domingo, 12 de marzo de 2017

SEMPRE FEMINISMO-MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Coruña saiu á rúa para berrar contra a violencia, a discriminación e o empobrecemento das mulleres, contra o machismo sempre feminismo! #8M #FeminismoparaVivir


MANIFESTO 8M: Día Internacional das Mulleres

Fronte ao machismo e capitalismo: Sempre feminismo!
Saimos á rúa unha vez máis para conmemorar o día 8 de marzo día internacional das mulleres. Esta data é unha conquista colectiva do movemento feminismo ao longo dos anos, e como tal, un momento importante da axenda política pola defensa dos dereitos das mulleres. Para a Marcha Mundial das Mulleres é ademáis, unha data ligada á loita contra un sistema sociopolítico depredador no que resulta imposíbel construír vidas dignas de tal nome. Nós e as nosas irmás facemos deste día, unha xornada de reivindicación e loita contra a violencia e o machismo, máis tamén contra o capitalismo: alianza imprescindíbel do patriarcado contra a vida das mulleres.
A nosa sociedade está instalada na conformidade e na idea de que ese ficticio Estado de Benestar, que nunca contou coas mulleres, pode regresar tras a crise do sistema para restaurar os privilexios sociais e económicos que existían antes. Un antes irreal, dun benestar descoñecido para miles de mulleres que antes e agora somos explotadas, discriminadas, precarizadas e recluídas no fogar para o avance do modelo económico do capital, dirixido á acumular riqueza a costa das nosas vidas.
A esta depredación material dos nosos recursos eliminando a nosa base material de vida, precarizando ata o extremo o emprego feminino, destruíndo sectores primarios nomeadamente femeninos ou deixando os coidados en mans das mulleres, xerando riqueza que non revirte na mellora das nosas vidas, súmanse tímidas lexislacións en materia de igualdade de dereitos que carecen de recursos para a súa aplicación, e que constrúen unha sociedade ficticia en igualdade que se desmorona cando coñecemos a realidade da violencia que a sustenta. Ademáis, o fascismo medra aumentando as formas autoritarias de xestionar esa acumulación de riqueza e a violencia exercida contra os pobos. Na UE, en Austria, Suíza, Hungría, Francia, Dinamarca, Reino Unido...as porcentaxes de apoio a partidos de estrema dereita son cada vez maiores. En EEUU o país polo que se mide a política en occidente xa goberna. E gobernan e pretenden gobernar contra @s que pensan diferente, @ inmigrante, as mulleres e as minorías de calquera tipo. Nos países chamados desenrolados, nos países nos que o capitalismo vai a un ritmo máis acelerado, os muros da indignidade cada vez son máis numerosos e máis altos.
Nós como feministas non queremos a alternativa de ”liberdade” que vende o neoliberalismo e o capitalismo depredador, que levou a bancos e multinacionais a impoñer as regras do xogo en todo o mundo, nen tampouco “pactos de estado” cos partidos responsábeis dos recortes das nosas vidas: dos tratamentos de saúde para as mulleres, das actividades de prevención contra a violencia, dos recursos para atención de mulleres agredidas, dos recursos xudiciais, da educación en igualdade... Os gobernos salvaron bancos e consenten o empobrecemento de servizos e fondos públicos. Para blindar os seus dereitos están a negociar en secreto tratados de espolio das nosas vidas e do noso entorno como son o TTIP ou o CETA. Dende o movemento feminista combatemos este mundo que mercantiliza os nosos dereitos e a nosa terra, e defendemos os dereitos dos pobos a defender os seus territorios e a reclamar a súa soberanía plena, fronte ao monstruo da globalización capitalista.
As mulleres resistimos e respostamos masivamente en todo o mundo contra estes sistemas opresores. En EEUU, a Womenʼs March, xuntou a máis dun millón de persoas en Washington, e moitas máis en 600 manifestacións en todo o país, berrando non a un presidente que fixo bandeira do machismo e racismo máis indignante. En Polonia, miles de mulleres vestiron de negro e puxéronse en folga fronte a lei de prohibición total do aborto que estaba a tramitar o goberno ultracatólico. En Suecia, fíxose viral a fotografía de Maria-Teresa Tess desafiando, ela soa, a unha
En Arxentina, baixo o lema “ni una menos”, as rúas de Buenos Aires berraron que non tolerarían máis feminicidios, en Turquía as mulleres paralizaron a legalización dos abusos sexuais a menores con mobilizacións masivas fronte aos seus parlamentos e institucións, en Moçambique resisten fronte a leis que pretenden uniformar a súa vestimenta a través dos estereotipos de xénero, en Galiza as nosas labregas loitan pola titularidade das súas explotacións, as nosas mariscadoras polo dereito a un traballo e unha vida digna, as educadoras e profesionais da saúde por uns servizos públicos de calidade e todas polo dereito a vivir do que producimos na noas terra.
Non esquecemos ás compañeiras kurdas, que loitan contra a barbarie do estado islamista e contra o Estado fascista turco gobernado por Erdogan. Turquía sigue asasinando e torturando a opositor@s dunha ditadura maquillada de democracia, mentres é financiada pola UE para poñer freo a miles de refuxiad@s que foxen do terror e da fame. Non esquecemos tampouco ás compañeiras africanas, que loitan en países coma o Congo, que se desangra en conflitos alimentados pola cobiza do capital, no que o corpo das mulleres segue a ser botín de guerra.
A pobreza, no noso mundo, segue a ter nome de muller. Así, o 70% de persoas que viven na extrema pobreza son mulleres. Con salarios menores, máis paro e condicións laborais máis precarias, somos, sen embargo, o sostén da economía real, xa que no ámbito doméstico a maior parte do traballo segue a ser noso. Un traballo invisibilizado e menosprezado que posibilita que todo o demais poida seguir funcionando. Somos o motor que emprega o sistema e somos por tanto o motor do cambio e a transformación.
Por todos os dereitos conseguidos coa loita e por todos os que con loita temos que acadar, seguiremos a facer nosa a rúa e a reivindicar xuntas que queremos un mundo feminista, solidario, libre, xusto e en paz.


SEGUIREMOS EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!



No hay comentarios: