lunes, 21 de julio de 2008

Aberto O Proceso De Consultas E Suxestións Para A Creación Do Consello Galego Das Mulleres

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia pon a disposición do público unha vía de comunicación para escoitar as consultas e coñecer as suxestións das mulleres ou dos colectivos de mulleres que desexen participar na creación do Consello Consultivo das Mulleres.
A Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar promove a creación do Consello Galego das Mulleres para dar resposta a unha vella necesidade: a existencia dun órgano que traballe para ampliar a presenza das mulleres en todos os ámbitos da vida pública, posibilitando a súa participación e a dos seus movementos asociativos e avanzando en común cara á plena igualdade entre mulleres e homes.


A creación do Consello Galego das Mulleres contémplase na disposición adicional 5 da Lei 11/ 2007 Galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero (DOG nº 152 do 7 de agosto).
Na creación e desenvolvemento do novo órgano, a participación das propias mulleres é fundamental. Por iso poden ser membros de pleno dereito do Consello calquera asociación ou federación galega de mulleres; consellos municipais de mulleres; e áreas de igualdade ou departamentos de muller de asociacións, sindicatos ou partidos políticos de Galicia.
As propostas poderanse enviar mediante formulario a través da web ou ben por correo convencional á Secretaría Xeral de Igualdade. Aquelas consultas ou suxestións que se acheguen por correo postal, deberán ir dirixidas ao seguinte enderezo:

Secretaría Xeral de Igualdade
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
Edificio Administrativo s/n
15781 Santiago de Compostela
Asunto: Suxestións Consello Galego das Mulleres

O Consello Galego das Mulleres terá, entre outras, as seguintes funcións principais:
  • Promover a participación das asociacións de mulleres e velar porque as súas suxestións repercutan sobre o conxunto da sociedade.
  • Elevar propostas aos poderes públicos galegos e instarlles a garantir o dereito á igualdade e á non discriminación.
  • Elaborar informes de índole diversa, nomeadamente sobre violencia de xénero e perspectivas de igualdade entre mulleres e homes.
  • Colaborar en campañas de sensibilización e denuncia contra a violencia machista.
    Propoñer medidas de información e educación para sensibilizar a sociedade sobre os valores da igualdade.
  • Asesorar ás administracións públicas no deseño de políticas referidas ás mulleres.

No hay comentarios: