domingo, 12 de marzo de 2017
O Concello celebra o 8 de marzo cun convite aberto á cidadanía para participar durante todo o mes nas actividades do programa ‘Mulleres que transforman realidades’
Entre as accións previstas para o Día Internacional
das Mulleres destaca a inauguración das prazas Oito de Marzo e Elvira Bao
Maceiras, ademais da celebración, os días 24 e 25, de xornadas de debate sobre
políticas transformadoras e igualdade de xénero, con representantes de
concellos de todo o Estado.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, presentou esta mañá as distintas actividades dentro do programa Mulleres
que Transforman Realidades, que se celebrarán ao longo de todo o mes en
distintos puntos da cidade co gallo da celebración do 8 de marzo, Día
Internacional das Mulleres, e festivo na Coruña. "Queremos trasladar á
cidadanía un convite aberto, para participar en todas as actividades previstas,
que teñen unha dupla dimensión, tanto festiva, como vindicativa", indicou
a responsable municipal.
"Pretendemos facer visible que os dereitos das
mulleres forman parte da historia inacabada e incompleta dos dereitos
humanos", dixo Fraga, que destacou a diversidade de actividades de
carácter participativo previstas para todos os públicos. Se ben os actos dentro
do ciclo Mulleres que Transforman Realidades iniciaranse o próximo martes, 7 de
marzo, e manteranse até final de mes, a programación especial do 8 de marzo
comprende a inauguración, na zona da Cubela, das prazas Oito de Marzo e Elvira
Bao Maceiras. "É unha forma de reivindicar as mulleres no rueiro da
cidade, onde historicamente existen grandes desigualdades", destacou a
concelleira, quen quixo poñer en valor a figura das mulleres no que atinxe á
Recuperación da Memoria Histórica. "A mestra Elvira Bao, integrante das
Irmandades da Fala, foi apartada do seu traballo e pasou meses na cárcere
debido ao seu activismo político" recordou a concelleira. Precisamente,
dende a Praza Elvira Bao Maceiras partirá, ás 11.30 horas, logo da
inauguración, un roteiro titulado Traficando con peixe e cigarros: mulleres,
traballos e saberes da cidade, e no que se irán analizando a través da Cubela,
A Gaiteira, o Parque Europa e o Río Monelos, a Praza da Palloza e a Fábrica de
Tabacos diversos traballos históricos de colectivos de mulleres da cidade: farmacéuticas,
comerciantas, ferreiras, lavandeiras, pescantinas, redeiras, cigarreiras e
sindicalistas.
Noutro escenario histórico e especialmente simbólico
como é a praza da Fábrica de Tabacos terá lugar tamén, dende ás 12.00 horas, a
Feira de Creadoras e Artesás, que estará aberta ao público até as 20.00 horas e
na que haberá "tanto postos de venda como unha mostra de proxectos de
vida". A feira está amenizada coa actuación do grupo de folk de mulleres
Habelas Hainas, así como por unha concentración de mulleres moteiras, e unha
acción performativa sobre o ambicioso proxecto que está a desenvolver a
Concellería de Igualdade e Diversidade como é o Pacto Social por unha Cidade
Libre de Violencias Machistas. As 20.30 horas terá lugar no Teatro Rosalía de
Castro, a escenificación da obra Helena, xuízo a una lurpia, da compañía Teatro
do Atlántico.
Á marxe, e nos días anteriores e posteriores á
celebración do 8 de marzo, tamén haberá diversas actividades e actuacións, nas
que se enmarca o concerto de Guadi Galego, o martes 7, no Teatro Rosalía de
Castro, así como o o espectáculo Lavandeiras, con Vero Rilo, que se se
celebrará o venres, 17 de marzo, ás 19.30 horas no Centro Cívico de Monelos.
Punto de debate en todo o Estado de Políticas
Transformadoras
Por outro lado, Fraga destacou que durante os días 24
e 25 de marzo "A Coruña se converterá en punto de debate dentro de todo o
Estado sobre as políticas transformadoras de cara á igualdade de xénero".
Esa fin de semana terán lugar, na Domus, as xornadas Municipios cara á
igualdade: políticas transformativas para a igualdade de xénero. "O que
imos acoller é un punto de encontro municipal para o debate, o intercambio de
experiencias e o artellamento de alianzas e redes para a promoción de políticas
transformativas para acadar a igualdade efectiva no ámbito local". En
concreto, está prevista a presenza nestas xornadas --nas que participará tanto
Fraga como o propio alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro-- de representantes
municipais dos concellos de Barcelona, Madrid, Fuenlabrada, Valencia, Iruña,
Santiago de Compostela, Vitoria-Gasteiz e Castellón, ademais de membros de
institucións tales como a Universidade da Coruña (UDC).
Ademais, durante todo o mes e en diversos centros
cívicos e espazos municipais da cidade terán lugar os encontros abertos coa
cidadanía de cara ao desenvolvemento do Pacto Social por unha Cidade Libre de
Violencias Machistas, así como diversas actividades relacionadas coa igualdade
de xénero e a figura da muller na historia da Coruña, nas bibliotecas municipais
do Castrillón, Monte Alto, Rosales, Sagrada Familia e a de Estudos Locais,
ademais de nos centros cívicos de Eirís, Castrillón, Cidade Vella, Elviña,
Labañou, Mesoiro, Monte Alto, Novoboandanza, Os Mallos, Palavea, Os Rosales e
San Diego. Tamén se dará a coñecer, en días próximos, o informe do Observatorio
Municipal de Igualdade e Diversidade, en colaboración co Observatorio Urbano e
o Observatorio Socio Laboral, denominado A Coruña en Cifras. Mulleres e Homes
na cidade.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario