miércoles, 29 de octubre de 2014

Demandan recursos para que os COF garantan os dereitos das mulleres

As mulleres dos 37 concellos que abrangue a Area Sanitaria da Coruña só dispoñen dun centro para a atención especializada da súa saúde sexual e reprodutiva, o COF de Orillamar, que ante este estado de saturación non só tivo que deixar de realizar as revisións xinecolóxicas que viña facendo de sempre, senón que sen incremento do seu cadro de persoal veu incrementada a súa carga de traballo coa consecuente repercusión nos prazos de atención ás persoas que a el acoden en busca de tratamento. A culpable desta situación é a política de recortes do Sergas, a falta de recursos para os Centros de Orientación Familiar (COF) e, de forma concreta, a supresión do COF do Ventorrillo, pola vía de non substitución do persoal.

As mulleres dos 37 concellos que abrangue a Area Sanitaria da Coruña só dispoñen dun centro para a atención especializada da súa saúde sexual e reprodutiva, o COF de Orillamar.

En resposta, a Plataforma polo Dereito ao Aborto e a Plataforma de Defensa da Sanidade Pública celebraron este xoves unha concentración, que comezou na ponte que une o CHUAC co Tanatorio e que despois se desprazou até a mesma esplanada do CHUAC, para denunciar os recortes na atención e protección da saúde sexual e reprodutiva das mulleres e esixir "a inmediata cobertura da praza de xinecoloxía e a de técnica en coidados auxiliares de enfermaría no COF do Ventorrillo", para que este centro volva ofrecer as prestacións anticonceptivas e as revisións xinecolóxicas.

As entidades convocantes lembraron que os Centros de Orientación Familiar son os centros especializados e para moitas persoas o único servizo público que presta atención en anticoncepción, prevención de cancro de colo de útero, orientación da demanda de interrupción legal do embarazo e atención á problemática psicosexual e de parella. E lembran que mesmo a situación precedente, con dous centros para unha área sanitaria tan poboada e ampla, que chega mesmo até a Costa da Morte, era "máis que insuficiente". "Nestas condicións, a maior parte do tempo debe ser empregado en labores asistenciais, quedando relegados a un segundo plano as dimensións de educación e promoción da saúde", subliñan.

Dende que en xaneiro de 2013 se xubilaron o Xinecólogo e da Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría do COF do Ventorrillo, as 152 mil mulleres en idade fértil da área da Coruña teñen como única alternativa o centro de Orillamar. Para poder asumir este volume de traballo, denuncian, a xerencia desta área sanitaria tomou a decisión de suprimir os exames de saúde xinecolóxicos que se viñan facendo dende a súa apertura nestes centros e pasarlle esta prestación aos centros de saúde. En opinión da Plataforma polo Dereito ao Aborto e da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública, "a xerencia demostra un profundo descoñecemento da realidade xa que neste momento a maioría dos centros de saúde non están en condicións de asumir máis presión asistencial, nin están creados os recursos humanos e materiais para que poidan dar este tipo de atención cun mínimo de calidade".

"A atención nesta materia é moito máis que a mera prescrición de anticonceptivos hormonais e a realización de citoloxías, tal e como a actual administración quere vender á cidadanía" sinalan, e engaden que "as irresponsábeis e irreflexivas decisións desta xerencia demostran unha falta de respecto pola saúde das mulleres, deixándonos nunha situación de indefensión con perda de dereitos básicos e obrigándonos, sobre todo ás mulleres do medio rural, a buscar solucións na sanidade privada". Conclúen que "as políticas de recorte de dereitos básicos recaen máis especificamente sobre a saúde das mulleres" e denuncian que "as actuais políticas reafirman unha única identidade feminina asentada na maternidade, apropiándose de novo do corpo e da sexualidade das mulleres, e facendo aínda maiores as desigualdades existentes entre sexos".


No hay comentarios: