lunes, 23 de abril de 2018
O Concello avanza no labor de sensibilización e visibilización das diversidades afectivo sexuais con novas actividades do Espazo Diverso abertas á cidadanía nos meses de abril e maio
Rocío Fraga lembra que o novo contrato do servizo de atención ao colectivo LGTBQI, “que se adxudicará de xeito inminente”, ampliará os recursos do proxecto posto en marcha polo executivo municipal en decembro de 2016.
A Concellería de Igualdade e Diversidade programa, para os meses de abril e maio, novas actividades de sensibilización e recoñecemento do coletivo LGTBQI. O Espazo Municipal das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero, situado no centro cívico da Cidade Vella, ofrece desde mañá, luns 23, proxeccións, parladoiros e obradoiros abertos á cidadanía "coa finalidade de afondar na visibilidade das diversidades afectivo sexuais", explica a concelleira Rocío Fraga.
O Espazo Diverso, tal e como se coñece ao servizo de atención a persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queer e intersexuais para o asesoramento e información en temas relativos ás diversidades afectivas e sexuais e á defensa dos seus dereitos, dá continuidade a unha serie de iniciativas "que vén desenvolvendo desde a súa posta en marcha e que referenda a aposta deste goberno por recoñecer as diversidades e favorecer a creación de espazos de seguridade para a integración da veciñanza". "Este mesmo mes de abril, por exemplo, o Espazo impartiu, en colaboración coa Escola Universitaria de Enfermería da Coruña, unha nova edición do Obradoiro sobre Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero ao alumnado de 1º de Grao de Enfermería, para achegar a profesionais do ámbito da saúde información e recursos actualizados sobre as realidades dos colectivos minorizados pola súa orientación ou identidade de xénero", explica a concelleira.
Así, luns 23, ás 19.00 horas, e dentro da programación habitual do VideoforumLGTBQI do Espazo Diverso, proxectarase a película 1:54, que permitirá reflexionar ás persoas asistentes sobre o acoso escolar. O traballo aborda, a partir da revelación pública da orientación sexual do protagonista a través das redes socais, a angustia e o medo a ser estigmatizado na contorna. Na seguinte semana, o 30 de abril a partires das 19.30 horas, o servizo da área de Igualdade abordará a realidade trans a partir dunha conversa e vídeo-debate co activista André Portela, do colectivo Amizando.
Xa no mes de maio, o luns 7, terá lugar unha sesión de curtametraxes na que se compartirán pezas que, dende diferentes narrativas e diversos formatos --videoclip, animación ou cinema, entre outros-- reflexionan tanto sobre o acoso por causa de orientación sexual como por identidade de xénero. As proxeccións comezarán ás 19.00 horas.
Contra final de mes, o 30 de maio, celebrarase desde as 18.30 horas Aireando o armario, un obradoiro de reflexión sobre as violencias en parellas LGTBQI. "Este obradoiro será un espazo dende o que reflexionar sobre o amor romántico e a súa relacións coas violencias que se dan no interior das parellas LGTBQI, presentando novos xeitos de amar e de crear vínculos a través do bo trato", sinala Rocío Fraga. A metodoloxía deste obradoiro, didáctica, de experimentación e de análise crítica, "fomentará un ambiente de diálogo, de comunicación e de resolución de dúbidas e medos", asevera a edil. Esta actividade, que é gratuíta --como todas as organizadas dende o Espazo Diverso--, conta con prazas limitadas, polo que se abrirá un período de inscrición dende mañá, 23 de abril, até o 11 de maio. A solicitude de participación poderase formalizar a través do teléfono 981.189.889 en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.
Novo contrato
Nas vindeiras semanas o Concello adxudicará o novo contrato do servizo, de dous anos prorrogables a outros dous, cun importe máximo de licitación de 86.000 euros. A nova licitación ampliará de forma considerable os recursos destinados ao Espazo Diverso, "que está a realizar un importante labor no que ten que ver co recoñecemento das diversidades afectivo sexuais", apunta Fraga. Con este novo contrato, "que se adxudicará de xeito inminente" segundo avanza a edil, o goberno local consolidará o proxecto piloto posto en marcha polo área de Igualdade e Diversidade no mes de decembro de 2016, que naceu como resposta "a unha máis que necesaria demanda da veciñanza, logo de que fora invisibilizado polo anterior goberno local".
Etiquetas:
espazo das diversidades,
espazo diverso,
lgtbqi
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario