sábado, 20 de febrero de 2016
Mulleres obrigadas a abortar soas pola falta de matronas na área de xinecoloxía do CHUAC
A Plataforma en defensa do dereito ao aborto e o COF
denuncian que a Xerencia non garante unha atención acaída ás mulleres que
abortan após 14 semanas de xestación através da indución do parto.
A Plataforma en defensa do dereito ao aborto da
Coruña convocou unha movilización o 18 de febreiro diante do Complexo
Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para denunciar a situación que
atinxe as mulleres que teñen que interromper o seu embarazo pasadas 14 semanas
de xestación.
Partos en habitacións convencionais e sen asistencia
sanitaria de calidade, sinala Chus Díaz Anca desde o Centro de Orientación
Familias (COF). “É un horror”, denuncia.
"É un horror, a violencia é total, é
intolerábel"
No concreto, aquelas mulleres que contan cunha
gravidez superior ás 14 semanas teñen dúas opcións para interromper o embarazo.
“Facelo no Materno” ou “ir a unha clínica privada-concertada en Madrid”,
explica.
Trátase de situacións nas que concorren algún dos
dous supostos contemplados pola actual lei en vigor, “malformación fetal,
moitas delas incompatíbeis coa vida” ou “problemas de saúde para nai”, sinala Chus Díaz. Estas
interrupcións, embora ser unha decisión da muller, son “moi difíciles” pois
“son embarazos desexados”.
Indución do parto
Para interromper a gravidez “emprégase unha técnica
que consiste na indución ao parto” através da colocación duns óvulos que
provocan a expulsión do feto, ora ben, “morto”. A práctica ten lugar no Materno
“na área de xinecoloxía” e “non hai matronas, só enfermeiras”. “Teño en terapia
mulleres que tiveron o parto na habitación, soas e sen anestesia”, explica,
pois o persoal anestesista “négase a pór a epidural nesa situación”. Unicamente
a supervisora da área, unha matrona, asiste as mulleres que, no entanto, acuden
ao hospital cando ela se atopa nas instalacións. Faino de maneira voluntaria
pois, “non está contratada para iso”.
“Teño en terapia mulleres que tiveron o parto na
habitación, soas e sen anestesia”, explica, pois o persoal anestesista “négase
a pór a epidural nesa situación”.
Desde a Plataforma en defensa do dereito ao aborto
“denunciámolo hai tempo”, di. Concretamente en xullo de 2015 remitiron un
escrito dirixido á Xerencia do CHUAC e ás directoras médica e de enfermaría no
que describían “como debía ser a atención das mulleres que teñen un aborto no
segundo trimestre de embarazo” de acordó co fixado polos protocolos
internacionais. Porén, explica Chus Díaz, “desde o COF levamos moito máis tempo
denunciándoo e mantendo xuntanzas” coa dirección do hospital. “Neste tempo din
que van cambiar mais polo de agora nada”.
A alternativa a esta realidade é que as mulleres
sexan atendidas nunha clínica privado-concertada de Madrid na que “é diferente”.
Paren nun paritorio e coa supervisión dunha matrona, afirman. Mais non todas as
mulleres están en disposición de asumir este deslocamento.
Deslocadas a Madrid á privada
Por que en Madrid?, preguntamos. “No Materno non se
practicaban abortos” até hai un tempo. “Como o permite a lei todos os
profesionais se declararon obxectores de conciencia” e na Galiza non existían
clínicas “con licencia para practicar abortos a partir das 14 semanas”. “Cando
comezaron a facelos, isto empezou así”, sinala en relación ás condicións nas
que se levan a cabo. É unha situación, afirma, “de violencia total, é
intolerábel”.
"As mulleres teñen pesadelos e ansiedade sobre
todo polas imaxes que lles quedan após ter un feto morto entre as pernas
mentres agardan".
Chus Díaz sábeo ben. Desde o COF levan a cabo
terapias con algunhas destas mulleres. “Teñen pesadelos e ansiedade”, sobre
todo polas imaxes que lles quedan “após teren un feto morto entre as pernas”
mentres agardan a que profesionais sanitarios con formación “retiren a placenta”.
Tarefa que non levan a cabo as enfermeiras e si matronas e xinecólog@s.
“Non podemos garantir que todas as mulleres teñan
unha atención sanitaria acaída” nas mesmas condicións en que paren “mulleres
con fetos vivos”, apunta.
“Teño mesmo mulleres en terapia que tiveron que pór
os óvulos elas propias cando iso é labor dun sanitario”, sinala en relación ao
tratamento que se suministra para provocar o aborto.
Sen COF no Ventorrillo
Após sete meses desde a queixa presentada pola
Plataforma en defensa do dereito ao aborto e perante o silencio da
administración, o colectivo feminista, apoiado tamén pola Plataforma en defensa
da sanidade pública, chaman a participar nunha movilización o 18 de febreiro ás
12h perante o CHUAC mais tamén a que outras organización ou persoas individuais
fagan chegar as súas queixas á Xerencia do hospital denunciando que “as
autoridades da área sanitaria da Coruña están a vulnerar os dereitos sexuais e
reprodutivos de todas nós. Porque as mulleres que teñen necesidade de que se lles
practique un aborto de máis de 14 semanas por causas médicas, no hospital
materno -infantil da Coruña son dobremente castigadas ao non ter a mesma
atención que nun parto”, sinalan nun escrito.
A Plataforma lembra que os 30 concellos que abrangue
o COF do Ventorrillo continúan sen profesional de xinecoloxía desde xaneiro de
2013.
Aliás, lembran quen as mulleres de 30 concellos do
rural: Abegondo ,Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Camariñas,
Carballo, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Curtis,
Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laracha, Malpica, Miño, Muxía, Oza - Cesuras,
Paderne, Ponteceso, Sobrado dos Monxes,Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas,
están sen profesional de xinecoloxía no seu Centro de Orientación Familiar de
referencia (O COF do Ventorrillo) dende xaneiro do 2013.
Persoal
Esta terza feira as organizacións que integran a
Plataforma en defensa do dereito ao aborto reúnense para valorar máis accións
entre as que se atopa derivar a información recompilada a algunhas parlamentares
do Pazo do Hórreo na que procura de responsabilidades por parte do goberno
galego.
Neste senso, reclaman "habilitar un espazo onde
están as matronas" ou "contratar matronas en xinecoloxía que cubran
todas as quendas, mañá, tarde e noite". Desde a dirección do hospital
"dixeron que estaban a habilitar unha sala especial" mais diso vai
"máis dun ano", sentencia.
Etiquetas:
aborto,
derechos reproductivos,
manifestación
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario