martes, 8 de marzo de 2016

Manifesto polo Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo de 2016

ParaTodasTodo

A Concellaría de Igualdade e Diversidade, con motivo do Día Internacional das Mulleres, fai un chamamento público a institucións, entidades e cidadanía en xeral a asumir a responsabilidade compartida que posibilite o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres. É tempo xa de facer realidade os compromisos existentes para o seu empoderamento e dereitos humanos. 'Para todas, todo', o que nos corresponde en xustiza social; nin máis, nin menos.

O Concello de A Coruña súmase á conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, co convencemento de que non haberá democracia real mentres elas non gocen plenamente dos dereitos humanos. Por este motivo, o Concello de A Coruña anima a ir máis aló dos actos habituais deste día -no que se recoñecen os progresos e tamén os retos pendentes- e adquirir un compromiso explícito por traballar activamente durante todo o ano para facer realidade a consecución dos dereitos das mulleres, de todas, na súa gran diversidade humana.

'Para todas': as lesbianas, as hetero, as transexuais, as bisexuais, as xordas, as cegas, as coxas, as orgullosas, as rabudas, as silenciosas, as transgresoras, as críticas, as alborotadoras, as mediadoras, as activistas, as lideresas, as do norte, as do sur, as migrantes, as xitanas, as nómades, as autóctonas, as máis novas de idade, as mozas vitais, as maiores, as aínda máis maiores, as sabias, as experimentadas, as simples, as novatas, as deportistas, as danzarinas, as voluntarias, as profesionais, as coidadoras e as que renuncian a coidar; 'para todas, todo'. O compromiso do Concello de A Coruña é con todas as mulleres, coa súa emancipación, a súa independencia e o seu incuestionable dereito a gozar dunha vida plena, sen violencias, nin física nin psicolóxica, nin sexual nin económica.

Conscientes do momento histórico que vivimos e da necesidade de superar as difíciles condicións de vida de gran parte das mulleres, sobre quen incidiron máis os efectos das políticas de recortes do pasado recente.

Reivindicamos o dereito efectivo das mulleres a elixir como queren vivir e gozar da súa vida plena.

Declaramos como obxectivo prioritario a eliminación das desigualdades e violencias  patriarcais contra as mulleres.

Apelamos á corresponsabilidade cidadá e á necesaria colaboración entre  institucións e organizacións para garantir o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres.

Aos gobernos, para facilitaren recursos e resposta institucional adecuada que garanta o dereito das mulleres a unha vida plena.

Ás organizacións/entidades empleadoras, para que coas súas políticas de xestión contribúan a diluír as desigualdades económicas e a fenda salarial por cuestión de xénero.
Ao movemento feminista, para que siga artellando redes de empoderamento colectivo, observando e denunciando as dificultades e vulnerabilidades ás que se enfrontan mulleres e nenas e achegando a súa perspectiva crítica na construción doutro modelo de sociedade.
Aos homes, para que exerzan a súa parte de responsabilidade no proceso de autonomía das mulleres; asumindo que, só cando eles renuncien aos privilexios que lles outorga o sistema patriarcal as mulleres terán acceso ás condicións da equidade redistributiva.

Ás mulleres, para que participen, tomando a palabra e ocupando os espazos que lles pertencen naquelas iniciativas sociais e de convivencia cidadá que constrúan igualdade.

Neste 8 de marzo, asumimos o compromiso para:

Reorientar as políticas municipais de forma que contribúan favorablemente ao obxectivo da igualdade de xénero.

Mellorar o funcionamento da corporación local, a través do desenvolvemento de principios baseados na ética, a igualdade na diversidade, a co-participación e a transversalidade do enfoque de xénero na xestión pública.

Priorizar a resposta institucional dirixida a resolver as situacións de maior vulnerabilidade social e económica que inciden nas vidas das mulleres, prestando especial atención ás familias monomarentais.

Reforzar os recursos e servizos municipais existentes que facilitan condicións de igualdade e de corresponsabilidade.

Alentar activamente a coeducación, a aprendizaxe colaborativa e de respecto dos dereitos humanos como eixos de mudanza social.

Visibilizar a diversidade de mulleres, enfoques, perspectivas, necesidades e situacións que vulneran os seus dereitos a unha vida plena.

Recoñecer e apoiar o traballo que desenvolve o Movemento Feminista pola  consecución dos dereitos para todas.

Denunciar e amosar repulsa institucional ante as diferentes formas de violencias machistas.

Neste 8 de marzo, o goberno do Concello de A Coruña reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e co traballo que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Diversidade e comprométese a practicar tolerancia cero ante os intentos de converter os dereitos das mulleres en moeda de troco de intereses electorais.



No hay comentarios: