lunes, 28 de diciembre de 2015

18 DE DECEMBRO DE 2015. Día Internacional das migracións e persoas migrantes

A Concellaría de Igualdade e Diversidade, con motivo do Día Internacional das Migracións e das persoas migrantes, ten una lembraza especial das persoas que este ano perderon a vida ou desapareceron mentres trataban de chegar a outro destino en procura de oportunidades de vivir ao amparo dos seus dereitos humanos.

Desde o ano 2000, o día 18 de decembro conmemórase o ‘Dia Internacional das persoas migrantes’, é unha data para reivindicar os dereitos de todas as persoas que se desprazan dos seus países de orixe e tamén para denunciar as vulneracións dos mesmos, en base á adopción da Convención Internacional sobre a protección dos dereitos das persoas traballadoras migrantes e das suas familias pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas (unha Convención aínda pendente de firma por parte de España).

O Concello da Coruña súmase a esta conmemoración como parte do seu compromiso político cun modelo de desenvolvemento centrado nas persoas, os dereitos humanos e o principio da igualdade de xénero, ingredientes necesarios para unha cidade inclusiva e acolledora en Igualdade. Ademais, resulta imprescindible tomar en consideración que as relacións de xénero determinan (e son determinadas por) cada paso do ciclo migratorio; e isto refírese non só ás decisións tomadas nos fogares e núcleos de convivencia, senón tamén a nivel comunitario e institucional.

Coa adhesión da Coruña á rede de ‘cidades-refuxio’  reafirmouse o compromiso político deste goberno municipal coa necesidade de dar unha resposta institucional ante a crise humanitaria que estamos a vivir e as situacións de extrema vulnerabilidade que afectan a persoas migrantes e que, en certo sentido, agrávanse como efecto das leis de estranxeiría españolas e a construción legal e social que provoca de confrontación entre «inmigrantes irregulares» e  «inmigrantes regulares».  Tampouco axuda a falta de regulamento da Lei de Asilo do 2009 ao provocar unha confusión permanente e unha demora inxustificada na  seguridade e garantía xurídica de quen solicita asilo.

Neste sentido, o traballo que se realiza desde a Concellería de Igualdade e Diversidade pretende cambiar a narrativa sobre a migración, poñendo en valor a diversidade e as moitas maneiras nas que as persoas migrantes contribúen a enriquecer os valores da cidade da Coruña, como sociedade anfitriona.

Por todo iso, o 18 de Decembro de 2015 queremos lembrar especialmente ás persoas que este ano perderon a vida ou desapareceron mentres trataban de chegar a outro destino en procura de oportunidades de vivir ao amparo dos seus dereitos humanos; e tamén hoxe facemos unha chamada á cidadanía e institucións para que asuman como propios os obxectivos cos que este goberno municipal xa se comprometeu:

- A protección dos Dereitos Humanos das persoas migrantes, con especial atención aos/ás menores.
- A necesidade de erradicar a explotación e trata de quen ten que emigrar dos seus países de orixe.
- A importancia de reforzar as políticas de igualdade e os dereitos das mulleres.
- O compromiso de fomentar a convivencia intercultural desde o principio de igualdade na diversidade.


No hay comentarios: