martes, 25 de junio de 2013

CONCENTRACIÓN XOVES 27 DE XUÑO NA CORUÑA


Este xoves, 27 de xuño as 20 horas volvemos a facer concentración diante do Obelisco, para reclamar entre outras cousas que cubran a praza de xinecoloxía do COF do Ventorrillo, poñendo esta consulta todos os días pola mañá e no mesmo espazo que o resto do equipo, para defender o dereito á saúde sexual e reproductiva, que a muller decida por sí mesma e por unha sanidade pública de calidade.
NON ÁS PRIVATIZACIÓNS!!
Manifesta a túa protesta coa túa presenza na concentración.




Texto sobre a lei de garantías:
Estase tramitando a Lei de Garantías Sanitarias no Parlamento galego. Anunciada e publicitada en varias ocasións por parte do goberno galego chega ao Parlamento despois de 4 anos de promesas, xa que esta lei estaba no programa electoral de Feijoo no ano 2009 e volveu estar no 2012.
Nesta lei establécese que para unha serie de problemas de saúde a cirurxía non poderá tardar máis de 2 meses e as probas complementarias (radiografías, por exemplo) ou consultas co especialista hospitalario non poderán tardar máis de mes e medio. Ademais disque o paciente vai poder elixir hospital para recibir esta cirurxía ou consulta ou proba complementaria.
Parece un avance pero a Plataforma pola defensa da Sanidade Pública de A Coruña SOS Sanidade Pública participa este 27 de xuño nunha mobilización en todo o territorio galego para denunciar a gran ameaza de privatización que está marcada con lume nesta lei.
O Sergas comprométese a ofrecer atención sanitaria nestes tempos para algúns problemas de saúde, sen aclarar cales, ben na rede da sanidade pública ou en algún centro concertado en toda Galiza. Se o/a paciente non acepta ao hospital ou ao centro sanitario que lle ofrece o Sergas por estar lonxe do seu domicilio deixa de ter o dereito a esta garantía de tempo máximo.
E hai que recordar que facer probas ou intervencións fóra ou lonxe do hospital de referencia significa gastos aos que non sempre poden facerlle fronte os pacientes e as súas familias.
Se o Sergas non lle ofrece nada nos tempos máximos de espera (2 meses para cirurxías e mes e medio para probas ou especialistas), o/a paciente pode pagar a atención en calquera centro sanitario privado. Despois o Sergas reembolsaralle o pagado.
Pero que garantías son estas? Que pasa cos pacientes con poucos recursos ou con dificultades para pagar as probas ou as cirurxías?. Terán que esperar xa que perden a garantía de tempos máximos que ofrece esta lei.
A canta xente e a que xente vai beneficiar esta lei?. Aos pacientes con cartos e aos centros sanitarios privados.
Quen perde con esta lei?.
As familias que non teñen recursos suficientes para trasladar ou acompañar aos familiares a un centro lonxe do seu domicilio.
Os pacientes con poucos recursos que non poderán adiantar o pago das cirurxías ou das probas. E hai que pensar que non estamos falando de persoas clasificadas como pobres senón que a maioría da cidadanía vai ter difícil adiantar os cartos para pagar calquera intervención ou proba médica xa que son bastante caras e non están os tempos para ter que facer fronte a gastos deste tipo.
A rede comarcal de hospitais porque no lugar de fortalecelos incrementando especialidades isto non vai ser posible xa que os cartos vanse utilizar para pagar aos centros privados.
O propio Sergas xa que o desvío de fondos cara a privada, nun momento de grandes recortes económicos, é a gran ameaza para o futuro e sostibilidade da sanidade pública galega.
En xogo está o futuro da nosa atención sanitaria pública, gratuíta e para todos e todas por igual. Ao final perdemos a maioría da cidadanía.
No documento da Estratexia SERGAS 2014 o obxectivo 2.8 di o seguinte: Establecer un modelo de colaboración cos centros privados sanitarios e sociosanitarios baseado no recoñecemento da achega de valor do sector privado, na transparencia e nos acordos a longo prazo.
Abofé que Feijoo e a Conselleira de Sanidade están facendo ben o traballo de converter ao Sergas en áreas de negocio para a industria sanitaria privada.
Primeiro dánlle a concesión do novo hospital de Vigo a empresas privadas e agora está paralizada a súa construción porque non conseguen financiamento.
Queren usar o mesmo procedemento coa ampliación do hospital de Ourense e pásalles o mesmo, tamén está paralizado e isto ameaza o financiamento que xa estaba comprometido por parte do anterior ministerio de ciencia.
Queren facer un novo hospital en Pontevedra mediante outra concesión privada no lugar de ampliar o actual hospital, que sería bastante máis eficiente. Ao final o que están conseguindo é que a cidade de Pontevedra perda anos en chegar a ter o hospital que necesitan.
Privatizan a central de chamadas do Sergas e obrigan a usar un sistema robotizado de petición de citas que o que está provocando é que a xente teña que ir ao centro de saúde a pedir cita.
Privatizan os servizos de mantemento dos centros sanitarios cando era máis eficiente facelo polo persoal propio como ata agora.
Privatizan o centro loxístico que se vai encargar de todas as compras, almacenamento e distribución de material do sergas. Ademais de perder o coñecemento do mercado deste material cada centro sanitario vai ter que pagar a este centro privado para que lle faga os subministros que neste momento lle facía o propio sergas.
Calquera área privatizable do Sergas está en oferta por parte de Feijoo e a conselleira. Cando marchen van deixar un deserto de sanidade pública.
Temos dereito a unha sanidade pública digna, de calidade e sobre todo igual para todos. E non renunciaremos a este dereito se poña como se poña Feijoo e a conselleira de sanidade.
Esta lei o único que garante é unha área de negocio moi importante para a sanidade privada e tamén garante que quen teña cartos vai poder adiantar a intervención ou a proba nunha clínica privada e despois o Sergas algún día llos devolverá.

No hay comentarios: