miércoles, 10 de junio de 2020

Liberdade de ser e sentir!


pica na foto para acceder ao contido da campaña

A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, inicia unha campaña de sensibilización de cara á colaboración o vindeiro 28 de xuño do Día da Diversidade Sexual na que participan de 54 concellos da provincia ademais de 6 asociacións que traballan pola igualdade e os dereitos lgtbqi+. "Liberdade de ser e sentir! é, de novo, o lema da campaña coa que a área de Igualdade da Deputación da Coruña busca reivindicar e concienciar arredor do dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas. 

 

A campaña difundirase a través da plataforma seresentir.gal na que se publicarán todos os contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual ademais de contar cunha área privada na que os concellos e entidades poderán acceder aos diferentes recursos da Campaña. Ademais, "Liberdade de ser e sentir!" ofrecerá contidos específicos para o público máis novo e, en concreto, a actividade "Planeta LGTB" achegará ás crianzas contacontos a cargo de Felipe Díaz (Caxoto) para reflexionar sobre riqueza da diversidade e sobre o colectivo LGTB.

 

En canto á adolescencia, a través da plataforma e as redes sociais difundirase a serie web S.E.X, da produtora Illa Bufarda que conta cun Premio Luísa Villalta das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña na súa segunda edición. A webserie está elaborada en colaboración con Aseia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e conta tamén co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, e trátase dun proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes.

 

O programa inclúe tamén o concurso nas redes sociais "Balcóns da diversidade!" co que se convida a todas aquelas persoas interesadas en participar a que envíen fotografías dos seus balcóns decorados coas bandeiras do arco da vella.

 

Charlas de temática LGTBQI 

 

Ademais, a iniciativa incluirá unha serie de palestras temáticas LGTBQI centradas na diversidade sexual, para falar dos dereitos, das barreiras e das liberdades. En concreto, catro serán as charlas que se emitirán dentro do programa e xirarán arredor da diversidade sexual no deporte, na infancia e adolescencia, no tratamento informativo e na literatura.

 

O programa inclúe as seguintes participantes:

 

◦ Visilibilidade LGTBQI+ no deporte, coa participación da Karateka Cristy Tojo e a xornalista Bárbara G. Vilariño.

◦ Diversidade sexual na infancia e na adolescencia, coa participación de Inés del Río (pediatra e forma parte do comité de bioética da Asociación Española de Pediatría), Noemí Díaz (Rede de apoio LGTBQI+ nas escolas galegas) e Enrique Latorre, filósofo e investigador da USC.

◦ Tratamento informativo do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación, coa participación de Ángela Fernández (Colexio de Xornalistas de Galicia), Daniela Fernández (coordinadora do blog Corpos Incómodos) e a xornalista Bárbara G. Vilariño.

◦ Literatura e diversidade sexual con María Reimóndez (tradutora, intérprete e escritora), Lucía Aldao (poeta e artista galega) e Martín Añel (do Club de Lectura LGTB Queeruña).

 

As accións están dirixidas a xerar na sociedade valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, apoiando a diversidade e a liberación sexual e dignificando á comunidade LGTBQI+.


Os concellos que forman parte desta campaña son os seguintes: Abegondo, Ames, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mancomunidade de Ordes, Melide, Moeche, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes, Porto do Son, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vilarmaior, Vimianzo.


Asociacións que traballan a prol da igualdade e defensa dos dereitos LGTBQI e que forman parta da campaña Liberdade de ser e sentir!: Alas A Coruña, Corufest, Arelas, Asociación de Empresarias de A Coruña, Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos e Fundación Meniños.

No hay comentarios: