sábado, 12 de marzo de 2016

Formación Ceesg: (Tran)sexualidades, infancia e intervención socioeducativa

O grupo Fiadeiras lanza unha formación dirixida a educadoras/es sociais que traballan coa infancia, ou con interese neste eido.

Trátase dun curso de 30 horas de duración (coa atención on line da titora/titor do 14 de marzo ao 22 de abril), cunha sesión presencial que terá lugar no Ceesg o 30 de abril.

Presentación:
Como profesionais da Educación Social, coñecer a realidade sexuada é unha oportunidade para entender e atender mellor as situacións que ocorren nas nosas intervención cotiás. E tamén, para saber que e como facer naquelas situacións máis peculiares dos sexos, que polo seu contido, poden xerar certos niveis de dificultades e malestar nos suxeitos que as protagonizan.

Unha destas situacións é a transexualidade. Unha expresión máis da diversidade dos sexos, que por razóns alleas a estes, xera complicacións nas biografías de quen a vive.
As educadoras e os educadores sociais atopámonos nunha posición privilexiada para reducir estas situacións. A nosa capacitación para traballar no acompañamento individual desde o contexto grupal, supón unha extraordinaria posibilidade de socialización para os nenos e nenas, as e os adolescentes en situación de transexualidade.

Para iso, entendemos que é básico que as e os profesionais da educación social teñamos unha formación que nos permita entender a transexualidade como unha expresión máis da realidade sexuada dos suxeitos. Unha expresión que é mostra da diversidade de formas de ser homes e mulleres e non un problema ou unha patoloxía. E desde esta idea, adquirir as pautas básicas de acompañamento ás mozas e mozos en situación de transexualidade e ás súas familias, nos diferentes contextos profesionais nos que as e os educadores sociais desempeñamos a nosa labor.


No hay comentarios: