lunes, 23 de abril de 2018

Escola de empoderamento feminista

O concepto de empoderamento procede do termo inglés "empowerment", que fai referencia ao proceso de "gañar poder" dende a toma de consciencia persoal de ser suxeito de dereitos, capacidade e intereses propios, así como de ter dereito a esixir condicións para poder levalo á práctica. Así entendido, o empoderamento feminista é unha estratexia para o avance social das mulleres e a incidencia política cara a Igualdade; e así aparecía incluída na declaración oficial de Beijing relativa á IV Conferencia Mundial das Mulleres, organizada por Nacións Unidas en 1995.
A dita estratexia de Beijing inspira o articulado da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo para a Igualdade efectiva de homes e mulleres, na que se recolle expresamente "a elaboración de estratexias para o empoderamento das mulleres", como criterio xeral de actuación da Administración Autonómica Galega no artigo 5.2.d) do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Igualdade.
Dende este contexto, impulsamos a creación dunha Escola de Empoderamento Feminista; un programa municipal que nace coa intención de ter estabilidade e periodicidade anual. Trátase dun recurso de formación para a cidadanía que busca abrir procesos democráticos alentando a unha maior participación activa das mulleres, a creación de redes, e a mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida municipal.
A Escola de Empoderamento Feminista consistirá nunha programación estable de diferentes actividades co obxectivo de afondar en aspectos socioeducativos e de sensibilización en torno á igualdade, á diversidade e á perspectiva feminista como eixo de transformación social, tanto dende o nivel individual como o colectivo.
O calendario de actividades presentouse o pasado 3 de abril nun acto de apertura que tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña e consistiu nunha conversa aberta coa activista, pensadora feminista e profesora na Universidade de Hofstra de Nova York Silvia Federici que levaba por título "A nova caza de bruxas, coidados e comúns. Desafíos nas loitas feministas do século XXI". Tamén participou a profesora do  Centro de Estudios de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, Antía Pérez Caramés, como condutora da conversa. O acto rematou coa poesía e a música de AldaoLado, o dúo conformado por Lucía Aldao e María Lado.
Na seguinte ligazón poderá ver a retransmisión en diferido deste acto: https://youtu.be/aLgN84oK84s
O 18 de abril ás 10h tivo lugar na Concellería de Igualdade e Diversidade o sorteo da letra para a selección dos admitidos aos obradoiros da Escola de Empoderamento Feminista. O resultado foi a letra C. A relación de admitidos a cada un dos obradoiros farase por orde alfabético a partir da letra C do primeiro apelido dos solicitantes.
No folleto de actividades hai un erro nas datas do obradoiro de "Xénero e discapacidade". Esta actividade comenzará o 3 de maio e rematará o 31 de maio.

No hay comentarios: