sábado, 5 de marzo de 2016

Xúntate para berrar e defender os nosos dereitos!

No pasado día 29 de xaneiro xuntámonos en Compostela diferentes organizacións respostando á chamada aberta feita para a organización conxunta do 8 de marzo. Nesta xuntanza aberta tendo en conta o alí comentado e as mensaxes recibidas chegamos aos seguintes acordos:

O 8 de marzo é unha data de axenda que abrangue todo o feminismo polo que a convocatoria ten que partir do conxunto do feminismo galego na súa diversidade, de todas as organizacións e colectivos.

Achamos importante confluír e a nosa forza está na capacidade para loitarmos xuntas. De aí a importancia de que a chamada á manifestación do 8 de marzo sexa ampla e unitaria.

Manter a convocatoria unitaria neste ano 2016 tal e como se ven facendo nos últimos tempos e ampliar o número de organizacións e colectivos que se unan no apoio a este emprazamento.

O lema da manifestación será: ‘Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita’. A manifestación partirá, coma nos últimos anos, da estación de convois de Compostela o domingo 6 de marzo ás 12.00 horas.

Reiteramos este chamado aberto a apoiar e participar desta convocatoria unitaria na que as feministas galegas sairemos de novo xuntas para exixirmos:

O rexeitamento unánime a un modelo heteropatriarcal de muller única, privada e doméstica, así como a invisibilidade e explotación do traballo reprodutivo e dos coidados.

Unha organización política, social e económica que poña no centro ás persoas. A reorganización social dos coidados e a aposta polo ben vivir.

O exercicio dunha sexualidade libre e diversa. Unha educación afectivo-sexual non determinista, non bioloxicista e igualitaria que garanta o libre desenvolvemento das identidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, así como o mantemento de relacións afectivas e sexuais elixidas, respectuosas, pracenteiras e saudábeis.

O recoñecemento de todas as familias e modelos de convivencia, así como a creación de redes de afectos, apoio mutuo e sororiedade.

O incuestionábel dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, afectos, sexualidade, e maternidades, sendo obriga dos poderes públicos garantir o acceso libre, seguro e gratuíto ao aborto eliminando calquera restrición lexislativa, garantindo este dereito para as mulleres mozas.

Un Estado laico, que garanta os dereitos humanos e a pluralidade de todas as persoas.

A garantía por parte dos poderes públicos dunha vida libre de todas as violencias machistas e discriminacións para todas as mulleres.

En definitiva exiximos o dereito a desenvolvermos un proxecto de vida en liberdade e equidade.





No hay comentarios: