miércoles, 1 de junio de 2016
COMUNICADO DA PLATAFORMA DA CORUÑA POLO DEREITO AO ABORTO ANTE A CONMEMORACIÓN DO 28 DE MAIO, DÍA DE ACCIÓN GLOBAL POLA SAÚDE DAS MULLERES
As mulleres organizadas na Plataforma da Coruña polo
Dereito ao Aborto, facemos un chamamento aos gobernos e a comunidade
internacional para que aseguren un enfoque integral, inclusivo e baseado nos
dereitos humanos respecto da saúde das mulleres e das nenas, aproveitando a
conmemoración do DÍA INTERNACIONAL DE ACCIÓN POLA SAÚDE DAS MULLERES.
Esta data, que se ven reivindicando desde 1987, como
medio para dar a coñecer os problemas en materia de dereitos e saúde sexual e
reprodutiva, segue a estar plenamente vixente 30 anos despois.
Estes dereitos están recollidos, como dereitos
humanos fundamentais nos Tratados Internacionais desde os anos 90.
Concretamente na Conferencia do Fondo das Nacións Unidas para Actividades de
Poboación, celebrada en El Cairo en 1994, e a Conferencia Mundial das Mulleres
de Bijing, en 1995. Estes acordos foron subscritos polo goberno do estado
español para o seu desenvolvemento e cumprimento e, xa que logo, son tamén de
obrigado cumprimento para o goberno de Galiza.
Queremos resaltar en primeiro lugar o incumprimento
deste goberno na garantía dun destes dereitos na nosa área sanitaria:
O Dereito á atención e protección da nosa saúde
sexual e reprodutiva e a servizos de saúde que ofrezan unha atención integral e
de calidade.
Este tipo de atención préstase, case que de xeito
exclusivo, nos Centros de Planeamento Familiar, xa que hoxe por hoxe son os
servizos recoñecidos internacionalmente como centros especializados para dar
unha atención integral e de calidade, en materia de Saúde Sexual e Reprodutiva.
Nembargante, na nosa área sanitaria estes centros non
están en condicións de garantir unha atención integral e de calidade.
En primeiro lugar, porque dous Centros de Planeamento
Familiar sempre foron insuficientes para una poboación de máis de 152.000 mulleres
en idade fértil, segundo as rateos recomendadas pola OMS e pola Federación
Internacional de Planificación Familiar. En segundo lugar, porque estes centros
nunca foron accesíbeis xa que están moi lonxe dos núcleos de poboación
comprendidos na súa área (ata 100 quilómetros de distancia).
Toda esta panorámica, xa de por si moi preocupante,
vese agravada pola supresión da praza de xinecoloxía e de auxiliar de clínica
no Centro de Planeamento Familiar do Ventorrillo dende xaneiro do ano 2013.
Isto supón que as mulleres do centro do Ventorrillo teñen que desprazarse ata o
Centro de Planeamento Familiar de Beiramar para recibir atención xinecolóxica.
Ademais a xerencia do hospital suprimiu as revisións xinecolóxicas das usuarias
destes centros para que se puidese asumir nun solo centro a instauración dos
métodos anticonceptivos de toda a area sanitaria, que supón un total de 38
concellos.
Esiximos pois que se cubra, de xeito urxente, a praza
de Xinecoloxía e a de auxiliar de enfermaría no Centro de Planeamento Familiar
do Ventorrillo, e así recuperar as prestacións anticonceptivas e xinecolóxicas
as que temos dereito as mulleres.
Non podemos nin queremos esquecer tampouco o
incumprimento deste goberno na protección doutros dereitos sexuais e
reprodutivos coma son:
O Dereito a decidir sobre as distintas opcións
reprodutivas
Para que este dereito poida ser efectivo requírese
non solo o acceso aos métodos anticonceptivos, aos servizos de interrupción
voluntaria do embarazo, á información e atención sanitaria ás mulleres durante
o proceso de xestación, parto e puerperio; senón que tamén supón que se poñan a
dispor de todas as mulleres que queren ser nais, as posibilidades de facelo
(servizos sociais, escolas, vivenda, comedores, salarios e horarios que
permitan a crianza) e que as nais e os pais teñan a posibilidade de facer
compatible traballo e familia.
Denunciamos a ausencia de políticas sociais,
sanitarias,educativas e laborais que apoien a maternidade e paternidade libre e
responsable.
O Dereito a dispor dunha educación sexual de
calidade, libre de estereotipos e prexuízos morais, ideolóxicos ou relixiosos,
que favoreza unha vivencia positiva e saudábel da sexualidade e que lexitime os
diferentes tipos de relacións, de orientacións e de identidades sexuais.
Denunciamos a política educativa do goberno do PP que
fomenta unha educación afectiva e sexual baseada na ideoloxía da igrexa
católica e que subvenciona aos colexios do OPUS DEI que segregan ás nenas e aos
nenos.
O Dereito a liberdade e integridade corporal.
Son moitas as violacións da liberdade e integridade
corporal das mulleres: a explotación sexual, as agresións sexuais, o acoso
sexual, a prostitución forzada, a trata de mulleres, a chantaxe afectiva en
particular e o maltrato psicolóxico en xeral, e calquera forma de relación
sexual coercitiva. Todas estas agresións son incompatíbeis co dereito á
liberdade e integridade corporal, e teñen un impacto negativo sobre á saúde e a
vida das mulleres.
Para protexer este dereito fundamental é
indispensábel a existencia de recursos públicos e de calidade, para axudar ás
mulleres a enfrontar todas estas manifestacións de violencia.
Denunciamos que os dispositivos públicos
especializados na atención integral a mulleres en situación de violencia, as
axudas económicas e sociais, e o desenvolvemento do marco legal, tanto galego
como estatal en materia de violencia de xénero, son claramente insuficientes e
están a ser aínda máis minguados pola administración, atentando así contra este
dereito fundamental.
Non podemos esquecer hoxe que neste ano en Galiza xo
foron asasinadas 2 mulleres pola violencia machista, que foron máis de dez o
pasado ano, sen que desde a administración galega se poñan os medios
suficientes para evitalo.
E por último recordar que as mulleres imos seguir defendendo
o dereito a decidir por nós mesmas, se queremos ou non ser nais. A maternidade
non é unha obriga, senón unha opción.
As mulleres temos dereito ao aborto libre, sen máis
causa que a vontade da muller, e dentro da sanidade pública.
Denunciamos que a pesares de sermos quen de paralizar
a reforma da lei do aborto, iniciada polo dimitido ministro Gallardón Partido
Popular, actualmente as mulleres de 16 e 17 anos precisan do consentimento das
ou dos proxenitores para decidir abortar.
Denunciamos que na rede sanitaria pública galega non
se garante unha atención integral ás mulleres que interrompen o seu embarazo,
xa que este dereito segue a ser subordinado a criterios ideolóxicos como o da
obxección de conciencia, obrigando ás mulleres que deciden abortar por causas
euxenésicas a facelo en moitos casos sen asistencia profesionalizada na mesma
sala de ingreso, ou ben, sendo derivadas a clínicas privadas Madrid, por mor
desa obxeción, sen que tan sequera poidan dispoñer dunha compensación de custes
de desprazamento, dado que a Xunta de Galiza recortou case á metade a axuda.
Uns cartos que teñen que adiantar as mulleres e costealos por elas mesmas.
Todos estes feitos vimos de poñelos en coñecemento da
Fiscalía do TSXG, rexistrando unha solicitude de entrevista, xunto cos
documentos que avalan a nosa denuncia. O día que esta teña lugar convocaremos
unha concentración de repulsa ante o que consideramos unha vulneración dos
nosos dereitos.
A participación cidadá é un garante para atinxir e
conservar os dereitos sexuais e reprodutivos e as liberdades, nunha sociedade
democrática, por iso convidamos a todas as mulleres en particular, e a
cidadanía en xeral, a defender os nosos dereitos sexuais e reprodutivos, este
28 de maio e o resto dos días do ano.
Etiquetas:
derechos reproductivos,
derechos sexuales,
jornada
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario