sábado, 20 de febrero de 2016

A Valedora advirte de situacións en que o Sergas trata como "doentes" ou "pervertidos" persoas LGTBi

Milagros Otero, presentou no Parlamento o Informe extraordinario sobre a situación de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza e alerta da "falta de formación" entre @s profesionais da educación ou a sanidade, entre outros sectores.

A Xunta anuncia un protocolo após deixar o PP sen contido a lei LGTBi

Esta quinta feira (18 de febreiro) a Valedora do Pobo, Milagros Otero, presentou no Pazo do Hórreo o Informe extraordinario sobre a situación de persoas LGTBi http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/AxendaParlamentaria/c_pet_2016_02_18_docu.pdf na Galiza, un documento elaborado a partir de encontros cos colectivos e asociacións para a defensa das liberdades sexuais e de xénero.

Milagros Otero atribúa á "falta de formación" o tratamento discriminatorio e vexatorio que reciben persoas LGTBi nas institucións públicas.

Neste senso, na súa intervención a Valedora alertou da "falta de formación" d@s profesionais, nomeadamente da sanidade. Neste senso, Milagros Otero sinalou que aínda se producen situacións nas que o persoal do Sergas --médico e psicolóxico-- trata como "doentes" ou mesmo "pervertidos" ás persoas LGTBi chegando mesmo a diagnosticaren como "trastornos da personalidade ou esquizofrenía" as identidades sexuais.

Aliás, instou a "desmitificar" o vencello entre as persoas LGTBi e a transmisión do VIH/SIDA.

Mais, lembrou tamén que a "inexistencia" de protocolos específicos no ámbito educativo e da falta de formación e información por parte das equipas docentes impiden combater de maneira eficaz casos de transfobia ou agresións por razón de identidade sexual. Neste senso, desde a Consellaría de Educación xa avanzaron a pasada semana que están a concluír un protocolo educativo na materia e que podería ser presentado a vindeira semana.

A Valedora recibiu apenas 3 queixas por agresións LGTBifóbicas de entre máis de 36 mil.

A presentación do extenso informe coincide coa recente agresión homófoba acontecida en Compostela. Neste senso, a Valedora indicou que se reuniu cos colectivos Ultreia e ALEAS a petición propia para coñecer o acontecido e advertiu do "repunte" de condutas LGTBifóbicas polas que amosou a súa "preocupación".

Neste senso, a Valedora indica que apenas recibiu "unhas tres queixas" nesta materia das "máis de 36 mil" que se presentaron. Un número, lamentou, "escaso", dixo, que mostra as poucas denuncias que aínda se presentan por agresións LGTBifóbicas, unha cuestión que xa foi subliñada o pasado ano polo anterior Valedor, Julio Fernández, co gallo do informe de 2015.

Neste senso, os colectivos reclaman, como así trasladou Milagros Otero, a aplicación efectiva de Lei para a non discriminación das persoas LGTBi na Galiza aprobada en 2014 mais da que non se están a cumprir boa parte dos seus preceptos, segundo denunciaron as forzas da oposición.


No hay comentarios: