viernes, 17 de marzo de 2017
A Coruña converterase "na capital da loita contra as violencias machistas" durante as xornadas 'Municipios cara á igualdade', que se celebrarán o 24 e 25 de marzo
A edil Rocío Fraga destaca a participación de
representantes de oito concellos de todo o Estado “que destacan pola posta en
marcha de políticas innovadoras cara á igualdade de xénero e que poñen en valor
as diversidades”.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, presentou esta mañá as xornadas Municipios cara á igualdade: políticas
transformativas para a igualdade de xénero, que se desenvolverán na Domus os
días 24 e 25 de marzo. A iniciativa, vinculada ao programa de actividades do 8
de marzo, Mulleres que transforman realidades, reunirá na cidade a representantes da área de igualdade de
oito cidades do Estado e membros dos grupos municipais que gobernan estas
localidades, como son Barcelona, Madrid, Valencia, Compostela, Fuenlabrada, Iruña, Vitoria-Gasteiz ou Castelló,
"o que situará a cidade da Coruña no epicentro das políticas municipais
encamiñadas á igualdade, atención ás diversidades e á erradicación das
violencias machistas igualdade a nivel estatal", afirmou a edil.
"Para camiñar cara a unha sociedade igualitaria
cómpre executar políticas desde a proximidade, que é onde temos capacidade os
concellos", explicou a titular de Igualdade, "polo que estas
xornadas, abertas á cidadanía, permitirán intercambiar experiencias que, desde
o ámbito local, marcan unha tendencia de actuación para a consecución de
obxectivos comúns que transcenden as competencias dos municipios". A este
respecto, a concelleira destacou o traballo que se levará a cabo "non só
con aquelas cidades coas que xa temos abertas moitas liñas de colaboración
durante todo o ano, como son Barcelona, Compostela, Madrid ou Valencia, senón
con todos aqueles municipios que poñen en práctica políticas innovadoras e
prácticas con resultados positivos para crear cidades máis igualitarias e que
poñen en valor as diversidades", e engadiu, neste sentido, que o Goberno
local "sempre ten disposición e vontade de diálogo e de traballo con todas
aquelas persoas e institucións que así desexen facelo".
"Un dos municipios que fará achegas nesta
xornada, e que leva anos desenvolvendo políticas de xestión da diversidade,
será Fuenlabrada", salientou Fraga, "berce do Programa PIPE, que
desenvolve o Concello da Coruña a través da Policía Local cara a previr as
identificacións con nesgo discriminatorio, e mellorar a eficacia deste corpo na
súa loita contra os delitos de odio, así como impulsar a participación
cidadá".
As xornadas, que porán sobre a mesa as políticas
levadas a cabo tanto nos municipios participantes como pola área que dirixe
Rocío Fraga, son de carácter aberto á cidadanía. "Esta Concellería, ao
igual que o resto do Goberno local, pula pola participación da veciñanza á hora
de elaborar as súas políticas", aseverou. Como mostra, a edil destacou o
desenvolvemento do Pacto social por unha cidade libre de violencias machistas,
"proxecto pioneiro" que actualmente se atopa na fase de encontros
abertos á cidadanía "con grande éxito de asistencia", á vez que
lembrou que esta tarde terá lugar unha nova xuntanza no Centro Cívico de San
Diego, ás 19.00 horas.
Así, durante a xornada do venres 24, que inaugurará o
alcalde, Xulio Ferreiro, ás 10.00 horas, analizarase proxectos concretos
levados a cabo polos concellos participantes coa finalidade de erradicar as
violencias machistas nos seus municipios. En concreto, entre as propostas que
se abordarán este día, a edil Rocío Fraga explicará o desenvolvemento do Pacto
Social por Unha Cidade libre de Violencias Machistas. Tamén haberá tempo para
abordar iniciativas que tiveron un especial impacto na poboación, como a
campaña Concellos en negro, que se levou a cabo en 20 localidades galegas,
entre elas A Coruña, ou Sanfermines contra as agresións sexuais nas festas de
Iruña.
O sábado, 25 de marzo, o diálogo xirará arredor dos
novos enfoques das políticas para atender ás diversas realidades e, entre elas,
cobrarán importancia as liñas de traballo co colectivo LGTBQI, onde o Concello
da Coruña exporá a posta en marcha do novo Espazo das Diversidades e
Identidades de Xénero, inaugurado o pasado mes de decembro. Neste día,
analizaranse cuestións como a corresponsabilidade cidadá para o empoderamento
das mulleres, programas de saúde comunitaria ou o urbanismo, dentro da
administración local, que atende ás diversidades. Durante as xornadas tamén se
presentarán os resultados do traballo que realiza, nesta liña, a Universidade
da Coruña, coa que o executivo coruñés ten asinado un convenio a través do
Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), coa finalidade "de poñer
en valor unha das institucións máis importantes desta cidade e pode facer
numerosas achegas para mellorar as políticas públicas nesta e outras
materias", especificou a responsable municipal.
Finalmente, o encontro rematará cun roteiro feminista
(17.00 horas), un percorrido urbano que se levará a cabo desde a Domus até a
Praza de María Pita, co obxectivo de achegar unha reflexión sobre a adaptación
dos elementos urbanos ás diferentes necesidades da vida cotiá. "Farase
fincapé na diversidade de persoas que usan o espazo público, equipamentos,
transporte así como na diversidade de experiencias e tarefas que teñen estas
persoas", explicou Fraga, quen sinalou que a ruta tamén permitirá
"visibilizar as mulleres e a súa historia nos espazos da cidade". As
xornadas Municipios cara á igualdade: políticas transformativas para a
igualdade de xénero son gratuítas, pero é necesario realizar a inscrición
previa a través da páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeyaRgSqInor1w2KoFFrUFvS3SxzjV5MdhmCD8TAFNEa_ygvw/viewform?c=0&w=1
Etiquetas:
convocatorias,
feminismo,
igualdad
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario