sábado, 20 de febrero de 2016

"Están a obrigar as mulleres a inducir o parto"

A Plataforma rexistrou un escrito dirixido á Xerencia do CHUAC 

A Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña sinala que no Materno "obrigan" as mulleres aos abortos inducidos. "Non é puntual", alertan, "é unha realidade". O Defensor do Paciente pide á Fiscalía que investigue. 
VÍDEO

Unha concentración decorrida ás portas do Hospital Materno Infantil da Coruña, convocada pola Plataforma polo dereito ao aborto, reclamou esta quinta feira (18 de febreiro) que se garanta o "aborto digno" para aquelas mulleres que teñen que interromper a súa gravidez durante o segundo trimestre de embarazo.

Ao berro de "que cese a tortura" as mulleres exixiron que se preste a debida atención sanitaria ás mulleres para rematar cos casos de abortos por indución sen asistencia que están a desenvolverse no CHUAC, mais tamén no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

En conversa con Sermos Galiza, Margarida Corral, integrante da Plataforma e secretaria de Muller da Confederación Intersindical Galega (CIG) asegurou que, ao contrario do que afirma a Xerencia do CHUAC, "están a obrigar as mulleres a inducir o parto" pois non poden escoller entre as dúas fórmulas contempladas nos protocolos internacionais e na que se inclúe, para alén do aborto farmacolóxico ou por indución, o de dilatación e extracción (cirúrxico).

"Están a obrigar as mulleres a inducir o parto, non hai opción de escolla"

"Non hai opción de escolla", afirma Margarida Corral, "iso é unha evidencia, non hai protocolo e se é que o hai que o digan e informen as mulleres" para decidiren por cal das dúas opcións optan.

Desde a Plataforma polo dereito ao aborto subliñan que se está a producir unha discriminación entre aqueles fetos viábeis que nacen vivos e cuxas nais "si poden ter asistencia e sedación" e aqueloutras que teñen que interromper a súa gravidez. "Non teñen as mesmas condicións", advirten, polo que exixen sexan modificados os actuais protocolos para que non se repitan casos como os feitos públicos ao longo dos últimos días e nos que diversas mulleres deron conta de abortos inducidos en habitacións de ingreso nos que tiveron que parir os fetos soas, no baño e en cuñas de ouriñar.

A Plataforma exixe que sexan modificados os protocolos para que as mulleres poidan decidir se optan por un procedemento de dilatación e extracción con sedación.

"É incríbel e denunciábel que existindo casos nen sequera se muden os protocolos", subliñan. Neste senso, rexistraron un escrito esta quinta feira ao remate da concentración dirixido á Xerencia da EOXI da Coruña no que reclaman o cumprimento dos protocolos internacionais a respeito dos abortos no segundo trimestre. Aliás, lembran que hai 7 meses que agardan unha resposta por parte da dirección do CHUAC após remitírenlle un escrito en xullo de 2015 do que non recibiron resposta.

O Defensor do Paciente pide á fiscalía que investigue

Asegura que se trata dunha situación "vergoñenta" e "ruín" na que "hai unha presunta mala fe".

Esta quinta feira (18 de febreiro) a Asociación do Defensor do Paciente presentou un escrito perante a Fiscalía de Galiza para que inicie de oficio unha investigación arredor dos abortos sen asistencia médica que están a ter lugar no CHUAC, mais tamén no CHUF.

O colectivo insta a que se determine que está a acontecer após as denuncias públicas que narran interrupcións do embarazo durante o segundo trimestre de xestación ás que "non se lles garante que estexan atendidas por persoal médico, nen recibir a epidural" como denunciou a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña e o propio Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña. Aliás, lembran desde o Defensor do Paciente, para accederen a unha asistencia coas debidas garantías "a única alternativa que se lles ofrece é desprazarse a Madrid".

A asociación ve unha "presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres con coñecemento de que se está a facer" polo que exixen sexan depuradas responsabilidades ao poder incorrer nunha forma de "maltrato" ás mulleres como é a violencia obstétrica.


No hay comentarios: