sábado, 20 de febrero de 2016
"Están a obrigar as mulleres a inducir o parto"
A Plataforma rexistrou un escrito dirixido á Xerencia
do CHUAC
A Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña sinala
que no Materno "obrigan" as mulleres aos abortos inducidos. "Non
é puntual", alertan, "é unha realidade". O Defensor do Paciente
pide á Fiscalía que investigue.
VÍDEO
Unha concentración decorrida ás portas do Hospital
Materno Infantil da Coruña, convocada pola Plataforma polo dereito ao aborto,
reclamou esta quinta feira (18 de febreiro) que se garanta o "aborto
digno" para aquelas mulleres que teñen que interromper a súa gravidez
durante o segundo trimestre de embarazo.
Ao berro de "que cese a tortura" as
mulleres exixiron que se preste a debida atención sanitaria ás mulleres para
rematar cos casos de abortos por indución sen asistencia que están a desenvolverse
no CHUAC, mais tamén no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
En conversa con Sermos Galiza, Margarida Corral,
integrante da Plataforma e secretaria de Muller da Confederación Intersindical
Galega (CIG) asegurou que, ao contrario do que afirma a Xerencia do CHUAC,
"están a obrigar as mulleres a inducir o parto" pois non poden
escoller entre as dúas fórmulas contempladas nos protocolos internacionais e na
que se inclúe, para alén do aborto farmacolóxico ou por indución, o de dilatación
e extracción (cirúrxico).
"Están a obrigar as mulleres a inducir o parto,
non hai opción de escolla"
"Non hai opción de escolla", afirma
Margarida Corral, "iso é unha evidencia, non hai protocolo e se é que o
hai que o digan e informen as mulleres" para decidiren por cal das dúas
opcións optan.
Desde a Plataforma polo dereito ao aborto subliñan
que se está a producir unha discriminación entre aqueles fetos viábeis que
nacen vivos e cuxas nais "si poden ter asistencia e sedación" e
aqueloutras que teñen que interromper a súa gravidez. "Non teñen as mesmas
condicións", advirten, polo que exixen sexan modificados os actuais
protocolos para que non se repitan casos como os feitos públicos ao longo dos
últimos días e nos que diversas mulleres deron conta de abortos inducidos en
habitacións de ingreso nos que tiveron que parir os fetos soas, no baño e en
cuñas de ouriñar.
A Plataforma exixe que sexan modificados os
protocolos para que as mulleres poidan decidir se optan por un procedemento de
dilatación e extracción con sedación.
"É incríbel e denunciábel que existindo casos
nen sequera se muden os protocolos", subliñan. Neste senso, rexistraron un
escrito esta quinta feira ao remate da concentración dirixido á Xerencia da
EOXI da Coruña no que reclaman o cumprimento dos protocolos internacionais a
respeito dos abortos no segundo trimestre. Aliás, lembran que hai 7 meses que
agardan unha resposta por parte da dirección do CHUAC após remitírenlle un
escrito en xullo de 2015 do que non recibiron resposta.
O Defensor do Paciente pide á fiscalía que investigue
Asegura que se trata dunha situación
"vergoñenta" e "ruín" na que "hai unha presunta mala
fe".
Esta quinta feira (18 de febreiro) a Asociación do
Defensor do Paciente presentou un escrito perante a Fiscalía de Galiza para que
inicie de oficio unha investigación arredor dos abortos sen asistencia médica
que están a ter lugar no CHUAC, mais tamén no CHUF.
O colectivo insta a que se determine que está a
acontecer após as denuncias públicas que narran interrupcións do embarazo
durante o segundo trimestre de xestación ás que "non se lles garante que
estexan atendidas por persoal médico, nen recibir a epidural" como
denunciou a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña e o propio Centro de
Orientación Familiar (COF) da Coruña. Aliás, lembran desde o Defensor do
Paciente, para accederen a unha asistencia coas debidas garantías "a única
alternativa que se lles ofrece é desprazarse a Madrid".
A asociación ve unha "presunta mala fe,
denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres con coñecemento de que
se está a facer" polo que exixen sexan depuradas responsabilidades ao
poder incorrer nunha forma de "maltrato" ás mulleres como é a
violencia obstétrica.
Etiquetas:
aborto,
derechos humanos,
derechos reproductivos,
manifestación
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario