miércoles, 14 de septiembre de 2016
"Queremos que a Lei de Identidade de Xénero non sexa inferior á doutras autonomías"
Despois de anos de loita, o colectivo trans galego
anuncia que van presentar no Parlamento un borrador para unha futura Lei de
Identidade de Xénero. A iniciativa nace do traballo de varias asociacións e
activistas do ámbito trans, técnicos de educación, dereito, sanidade e xénero.
Fixérono público este mércores nunha rolda de prensa,
desde a que solicitaron "oficialmente unha reunión nos vindeiros días con
cada representante dos partidos políticos ou candidatos á Xunta para que asinen
un compromiso" para impulsar esta norma proposta.
Cristina Palacios, presidenta de Arelas (Asociación
de familias de menores trans) manifestou que moitas persoas, entre elas
menores, seguen a ser "rexeitadas e maltratadas no ámbito familiar,
acosadas no ámbito educativo" e a sufrir outras formas de discriminación
por mor da súa identidade de xénero.
Por iso, a súa proposta pretende ser transversal, ao
xeito da lexislación que se veu aprobando noutras autonomías, que son "un
paso adiante para o recoñecemento en todos os ámbitos da vida" e que
inclúen "unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da
inclusión das persoas trans na sociedade".
Ao respecto da lei que saia dese borrador, Sara
Romero, presidenta de Transforma Unión Trans, sostivo que o desexo é "que
non aproben unha lei inferior á que se aproba noutras autonomías". Para
iso, pediu "altura de miras" aos políticos galegos aos que pediran un
compromiso por escrito. "Sería moi difícil de vender que se vai aprobar
unha lei con menos dereitos que noutras comunidades", reflexionou.
A día de hoxe o que se fai, ao seu xuízo é
"mandar o problema a outro lado". "Enfrontámonos a listas de
espera de 10 anos, mándannos a Málaga e alí temos o trato que temos",
denunciou Sara Romero.
Sobre o borrador, Cristina Palacios indicou que pode
estar "perfectamente listo" en 2 ou 3 meses, e que se trata dun texto
de carácter integral "onde se vai falar de todos os ámbitos da vida",
pois defendeu que "non queremos tolerancia, queremos respecto".
Na presentación, enumeraron as "10 medidas
básicas" que pretenden que asinen os políticos galegos, e que son as que
seguen:
1- Aprobación no 1º ano de lexislatura da lei galega
de identidade de xénero consensuada co colectivo LGTBI galego.
2- A carteira de servizos médicos garantirá a
despatoloxización da transexualidade, os tratamentos específicos e, no seu
caso, cirurxías de rexeneración sexual necesarias en todas as etapas da vida.
Así mesmo, a creación dunha unidade asistencial de referencia para a identidade
de xénero, que se especialice na formación dos profesionais sanitarios, a
creación de guías de recomendacións e a execución das cirurxías requiridas.
3- A inclusión da diversidade sexual e de xénero nos
currículos educativos e nos plans de estudos das universidades. Unha forma de
prevención das situacións de acoso ou bullingque se dan desde as primeiras
etapas nos centros educativas.
4- Creación dunha documentación identificativa
transitoria para os residentes en Galicia que non se sintan identificadas co
nome e o xénero rexistrado.
5- Creación dun observatorio LGTBI de investigación,
control, asistencia integral e asesoramento xurídico que vele polo cumprimento
das leis e da recuperación e mantemento da memoria histórica da loita do
movemento LGTBI galego.
6- Traballar transversalmente a sensibilización
social e a visibilización do colectivo LGTBI a través de plans de prevención e
erradicación da LGTBI-fobia para as administracións públicas e as súas
traballadoras, con especial atención aos educadores e educadoras, traballadoras
sociais, persoal sanitario e corpos de seguridade.
7- Realización de plans galegos de fomento do
emprego, autoemprego e de medidas fiscais compensatorias para a inserción
laboral das persoas trans de Galicia.
8- Fomentar a sensibilización, visibilización e
participación na cultura, o deporte e os medios de comunicación, así como
promover a creación da cultura e a literatura da temática LGTBI.
9- Creación dun plan de inclusión social que loite
contra o estigma e a discriminación das persoas trans que se atopen en risco de
exlusión social. Con especial interese naquelas persoas que exercen a
prostitución en contra do seu desexo, inmigrantes, refuxiados, reclusos,
persoas afectadas polo VIH, etc. para os que se necesita unha maior dotación
económica.
10- Dotar dun réxime sancionador a lei galega de
identidade de xénero, que recolla especificamente a discriminación, a exclusión
social e todo tipo de violencia por mor da identidade sexual ou de xénero.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario