martes, 11 de julio de 2017

Hoxe no Parlamento de Galicia-Lei Galega de Identidade de Xénero

Trátase dunha medida moi esperada pola que os colectivos LGTBI de Galicia levamos loitando moito tempo, dado que os avances sociais cara ao respecto da poboación trans que se testemuña día a día non poden consolidarse sen que as administracións avancen tamén nesta dirección.

Aínda que os apoios a esta lei foron e son xeneralizados entre todas as persoas e grupos parlamentarios que coñecen a nosa situación, chégannos noticias de que o Partido Popular de Galicia, que conta con maioría absoluta na Cámara, vai votar en contra da lei, botando por terra os dereitos dunha parte dos cidadáns aos que goberna e finalizando co noso soño de vivir con dignidade.

Desde as asociacións LGTBI galegas non podemos comprender este movemento, pois a nosa causa sitúase por encima de siglas ou ideoloxías, xa que a igualdade é un principio básico en democracia que todos os partidos deberían facer seu.

O grupo parlamentario que quere votar en contra tenta vendernos o discurso de que as necesidades da poboación trans non son tales, que os nosos dereitos caben nunha lei -a de 2014- cunha escasa aplicación e que apenas recolle uns parágrafos referidos á transexualidad. Unha lei que non finaliza coa discriminación aínda que o leve por nome, pois non despatologiza nin recolle aspectos cruciais como as nosas dificultades no sistema sanitario, educativo e legal.

Engadimos ademais que o proxecto de Lei Galega de Identidade de Xénero, feito desde e para colectivo trans e as súas familias ten o apoio maioritario do colectivo LGTBI de Galicia e do resto do Estado, entre elas a Federación Estatal da Plataforma de dereitos Trans (achegamos comunicado).



No hay comentarios: