sábado, 20 de febrero de 2016
Un aborto no segundo trimestre: ¿que din os protocolos internacionais?
A Organización Mundial da Saúde e Ipas fixan os
procedementos a seguir para a interrupción dun embarazo a partir da 14ª semana
de xestación.
Guías e protocolos internacionais describen como
deben desenvolverse as interrupcións da gravidez a partir do segundo trimestre.
De acordo co relato do Centro de Orientación Familiar do CHUAC e de Sabela,
unha muller que abortou na 16ª semana de embarazo no Arquitecto Marcide de
Ferrol, na Galiza non se estarían a cumprir en todos os casos as indicacións.
En 1994 a Conferencia Internacional sobre Poboación e
Desenvolvemento decorrida no Cairo promulgou un mandato que obriga a todos os
estados asinantes do mesmo, entre eles o español e por extensión a Galiza, a
adoptar as medidas necesarias para garantiren abortos "seguros" e
"accesíbeis". Neste senso, sinálase que cada muller ten dereito a
recibir servizos seguros de atención integral do aborto e posterior a este.
Así, durante todo o proceso deberán terse en conta as súas inquedanzas,
intereses e necesidades.
Os protocolos internacionais fixan as inquedanzas,
intereses e necesidades das mulleres como unha prioridade ao longo do proceso.
Aliás, descríbense os dous procedementos que
habitualmente se seguen para a interrupción da gravidez a partir da 14ª semana,
abortos cirúrxicos ou médicos/farmacolóxicos, tamén coñecidos como abortos por
indución. Eis os casos denunciados pola Plataforma en defensa do dereito ao
aborto na Coruña e Ferrol. No entanto, internacionalmente fíxase o dereito das
mulleres a escoller entre as dúas opcións (cirúrxico - farmacolóxico).
As mulleres teñen dereito a elixir entre abortos
cirúrxicos ou farmacolóxicos/por indución.
De acordo cos criterios estabelecidos pola
Organización Mundial da Saúde (OMS) en Aborto sen riscos, guía técnica e de
políticas para sistemas de saúde (Xenebra, 2012) estes deben empregar unha
asociación de medicamentos. No concreto, mifepristona e misoprosol. Este último
atópase en protectores estomacais como o Cytotec, empregados habitualmente nos
abortos clandestinos. Dilata o útero e induce as contracións.
Intimidade, comodidade e atención médica
Aliás, sublíñase o apoio psicolóxico á muller como un
elemento chave na prestacón de servizos de atención integral do aborto. Así
mesmo, as guías describen os equipamentos e profesionais cos que deberán contar
as mulleres que teñan que someterse a un aborto por indución. De maneira
detallada estas indicacións foron achegadas pola Plataforma galega polo dereito
ao aborto da Coruña en xullo de 2015 nun escrito remitido á xerencia de xestión
integrada, á dirección médica da EOXI da Coruña e á dirección de enfermaría.
Ao contrario do que fixan as guías internacionais, as
mulleres non agardan en espazos habilitados.
O documento, ao que tivo acceso Sermos Galiza sinala
que, de acordo cos protocolos internacionais, as Unidades nas que serán
atendidas as mulleres deberán contar con acceso a un equipo de ecografía, un
espazo para que as mulleres agarden comodamente mentres a mifepristona prepara
o colo do útero e un espazo confortábel para todo o proceso nos abortos por
indución, lonxe das salas de dilatación de partos. Aliás, contarán cunha sala
de recuperación para descansar despois do procedemento.
En conversa con Sermos Galiza, unha das mulleres ás
que se lles practicou este aborto narra como estivo agardando nunha sala con
mulleres que estaban a preparar o seu protocolo de parto e mesmo unha
parideira. Aliás, foi ingresada nunha habitación partillada con outra doente
que ía ser intervida cirurxicamente ao día seguinte.
Recomendan que as mulleres non teñan contacto cos
restos fetais
Doutra banda, os abortos por dilatación e extracción
deberán contar cun paritorio básico no que exista o preciso para suministrar
anestesia epidural ou sedación. As habitacións de ingreso nas que decorren
estes abortos quer no CHUAC, quer no CHUF non permiten o traballo dos profesionais
anestesistas polo que as mulleres se ben obrigadas a parir con dor.
Aliás, recoméndase unha equipa de saúde estábel e
preparada que garanta non só eficacia no proceso senón seguridade e atención ás
mulleres. Isto é, anestesistas, matronas, xinecólog@s e mesmo persoal de apoio.
O procedemento descrito pola Plataforma polo dereito
ao aborto da Coruña, recollido pola Guía de atención integral de Ipas, sinala
que "os restos [do feto] permanecerán fóra da ollada da muller en todo
momento" algo que non acontece cando son elas as que asumen soas a
expulsión, como denuncian.
Etiquetas:
aborto,
derechos reproductivos,
manifestación
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario