miércoles, 6 de marzo de 2013

DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

A sexualidade e a reprodución son dous ámbitos da actividade humana que inflúen decisivamente na vida e na identidade das persoas, no seu estado de saúde e no grao de benestar individual e social. Xa que logo, o recoñecemento destes dereitos é un garante para gozar plenamente da sexualidade e ter unha vida satisfactoria baseada no respecto á dignidade, á liberdade e á autonomía das persoas.
Baixo o epígrafe “dereitos sexuais e reprodutivos” recóllense os establecidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, que se trasladan e desenvolven no ámbito da sexualidade e a reprodución.
Estes dereitos están recollidos nos tratados internacionais da “Conferencia de Poboación e Desenvolvemento, de 1994” e da “Conferencia Mundial sobre as Mulleres, de 1995”. Estes acordos foron subscritos polo goberno español para o seu desenvolvemento e cumprimento e, xa que logo, son tamén de obrigado cumprimento para o goberno de Galicia.
No estado español, o recoñecemento destes dereitos veu da man das demandas e das mobilizacións das organizacións feministas, das e dos profesionais de planeamento familiar, dos colectivos sanitarios, sociais e políticos. Coas ditas mobilizacións conseguiuse un importante cambio nesta materia, tanto a nivel lexislativo, formalizando o seu recoñecemento, coma a nivel social e individual, facendo uso deles.
En relativamente poucos anos, produciuse unha importante evolución: dende a despenalización dos anticonceptivos, ata a reforma do código civil para o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e a lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción legal do embarazo, Lei que, non podemos esquecer, que este goberno quere cambiar, roubando ás mulleres o seu lexítimo dereito a decidir sobre o seu corpo.
As obrigas do estado para a protección destes dereitos, son:
* Respectar e non interferir, nin directa nin indirectamente, no goce de calquera deles.
* Protexelos, para impedir que terceiras persoas os violen ou menoscaben, para o que se requiren medidas sociais, lexislativas, administrativas e orzamentarias axeitadas.
* Garantir que a lexislación e as políticas públicas favorezan o seu exercicio efectivo.
O feito de que os poderes públicos non cumpran coas súas obrigas e non garantan a asistencia, a prevención e a promoción en materia de saúde sexual e reprodutiva, é VIOLENCIA DE XÉNERO ESTRUTURAL; unha dimensión da violencia contra as mulleres que forma parte da estrutura social, orientada a impedir que extralimitemos a nosa posición de desigualdade. Pola súa vez, esta dimensión da violencia está deliberadamente invisibilizada para a cidadanía, o que constitúe a chamada VIOLENCIA SIMBÓLICA, que se orienta precisamente a naturalizar o resto dos tipos e expresións.


No hay comentarios: