolerable e inxustificado". Tamén lembra que "a
obxección de conciencia que poidan facer os profesionais nunca pode menoscabar o
acceso á prestación e a calidade asistencial". "Como profesionais hai
que valorar se podemos derivar unha persoa a unha privada ou non porque, moitas
veces, esa clínica tampouco ten os medios técnicos que se lle esixen ao
caso", explica.
"A obxección de conciencia que poidan facer os
profesionais nunca pode menoscabar o acceso á prestación e a calidade
asistencial".
A psicólogo clínica do COF da Coruña, afeita a ver xa
numerosos casos de "desamparo" das mulleres, agarda que a Fiscalía
acabe por investigar para que "de algún xeito, a Administración se faga
responsable e oferte unha atención digna". A Plataforma Galega polo
Dereito ao Aborto achegou os datos concretos de mulleres afectadas que requiría
o Ministerio Público, pero hai moitos máis que non saen á luz nin son denunciados
en ningures. Tras ser denunciada a situación no Parlamento, o Goberno galego
tamén dixo que abrira unha investigación e que todo era correcto, malia que o
propio Sergas recoñecera eivas, cando menos, na área sanitaria da Coruña.
Etiquetas:
aborto,
saúde pública,
violencia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario