sábado, 20 de febrero de 2016
O Sergas terá que aclarar os abortos sen asistencia médica no hospital público da Coruña
Abortos sen asistencia médica no hospital público da
Coruña. Esa é a denuncia da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que
asegura que as mulleres que se ven obrigadas a abortar no segundo trimestre de
embarazo non teñen garantida a asistencia necesaria, nin a duha matrona nin a
do persoal médico axeitado, no Materno Infantil da Coruña.
A Plataforma polo Dereito ao Aborto denuncia que no
Materno Infantil non se garante a asistencia necesaria a unha muller que aborta
no segundo trimestre de embarazo.
Foi hai xa sete meses cando a Plataforma, a través do
COF (Centro de Orientación Familiar) remitiu un escrito á xerencia do Complexo
Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e ás directoras médicas e de
enfermaría do hospital advertindo de como debía ser a atención a estas mulleres
que sofren un aborto a partir das 14 semanas de xestación segundo os protocolos
internacionais. No mesmo texto denunciábase que non se estaban a cumprir nin
cos mínimos no Materno Infantil e instábase a tomar medidas. Pero nada se fixo
aínda. De feito, a xerencia da área sanitaria recoñeceu que non se garante a
asistencia a cada unha das pacientes que acode a esta interrupción do embarazo
do mesmo xeito que nun parto. Segundo recolle Radio Coruña, o Materno xustifica
o seu traslado a xinecoloxía para preservar a súa intimidade.
"Como mínimo pediamos un protocolo por escrito
da xerencia para que os traballadores o tivesen en conta e se aplicase, pero
nin iso recibimos", explican desde a Plataforma, que aclara que desde que
en xullo reclamaron solucións "nunca" tiveron resposta. Aínda así,
houbo algún avance no hospital, onde se chegou a habilitar un cuarto para estes
abortos, pero ningún avance máis e coa mesma problemática vixente.
A situación foi denunciada á xerencia do CHUAC hai
sete meses pero non houbo solución ningunha.
As denuncias son graves, tanto como que houbo
mulleres que tiveron que abortar soas nunha cama ou mesmo no baño do seu cuarto
e sen asistencia ningunha para recoller o feto, o que tamén provoca danos
psicolóxicos que logo deben ser tratados. Ademais, e segundo advirten, non hai
posibilidade de recibir a anestesia epidural nin garantía de asistencia médica.
A xerencia ofrece como solución, no caso de querela garantida, que as pacientes
sexan trasladadas a Madrid e que o Sergas asuma os custos do desprazamento.
"Non é un caso illado nin dous, son moitísimos
testemuños e máis que están a xurdir logo da denuncia pública", insisten
desde a Plataforma, que aclara que este proceder vai en contra de todos os
protocolos internacionais sobre dereitos sexuais e reprodutivos, que advirten
da necesidade de que a muller sexa atendida por profesionais de xinecoloxía e
un parto asistido nunha sala axeitada e non no cuarto de ingreso.
Mulleres tiveron que abortar soas nunha cama ou nun
baño sen asistencia ningunha para recoller o feto, segundo as denuncias.
O caso chegou xa ao Parlamento e o BNG presentou unha
interpelación na que reclama do Goberno galego e da Secretaría Xeral de
Igualdade abrir unha investigación sobre as condicións nas que se atopan as
mulleres sometidas á interrupción voluntaria do embarazo. "É un horror, a
violencia total; é intolerábel", aseguran catro deputadas do Bloque, que
presentaron tamén unha pregunta en pleno. Ademais, o Concello da Coruña vén de
solicitar unha xuntanza co conselleiro de Sanidade ante a “preocupación” pola
atención do CHUAC.
O BNG pide unha investigación e o Concello da Coruña
xa solicitou unha xuntanza co conselleiro.
“Consideramos necesario que se doten os servizos para
que esta situación, xa de por si tan traumática para as mulleres, non se
produza e dispoñan tanto de persoal sanitario como de anestésicos (epidural),
igual que se de un parto se tratase”, sinala a concelleira de Igualdade e
Diversidade, Rocío Fraga, no documento remitido este mércores ao departamento
autonómico.
Respecto das causas desta situación, a Plataforma
asegura que "inflúe" o recorte de persoal que na sanidade pública se
leva facendo nos últimos anos, pero lembran que "isto sucede, en maior ou
menor medida, en todas as áreas sanitarias de Galicia desde hai anos". En
Ferrol, sen ir máis lonxe, tamén se denunciaron casos semellantes. "É
evidente que os recortes afectan pero tamén é unha cuestión ideolóxica; de non
ser así, non se entende que se garanta a asistencia e tratamento axeitado dunha
muller que vai parir un fillo e non daquela que, pola causa que sexa, aborta no
segundo trimestre de embarazo", engaden.
A Plataforma atribúe a situación ao "recorte de
persoal" pero, sobre todo, a "unha cuestión ideolóxica".
Ante este caso, o colectivo xa convocou unha
mobilización para este xoves 18 de febreiro, ás 12 horas, diante do Rexistro do
Hospital Universitario da Coruña para reclamar que se "tomen as medidas
oportunas para garantir unha atención integral e de calidade ás mulleres que
precisan un aborto no segundo trimestre do seu embarazo". Ademais, anima a
cidadanía a entregar escritos de reclamación no rexistro do CHUAC,
"expresando o seu rexeitamento a esta situación e demandando que se
adopten as medidas oportunas".
Etiquetas:
aborto,
derechos humanos,
derechos reproductivos,
manifestación,
salud sexual,
saúde pública
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario