lunes, 18 de marzo de 2019

Retransmisión ao vivo do faladoiro de Marcela Lagarde-14 de marzo de 2019

Segue desde esta páxina o faladoiro 'Os dereitos humanos, os dereitos das mulleres. Desafíos nas loitas do século XXI'.
A programación municipal polo Día Internacional das Mulleres continúa a súa actividade. Este xoves 14, ás 19.00 horas, a Concellería de Igualdade e Diversidade propón no Paraninfo da Universidade da Coruña un faladoiro aberto á veciñanza no que participará a histórica e recoñecida activista Marcela Lagarde. Nesta conversa, que levará por título Os dereitos humanos, os dereitos das mulleres. Desafíos nas loitas feministas do século XXI, a antropóloga e académica mexicana abordará o papel dos dereitos humanos e a súa crítica e transformación baixo a luz do feminismo.
Lagarde, catedrática de Antropoloxía na Universidad Nacional Autónoma de México, é autora de numerosos artigos e libros e a responsable de acuñar o termo 'feminicidio' para describir a situación das mulleres en Ciudad Juárez. Durante a súa etapa como deputada no Congreso Federal Mexicano, a académica impulsou a creación dunha Comisión Especial de Feminicidio e a tipificación deste delito.  A actividade, que tamén supón o inicio oficial durante esta semana da terceira edición da Escola de Empoderamento Feminista, organízase en colaboración co Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña (CEFEX). A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio da Mestranza, pero poderase seguir tamén, ao vivo, a través do web municipal www.coruna.gal.
Por outra banda, a Concellería de Igualdade informa de que todas as prazas para os roteiros feministas que promove no marco da programación municipal Mulleres que transforman realidades están esgotadas, pero que se mantén aberto, até o 18 de marzo, o prazo de inscrición para participar na Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas, que incorpora o carácter reivindicativo e solidario á proba de Coruña Corre.
A proba desenvolverase o vindeiro sábado 23 de marzo, en horario nocturno --a carreira da categoría absoluta comezará ás 21.00 horas--. 
De seguido, contra ás 21.15 horas, partirá unha Andaina Solidaria non competitiva de catro quilómetros. A inscrición tanto para a carreira como para a marcha pódese facer a través do portal www.coruna.gal/carreiraspopulares. No caso daquelas interesadas en colaborar co fin solidario da andaina ou da carreira, poderán facer achegas de 3, 5 euros ou outras cantidades superiores aos dez euros no momento de formalizar a súa inscrición, o que lles dará dereito a unha camiseta conmemorativa desta proba solidaria. Todos os beneficios que se recaden a través da inscrición solidaria destinaranse integramente á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres con cancro de mama.
Para coñecer todas as actividades que terán lugar nos vindeiros días tanto nas bibliotecas municipais como centros cívicos no marco da programación Mulleres que transforman realidades, pódese consultar o web www.coruna.gal/igualdade.

No hay comentarios: