lunes, 26 de junio de 2017
O Goberno local presenta unha guía de turismo LGTBQI, "que mostra A Coruña como unha cidade acolledora para as diversidades sexuais e afectivas”
Alberto Lema e Rocío Fraga presentaron a Guía LGTBQI
do Concello da Coruña.
Alberto Lema e Rocío Fraga destacan a
“transversalidade” do mapa, que recolle os puntos máis destacados do patrimonio
cultural e natural do termo municipal, así como os principais fitos históricos
do movemento.
O edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e
a responsable da Concellería de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga,
presentaron esta mañá no Pazo de María Pita a guía turística LGTBQI do Concello
da Coruña, unha proposta editada pola área de Turismo co obxectivo de ofrecer
unha visión do patrimonio cultural e natural da cidade e a súa relación cos
movementos sociais do colectivo. Lema salientou que a proposta "sitúa a
Coruña como un destino urbano de referencia que acepta e acolle a todas as
diversidades sexuais e afectivas". O edil fixo fincapé na aposta desta
iniciativa "non só por dar a coñecer espazos de referencia ou lecer, senón
por mostrar a historia polo recoñecemento dos dereitos LGTBQI na Coruña",
e sinalou que esta "será a primeira" dunha serie de guías que Turismo
promoverá "co obxectivo de emprazar esta cidade como unha localidade
aberta e acolledora".
O mapa de recursos mostra visitas imprescindibles na
cidade como os Museos Científicos, os mercados municipais, as galerías da
avenida da Mariña ou monumentos como a Torre de Hércules, pero tamén as praias,
sendas peonís ou ciclables, como o Paseo Marítimo, e zonas que destacan pola
súa relación coa gastronomía e hostalería local. "Esta guía non quere destacar lugares específicos,
senón que quere mostrar o conxunto da Coruña como unha cidade acolledora para
as diversidades sexuais e afectivas, e destacar tamén a grande oferta
hostaleira e comercial para todas as persoas visitantes", sinalou Rocío
Fraga, quen salientou a inclusión no mapa "dos servizos de atención ás
persoas LGTBQI que hai na cidade", como o Espazo Municipal das
Diversidades, o Centro de Planificación Familiar e o centro Quérote +, ou das
Bibliotecas Municipais, "un recurso fundamental e moi valioso para a
veciñanza, que resulta interesante de cara as persoas que nos visitan, e que
colaboran, ademais, durante todo o ano como espazo de apoio ás persoas LGTBQI e
durante o Orgullo, este mes de xuño, coa organización de actividades a través
da proposta As municipais entenden".
No mapa, que se poderá recoller segundo avanzou a
Xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, nas oficinas de Turismo e
hoteis, así como nos equipamentos municipais e espazos de referencia que se
sitúan no plano, incorpórase tamén o contacto de asociacións e entidades
sociais que desenvolven a súa actividade neste eido --e nos que tamén se
facilitará o acceso a este mapa--.
Ademais destes recursos, a Guía LGTBQI do Concello da
Coruña presenta no seu interior un repaso histórico da relación da cidade cos
movementos sociais, así como de fitos que marcaron a historia do colectivo na
Coruña, como o traballo que realiza o Comité Ciudadano Anti-sida de A Coruña
(CASCO) desde os anos 90, e figuras como Tomás Fábregas ou Marcela e Elisa,
"unha das parellas que queremos poñer en valor ao visibilizar a súa
realidade neste mapa, que será accesible para todas as persoas que se acheguen
desde este verán á cidade", afirmou Fraga.
Por outra banda, a concelleira sinalou que a
actividade do Orgullo 2017 na Coruña continúa esta mesma tarde na Biblioteca de
Monte Alto, coa charla debate A evolución da presencia das diversidades sexuais
nos videoxogos, as proxeccións do ciclo Outras Miradas no Fórum Metropolitano,
ou a exhibición do alumnado dos
obradoiros Tango Queer, Voguing e Pole Dance, que terá lugar o próximo sábado
24, desde as 22.00 horas, no Campo da Leña. Por último, a responsable municipal
convidou á cidadanía a participar o próximo mércores 28 de xuño ás 20.00 horas,
no Obelisco, na Manifestación polos dereitos LGTBQI organizada polos colectivos
da cidade, día no que tamén pendurará da fachada do Pazo de María Pita a
bandeira multicor, en apoio ás súas reivindicacións.
Guía Turística LGTBQI do Concello da Coruña (2017): http://www.coruna.gal/descarga/1453625239349/Guia-Turistica-LGTBQI.pdf
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario