martes, 17 de mayo de 2016
Día Internacional contra a Homofobia
O Concello amosa o seu compromiso político co
mantemento dos dereitos fundamentais de todas as persoas cunha declaración
institucional no Día Internacional contra a Homofobia.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, nunha reunión con representantes de colectivos LGTBQI.
A responsable de Igualdade e Diversidade, destaca “o
traballo permanente do Goberno local cos colectivos LGTBQI para coñecer a súa
opinión sobre o futuro espazo municipal polos dereitos das persoas lesbianas,
gais, transexuais, bisexuais, queers e intersexuais, así como para levar a cabo
unha programación consensuada da semana vindicativa do mes de xuño”
O Concello da Coruña aproveitará o Día Internacional
contra a Homofobia que se celebra mañá, 17 de maio, para realizar unha
declaración institucional na que amosa “o seu compromiso cos dereitos
fundamentais de todas as persoas, especialmente de quen por cuestión de diversidade
sexual difiren do estándar heteronormativo que aínda persiste na sociedade”. O
texto indica que “lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queers e
intersexuais --persoas LGTBQI-- han de poder desenvolver plenamente as súas
capacidades, emocións, afectos e desexos en todos os ámbitos da vida, sen que a
súa identidade de xénero, a súa orientación sexual ou a diversidade familiar
poida condicionar o exercicio efectivo dos seus dereitos humanos”.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, quixo destacar, que “aínda que no 17 de maio, por ser a xornada
internacional contra a homofobia, é a nosa obriga denunciar explicitamente que
a discriminación por orientación sexual ou diversidade familiar segue a existir
a día de hoxe, o compromiso deste Concello cos dereitos das persoas LGTBQI é
durante os 365 días do ano”. Así, a responsable municipal recordou algunhas das
actividades e programas que o Goberno local está a levar a cabo neste eido. “Traballamos
cos colectivos de LGTBQI da cidade de forma permanente e constante, entre
outros asuntos, para coñecer a súa opinión no proceso de debate aberto sobre o
futuro espazo municipal polos dereitos das persoas lesbianas, gais,
transexuais, bisexuais, queers e intersexuais, que comezaremos a poñer en
marcha unha vez estean aprobados de forma definitiva os orzamentos municipas”,
comentou. “Dentro das nosas políticas participativas, da nosa máxima de
gobernar obedecendo, tamén estamos a traballar da man con estes colectivos para
levar a cabo unha programación consensuada das actividades que darán contido á
semana vindicativa polo orgullo LGTBQI en xuño”, engadiu.
Ao fio, Fraga tamén quixo salientar os obradoiros de
educación afectiva e diversidade sexual, así como as campañas de sensibilización
que o Concello desenvolve durante todo o ano. “Facer da Coruña unha cidade
inclusiva de todas as persoas pasa tamén pola compoñente educativa e
socializadora do valor da igualdade dentro da diversidade”, dixo.
A declaración institucional do Concello da Coruña de
cara ao Día Internacional contra a Homofobia lembra que a LGTBQI-fobia “segue a
ser, na actualidade, un dos motivos polos que miles de persoas teñen que
abandonar os seus países de orixe e solicitar asilo a outros estados”, así como
alerta “do acoso que, especialmente, sofren as mulleres lésbicas e a mocidade
trans; así como os prexuízos que rodean á bisexualidade e que dan lugar a
bifobia; denuncia que adquiere maior alcance ao ser 2016 o ano da Visibilidade
Bisexual contra os Dereitos Humanos”. “Convocamos á cidadanía, movementos
sociais, sindicais, políticos, axentes e entidades económicas, culturais,
deportivas e sociais do ámbito municipal, a ser partícipes deste compromiso coa
igualdade na diversidade, transcendendo da mera tolerancia cara ao respecto, o
recoñecemento da igualdade e a inclusión de todas as persoas na súa ampla
diversidade”, recolle.
“O compromiso político do Concello da Coruña é explícito
neste sentido e diríxese a facilitar a consolidación dos dereitos das persoas
LGTBQI, contribuíndo a eliminar actitudes, actos ou expresións que supoñan ou
conteñan odio e discriminación por razón de orientación sexual, diversidade
familiar e/ou identidade de xénero”, explicita a declaración institucional. “Dende
o Concello facemos un chamamento a todos os poderes públicos de Galicia, para
que se manifesten e traballen conxuntamente coa sociedade civil na erradicación
de toda discriminación”, destaca.
Etiquetas:
derechos sexuales,
jornada,
ltgbiqfobia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario