viernes, 24 de mayo de 2013

ABORTO LIBRE E GRATUÍTO: As mulleres decidimos


A loita polo dereito das mulleres a decidir a súa maternidade, elas, sen intromisións, ten conformado o cerne do feminismo galego. Unha peza substantiva foi bater na idea de que ser nai é unha obriga. Ser nai é unha posibilidade, unha opción. Elixir implica información, medidas anticonceptivas para aquelas mulleres de prácticas heterosexuais que non queiran quedar embarazadas, medios reais para exercer a maternidade en condicións axeitadas e o regulamento do aborto ou interrupción dun embarazo que non se quere levar a término.

Esta batalla foi dura e persistente no tempo. Morreron mulleres en abortos clandestinos, foron detidas, encausadas e xulgadas. Outras pasaron cárcere xunto con profesionais da sanidade. Foron moitas as que por non poderen interromper o seu embarazo tiveron que enfrontarse a maternidades non desexadas. Dor, humillacións e clandestinidades a grande maioría.

Logo da primeira aprobación da despenalización parcial do aborto en tres supostos en agosto de 1985 co goberno de Felipe González, que deixaba á maior porcentaxe de abortos fora dos tres supostos, seguimos loitando e sempre demandamos información sexual, buscando o porque tantísimas mulleres quedan embarazadas sen quereren. Sabemos moi ben que ningunha muller aborta por gusto senón para evitar un mal máis grande como é traer ao mundo crianzas non desexadas.

Destas loitas conseguiuse o cambio de opinión de amplos sectores sociais anteriormente opostos ao aborto polas prédicas desde púlpitos durante centos e centos de anos e de boa parte da xerarquía da xinecoloxía española.

En 2010 o goberno de Zapatero aproba a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo que pasa a un sistema de prazos con indicacións no caso de malformación do feto. Esta Lei crea unhas condicións de mínima dignidade e respecto á decisión das mulleres aínda moi mellorables (obxección de conciencia, privatización cáseque absoluta da prestación, censura da formación e práctica médica, estigmatización profesional de quen fai abortos...)

Agora o ministro Gallardón á fronte do goberno do PP, preocupado por seguir o ditado da Conferencia Episcopal, do Foro da Familia e organizacións semellantes que forman ese 10% da poboación que pretenden a supresión do aborto e que sexa delicto en todos os casos, queren una volta atrás sen precedentes.

Nosoutras defendemos o dereito da muller a ter a posibilidade real e concreta de decidir se quere ser nai ou non e cando; sen que leis, ministros, bispos, médicos, xuíces ou calquera outra persoa interfiran na súa decisión. Sen que tampouco a Red Madre ou a Lei de Familia apreten e presionen ás mulleres embarazadas.

Queremos que se poñan a dispor de todas as mulleres que queren ser nais as posibilidades de facelo (servizos sociais públicos, escolas infantís, vivenda, comedores escolares, traballos con salarios e horarios que permitan a crianza) e que as administracións cumpran co seu cometido facilitando a nais e pais a posibilidade real de facer compatible traballo e familia.

Queremos que exista o dereito ao aborto libre, sen máis causas que a vontade da muller nas primeiras semanas, na carteira de servizos da sanidade pública.

E non queremos que se nos titorice. Somos capaces, sabemos o que decidimos.

Por todo isto, opoñémonos e denunciamos a intención do goberno do Partido Popular que, ao ditado da Conferencia Episcopal, en troca de mellorar as nosas vidas, garantir os nosos dereitos e as nosas liberdades, ponse a recortar unha lei que conta co apoio da maior parte da poboación.

Nosoutras parimos, nosoutras decidimos.
A liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo.
Aborto libre, gratuíto, na sanidade pública e á decisión da muller

PLATAFORMA POLA DEFENSA DO DEREITO AO ABORTO


Listado de organizacións que compoñen a PLATAFORMA POLA DEFENSA DO DEREITO O ABORTO:
Adiante, AGIR, Andaina, ANOVA, Asamblea de Mulleres de Galiza Nova, Asociación CDR Virxe do Carme de Camariñas, Asociación de Mulleres Dorna, Asociación Enriqueta Otero, Asociación “Finisterrae” de profesionais de desenvolvemento local (AFIPRODEL), Asociación Galega para a Saúde Sexual (AGASEX), Asociación Líder, Asociación profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA), Asociación Púrpura, Asociación Teenses pola Igualdade, BNG, Briga, CCOO de Galicia, Conas Ceives, CIG, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida, STEG, Federación de asociacións de Mulleres rurais de Galicia (FADEMUR), Foro Feminista Falando Nós, FPG, Grupo LGTB 7 cores, ISCA!, Liga estudantil galega, Marcha Mundial das Mulleres, Médicas do mundo, Mulleres en Acción do Barbanza, Mulleres Luguesas contra a violencia de xénero, Mulheres nacionalistas galegas, Mulleres progresistas Alba, Mulleres progresistas de Poio, Nós-UP, Plataforma Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Plataforma SOS Sanidade Pública, PSdeG-PSOE, Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, Rede feminista de Compostela, Rede provincial Pontevedra pola Igualdade, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Sexoloxía, UGT Galicia, Unións Agrarias-UPA Galicia, Viudas Demócratas de Vigo, Xuventude Comunista de Galiza, Xuventudes Socialistas de Galicia.


No hay comentarios: