miércoles, 28 de septiembre de 2016
A Fiscalía reactiva o caso polos abortos terapéuticos sen asistencia no Sergas
As precarias condicións na que as mulleres no segundo
trimestre de xestación interrompían o seu embarazo en boa parte de Galicia
desvelou numerosas eivas no funcionamento dos protocolos sanitarios no país. A
falta de garantías e da asistencia mínima requirida para estes abortos euxenésicos
-denunciada por varias afectadas hai máis de medio ano- provocou que o Sergas
optase por enviar todas as mulleres a Madrid para seren atendidas nunha clínica
especializada coa que mantén convenio. O devandito protocolo segue sen
aplicarse e, tal e como adiantou Praza, as demandas de atención axeitada e na
comunidade autónoma son respondidas polas autoridades sanitarias con ameazas de
rachar o acordo con ese centro madrileño. A Fiscalía vén de reactivar o caso
para determinar se hai responsabilidade penal por parte da Administración.
A Fiscalía reactiva o caso da falta de asistencia nos
abortos terapéuticos e chamará a declarar a varias das afectadas
Este mércores, o fiscal superior da Coruña recibiu a
Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) para apañar información
detallada sobre as denuncias da deficitaria atención nestes abortos terapéuticos
pasadas as 14 semanas de xestación. Varias mulleres advertiran da falta de
atención continuada e idéntica á dun parto, da imposibilidade de contar con
anestesia epidural ou mesmo de ter que expulsar o feto nun baño e en solitario.
A Fiscalía autonómica derivou ás fiscalías
provinciais os casos -hainos na Mariña, Ferrolterra, A Coruña, Lugo ou Vigo- e
arquivou as dilixencias por falta de casos concretos e denuncias
individualizadas. Agora, a PGDA vén de achegar testemuños con "datos
contrastados" de mulleres que sufriron as eivas na atención. Foi Margarida
Corral, voceira da plataforma na Coruña, quen se reuniu durante máis dunha hora
co fiscal, que agora chamará a declarar a esas afectadas. Son, polo momento, dúas
as que accederon a achegar os seus datos persoais, pero hai "ducias de
casos".
A Plataforma polo Dereito ao Aborto achegou os datos
concretos de mulleres afectadas que requiría a Fiscalía.
"O fiscal solicitará a declaración das
implicadas, o seu testemuño e probas documentais e periciais para determinar se
hai causa penal", explica Corral, que anuncia que a PGDA "valorará
agora" se volve poñerse en contacto con outras mulleres que denunciaron os
seus casos e aínda non facilitaron os seus datos para incorporalos á Fiscalía.
"Desde as autoridades sanitarias non se fixo
nada para mudar os protocolos e continuamos recibindo denuncias de mulleres que
sofren non só a dor física senón consecuencias emocionais. Os abortos euxenésicos
a partir das 14 semanas, e recoñecidos por lei, non se garanten na rede pública
galega, vulnéranse os dereitos das mulleres e, aínda por riba, obrígaselles a
desprazarse a Madrid coas consecuencias psicolóxicas e económicas que iso
implica", explica Margarida Corral, que xunto con ducias de persoas máis
concentrouse ante a propia Audiencia Provincial co gallo do Día de Acción
Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto deste 28 de setembro.
"Desde o Sergas non se fixo nada para mudar os
protocolos; continuamos recibindo denuncias de mulleres".
O protocolo sanitario a seguir, malia o que asegura a
Xunta, non existe segundo os profesionais da saúde. Desde o Centro de Orientación
Familiar (COF) da Coruña asegúrase que no propio hospital materno-infantil se
confirma que todas as mulleres que teñen que afrontar un aborto terapéutico son
enviadas a Madrid, cando menos ata que exista o devandito protocolo.
O Sergas non atende os abortos euxenésicos a partir
da 14ª semana e deriva todos a unha clínica privada en Madrid.
Xa que logo, a alternativa do Sergas para garantir
unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a
unha clínica privada en Madrid. A 600 quilómetros. Pero os gastos teñen que ser
adiantados polas afectadas e as limitacións son importantes. Agora, ademais, a
contía que sufraga a Xunta para o desprazamento rebaixouse case á metade
mentres se aumentaron os requisitos para poder acceder á subvención.
A Xunta reduce as axudas
Así, e poñendo como exemplo a viaxe á clínica Isadora
en Madrid encargada de levar a cabo estes abortos terapéuticos, as pacientes
pasan de recibir algo máis de 213 euros en concepto de gastos de quilometraxe a
recibir uns 144, polo que o importe que se abona por quilómetro pasa dos
aproximadamente 18 céntimos aos 12 actuais.
No caso da viaxe en tren, anteriormente facilitábase ás
pacientes un bono para poder realizar o traxecto en coche cama se así o
desexaba. Agora, e segundo denuncia o COF, a persoa que se traslade a Madrid
ten que adiantar os cartos e terá que viaxar en clase turista, a non ser que un
informe médico xustifique a necesidade de que o faga máis descansada.
Por outra banda, e tamén con motivo do Día
Internacional do Aborto Seguro, a Plataorma Feminista Galega concéntrase este mércores
en Compostela. E reclama "reformar sen máis dilación e con carácter de
urxencia a lexislación co fin de garantir que todas as mulleres teñan aceso o
aborto legal, gratuíto e seguro". Ao tempo, reclaman as "medidas
precisas" para "garantir o pleno respecto ás capacidades das mulleres
para decidir de maneira autónoma sobre a súa sexualidade e a súa reproducción,
en especial sobre a interrupción dos embarazos non desexados e impostos".
Ao tempo, a plataforma solicita que se "traballe
para evitar a influencia de sectores integristas, relixiosos e fundamentalistas
na posta en marcha de políticas públicas sobre saúde, dereitos sexuais e
reproductivos", así coma a "posta en libertade das mulleres que se
atopan privadas de libertade por cuestións relacionadas coa penalización do
aborto no seu país".
Etiquetas:
aborto,
derechos reproductivos,
derechos sexuales,
jornada,
saúde pública
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario