sábado, 20 de febrero de 2016

Un aborto no segundo trimestre: ¿que din os protocolos internacionais?

A Organización Mundial da Saúde e Ipas fixan os procedementos a seguir para a interrupción dun embarazo a partir da 14ª semana de xestación.

Guías e protocolos internacionais describen como deben desenvolverse as interrupcións da gravidez a partir do segundo trimestre. De acordo co relato do Centro de Orientación Familiar do CHUAC e de Sabela, unha muller que abortou na 16ª semana de embarazo no Arquitecto Marcide de Ferrol, na Galiza non se estarían a cumprir en todos os casos as indicacións.

En 1994 a Conferencia Internacional sobre Poboación e Desenvolvemento decorrida no Cairo promulgou un mandato que obriga a todos os estados asinantes do mesmo, entre eles o español e por extensión a Galiza, a adoptar as medidas necesarias para garantiren abortos "seguros" e "accesíbeis". Neste senso, sinálase que cada muller ten dereito a recibir servizos seguros de atención integral do aborto e posterior a este. Así, durante todo o proceso deberán terse en conta as súas inquedanzas, intereses e necesidades.

Os protocolos internacionais fixan as inquedanzas, intereses e necesidades das mulleres como unha prioridade ao longo do proceso.

Aliás, descríbense os dous procedementos que habitualmente se seguen para a interrupción da gravidez a partir da 14ª semana, abortos cirúrxicos ou médicos/farmacolóxicos, tamén coñecidos como abortos por indución. Eis os casos denunciados pola Plataforma en defensa do dereito ao aborto na Coruña e Ferrol. No entanto, internacionalmente fíxase o dereito das mulleres a escoller entre as dúas opcións (cirúrxico - farmacolóxico).

As mulleres teñen dereito a elixir entre abortos cirúrxicos ou farmacolóxicos/por indución.

De acordo cos criterios estabelecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en Aborto sen riscos, guía técnica e de políticas para sistemas de saúde (Xenebra, 2012) estes deben empregar unha asociación de medicamentos. No concreto, mifepristona e misoprosol. Este último atópase en protectores estomacais como o Cytotec, empregados habitualmente nos abortos clandestinos. Dilata o útero e induce as contracións.

Intimidade, comodidade e atención médica

Aliás, sublíñase o apoio psicolóxico á muller como un elemento chave na prestacón de servizos de atención integral do aborto. Así mesmo, as guías describen os equipamentos e profesionais cos que deberán contar as mulleres que teñan que someterse a un aborto por indución. De maneira detallada estas indicacións foron achegadas pola Plataforma galega polo dereito ao aborto da Coruña en xullo de 2015 nun escrito remitido á xerencia de xestión integrada, á dirección médica da EOXI da Coruña e á dirección de enfermaría.

Ao contrario do que fixan as guías internacionais, as mulleres non agardan en espazos habilitados.

O documento, ao que tivo acceso Sermos Galiza sinala que, de acordo cos protocolos internacionais, as Unidades nas que serán atendidas as mulleres deberán contar con acceso a un equipo de ecografía, un espazo para que as mulleres agarden comodamente mentres a mifepristona prepara o colo do útero e un espazo confortábel para todo o proceso nos abortos por indución, lonxe das salas de dilatación de partos. Aliás, contarán cunha sala de recuperación para descansar despois do procedemento.

En conversa con Sermos Galiza, unha das mulleres ás que se lles practicou este aborto narra como estivo agardando nunha sala con mulleres que estaban a preparar o seu protocolo de parto e mesmo unha parideira. Aliás, foi ingresada nunha habitación partillada con outra doente que ía ser intervida cirurxicamente ao día seguinte.

Recomendan que as mulleres non teñan contacto cos restos fetais

Doutra banda, os abortos por dilatación e extracción deberán contar cun paritorio básico no que exista o preciso para suministrar anestesia epidural ou sedación. As habitacións de ingreso nas que decorren estes abortos quer no CHUAC, quer no CHUF non permiten o traballo dos profesionais anestesistas polo que as mulleres se ben obrigadas a parir con dor.

Aliás, recoméndase unha equipa de saúde estábel e preparada que garanta non só eficacia no proceso senón seguridade e atención ás mulleres. Isto é, anestesistas, matronas, xinecólog@s e mesmo persoal de apoio.

O procedemento descrito pola Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña, recollido pola Guía de atención integral de Ipas, sinala que "os restos [do feto] permanecerán fóra da ollada da muller en todo momento" algo que non acontece cando son elas as que asumen soas a expulsión, como denuncian.


No hay comentarios: