miércoles, 20 de noviembre de 2013

O día 25 celebrarase no campus un faladoiro co gallo do Día Internacional da Violencia de Xénero


Nove horas de lectura en prol da igualdade precisan da túa voz.
Están convidados a participar todos os cidadáns que o desexen

Cando un problema se verbaliza ábrese a porta á busca dunha posible solución para el.

Deste xeito, na loita contra a desigualdade e contra a violencia de todo tipo un dos aspectos nos que se fai fincapé é na necesidade de visibilizar estas situacións e alzar a voz para que non se sigan producindo. O día 25 de novembro, o campus de Ourense celebrará un faladoiro no que se convida aos membros da comunidade universitaria e a toda a cidadanía a participar en nove horas de lectura ininterrompida a prol da igualdade e en contra da violencia de xénero.

A cita, que se enmarca dentro da programación organizada pola Vicerreitoría do campus co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, desde as 11.00 h e ata as 20.00 h. “Queremos que todos os membros da comunidade universitaria e os cidadáns que o desexen se animen a participar nesta iniciativa, que presten a súa voz a unha causa tan importante para a nosa sociedade. As portas do faladoiro estarán abertas a todos aqueles e aquelas que queiran unirse a esta iniciativa”, destaca Yolanda Rodríguez, docente coordinadora da actividade.


No hay comentarios: