miércoles, 7 de junio de 2017
A Coruña acolle durante todo xuño actividades con motivo do Orgullo LGTBQI, “na aposta por dar visibilidade e voz ás diversidades que historicamente foron silenciadas”
A concelleira de Igualdade e Diversidade e o titular
de Culturas presentaron a programación específica para este mes, que foi
consensuada cos colectivos LGTBQI da cidade mediante un proceso participativo.
Ademais da Festa polos Dereitos, que se celebrará o sábado 17 de xuño, haberá
mesas redondas na Casares Quiroga, un ciclo de cine, actividades específicas
nas bibliotecas municipais e descontos en librarías da cidade.
Durante todo este mes de xuño a cidade da Coruña
encherase de actividades e accións que teñen como principal obxectivo
reivindicar os dereitos e visibilizar ao colectivo LGTBQI.
Baixo o lema Vive a
túa Cor. Sexualidades Diversas, Identidades Libres, o Concello, a través do
departamento de Igualdade e Diversidade, en colaboración co de Culturas, programará distintas accións ao longo
de toda a cidade e en distintos escenarios. En rolda de prensa, a titular desta
concellería, Rocío Fraga, destacou que a programación "foi totalmente
consensuada cos colectivos LGTBQI da cidade por medio dun proceso
participativo".
"A nosa intención en todo momento foi que as
propias persoas que integran os colectivos e os movementos sociais a prol das
diversidades puideran escoller as accións a desenvolver. Eles máis que ninguén
son conscientes da necesidade de visibilización, polo que cremos que tampouco
había persoas mellores á hora de escoller e programar as actividades",
indicou Fraga. En concreto, o proceso participativo de definición dos actos con
motivo do Día do Orgullo contou con colectivos como 7 Cores, Alas Coruña ou a
Marea LGBTI+. "Tamén temos que destacar a cooperación de outras asociacións
como Casco, Agasex ou Quérote que estarán presentes nas carpas que se montarán
o sábado 17 de xuño no Campo da Leña, con motivos da festa polos dereitos
LGTBQI", dixo a concelleira.
"Historicamente, esta cidade contou sempre con
colectivos e persoas vinculadas aos movementos sociais que loitaron de forma
incansable para ser un referente na visibilización e defensa dos dereitos
LGTBQI. Non obstante, tamén historicamente, esa loita non tivo a súa
correspondencia nas institucións públicas. Hoxe podemos dicir que isto cambiou.
Este Concello é plenamente consciente dos desafíos dunha sociedade plural e
repleta de diversidades. A nosa obriga e encomenda é facer desta unha cidade
máis igualitaria e máis xusta polo que entendemos como fundamental organizar
todo un mes de actividades ligadas ao Orgullo. Estamos dando voz e poñendo o
foco sobre colectivos que historicamente foron silenciados neste país, tanto en
períodos de represión como na propia etapa democrática", comentou a
concelleira de Igualdade e Diversidade.
Programación
Se ben o acto central dos actos con motivo do Día do
Orgullo LGTBQI terá lugar o sábado 17 de xuño cunha festa no Campo da Leña que
comezará as 20.00 horas e que contará con actuacións musicais e postos
informativos, os actos terán lugar ao longo de todo o mes. Os mércores 7, 14 e
21 de xuño a Casa Museo Casares Quiroga acollerá, a partir das 19.00 horas,
distintas mesas redondas sobre os Dereitos e Visibilidades LGTBQI. Ademais,
durante todo o mes de xuño o Fórum Metropolitano acollerá o ciclo de cine
LGTBQI Outras Miradas. O sábado 24 de xuño o Campo da Leña acollerá de novo
unha actividade relacionada co Orgullo, como é o caso dunha mostra do alumnado
dos obradoiros de Tango Queer, Voguing e Pole Dance. Como todos os anos, organizado
polos colectivos LGTBQI da cidade, tamén terá lugar, o propio día 28 de xuño,
ás 20.00 horas, no Obelisco, a manifestación polos dereitos LGTBQI.
De forma paralela, e entre outras actividades, o
Concello presentará a súa Guía Turística Municipal LGTBQI, o concurso de
fotografía Vive o teu Orgullo (con bases que publicarán na web municipal de
Igualdade). Tamén, ao longo de todo o mes, as Bibliotecas Municipais contarán
cunha programación especial LGTBQI, e 14 librarías da cidade tamén
promocionarán con descontos obras relativas á temática do orgullo.
Culturas
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento,
José Manuel Sande, destacou o apoio do seu departamento a estas actividades
organizadas desde Igualdade. Así, destacou a posta en marcha no Fórum
Metropolitano "dun ciclo especial que terá lugar na sala Marilyn Monroe e
que contará con diversas charlas coloquio". "Contamos ademais con
títulos especialmente aclamados como Ander, de Roberto Castón, Inside the
chinese closet, documental sobre a homosexualidade na sociedade chinesa, ou
Kuchu, documental sobre o colectivo LGTB en Uganda", explicou. Na mesma
liña, Sande destacou o traballo posto en marcha polas Bibliotecas municipais
con sesións de lecturas, ademais da edición dunha guía temática LGTBQI das
bibliotecas municipais.
As bases do Orgullo
Fraga amosouse especialmente "satisfeita"
por toda a programación para este ano "elaborada de forma conxunta cos
colectivos LGTBQI". "A estas entidades, coas que xa tiñamos
contactado a través dun proceso de diálogo aberto dentro do Espazo Municipal
das Diversidades, se lles pediu a súa colaboración para facer unha programación
e se lles deu unha serie de marxes de actuación, como era non excederse do
orzamento acordado e acadar unha perspectiva intersecional", explicou.
"O que queriamos neste Orgullo e que se tiveran en conta as diversidades
que existen dentro das propias diversidades, xa que dentro do colectivo LGTBQI
existe unha gran pluralidade", salientou a concelleira, que tamén manifestou
que as accións que finalmente se levaron a cabo "foron aquelas que
acadaron o máximo consenso, quedando o resto cargadas no caixón para, con
traballo, ver se se poden desenvolver ao longo do ano". Así, destacou por
exemplo a mesa redonda que terá lugar o 14 de xuño na Casares Quiroga sobre
"Asilo e refuxio LGTBQI" que analiza a situación das persoas
pertencentes a colectivos de diversidade sexual e que son, ademais, persoas
migrantes.
Por outro lado, Fraga salientou que a bandeira
tricolor estará presente o día 28 de xuño, Día Internacional polos Dereitos
LGTBQI en diversos espazos da cidade, entre os que destaca a fachada do
Concello. "É un acto simbólico moi importante xa que visibiliza o respecto
e o compromiso da Coruña coa diversidade sexual e as diferentes identidades",
explicou.
Actividades
durante todo xuño con motivo do Orgullo: http://www.coruna.gal/descarga/1453624151831/06-06-17-Diptico-LGTBQI.pdf
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario