lunes, 10 de junio de 2013

Mobilízate polo dereito a decidir sobre os nosos corpos



O próximo domingo 16 de xuño ás 17:00 hr. en Santiago de Compostela manifestación polo dereito ao aborto.
Saída da estación de tren.
A loita polo dereito das mulleres a decidir a súa maternidade, elas, sen intromisións, ten conformado o cerne do feminismo galego. Unha peza substantiva foi bater na idea de que ser nai é unha obriga. Ser nai é unha posibilidade, unha opción. Elixir implica información, medidas anticonceptivas para aquelas mulleres de prácticas heterosexuais que non queiran quedar embarazadas, medios reais para exercer a maternidade en condicións axeitadas e o regulamento do aborto ou interrupción dun embarazo que non se quere levar a término.
Esta batalla foi dura e persistente no tempo. Morreron mulleres en abortos clandestinos, foron detidas, encausadas e xulgadas. Outras pasaron cárcere xunto con profesionais da sanidade. Foron moitas as que por non poderen interromper o seu embarazo tiveron que enfrontarse a maternidades non desexadas. Dor, humillacións e clandestinidades a grande maioría.
Logo da primeira aprobación da despenalización parcial do aborto en tres supostos en agosto de 1985 co goberno de Felipe González, que deixaba á maior porcentaxe de abortos fora dos tres supostos, seguimos loitando e sempre demandamos información sexual, buscando o porque tantísimas mulleres quedan embarazadas sen quereren. Sabemos moi ben que ningunha muller aborta por gusto senón para evitar un mal máis grande como é traer ao mundo crianzas non desexadas.
Destas loitas conseguiuse o cambio de opinión de amplos sectores sociais anteriormente opostos ao aborto polas prédicas desde púlpitos durante centos e centos de anos e de boa parte da xerarquía da xinecoloxía española.
En 2010 o goberno de Zapatero aproba a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo que pasa a un sistema de prazos con indicacións no caso de malformación do feto. Esta Lei crea unhas condicións de mínima dignidade e respecto á decisión das mulleres aínda moi mellorables (obxección de conciencia, privatización cáseque absoluta da prestación, censura da formación e práctica médica, estigmatización profesional de quen fai abortos...).
Agora o ministro Gallardón á fronte do goberno do PP, preocupado por seguir o ditado da Conferencia Episcopal, do Foro da Familia e organizacións semellantes que forman ese 10% da poboación que pretenden a supresión do aborto e que sexa delito en todos os casos, queren una volta atrás sen precedentes.


No hay comentarios: