viernes, 8 de marzo de 2019

O Centro de Planeamento Familiar atendeu no 2018 un total de 15.300 consultas, das cales o 50% corresponderon a área de xinecoloxía

A concelleira Rocío Fraga salienta o “papel de referencia do COF para a veciñanza da Coruña”, e reclama á Xunta “que garanta os recursos necesarios para o bo desenvolvemento do servizo”
O Centro de Planeamento Familiar (COF) de Orillamar atendeu o pasado exercicio un total de 15.300 consultas, das cales 1.679 persoas acudiron por vez primeira. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, fixo balance da actividade do centro, que xestiona o Concello a través dun convenio establecido co Servizo Galego de Saúde, e pon en valor "o labor fundamental que realiza este servizo, que é un referente de primeiro orde para a veciñanza".
Ao longo de 2018, ano no que o COF celebrou o seu 35º aniversario, o centro atendeu 15.300 consultas, entre as que 7.763 estiveron vinculadas á área de xinecoloxía; 4.816 corresponderon ao servizo de enfermería, 587 ao de psicoloxía e 1.319 foron atendidas pola traballadora social. Entre todas as asistencias, 1.679 foron de persoas que acudiron por primeira vez ao equipamento, das cales 1.554 foron mulleres. "A pesar da lamentable xestión por parte do Sergas, que non dota ao centro dos recursos materiais e humanos que precisa, tal e como demanda tanto o propio equipo do centro coma o goberno local da Coruña, os datos de consultas, intervencións e asistencias do COF dan conta, un ano máis, de que este é un espazo necesario e imprescindible para a cidadanía no eido da saúde e da educación afectivo e sexual, en particular entre as mulleres", expuxo a edil. 
O centro celebrou o seu 35º aniversario durante o 2018, ano no que recuperou o programa educativo Tarde Xove, que pretende favorecer a vivencia dunha sexualidade positiva e responsable entre a xente moza, "franxa de idade que está a incrementar as súas visitas ao COF e que demanda información sanitaria e afectiva", apunta Fraga. Ademais, no marco desta programación especial, o COF impartiu faladoiros, así como organizou contacontos, representación teatrais e outras actividades dirixidas a públicos de todas as idades co obxectivo de visibilizar e reivindicar o seu labor.
"En total, ao longo do pasado ano, as charlas vinculadas á información e orientación, celebradas tanto no COF coma noutros equipamentos, contaron con 1.042 asistencias", apuntou a edil. No eido da programación de obradoiros de saúde afectivo-sexual para a infancia e mocidade, que o centro realiza a través do Programa Coruña Educa, participaron un total de 936 estudantes de 13 IES da Coruña. Ademais, no marco deste programa, ofrecéronse charlas de VIH-SIDA en catro centros educativos --nos que participaron 261 mozas e mozos de entre 14 e 21 anos-- e os talleres Contos para emocionar, dirixidos a nenas e nenos de 5º e 6º de EP.

No hay comentarios: