miércoles, 25 de febrero de 2009

Nin un crime homofóbico impune!

Comunicado de ATURUXO
REPULSA Á SENTENZA HOMOFÓBICA DUN XURADO POPULAR DE VIGO QUE ABSOLVE O ASASINO DE DOUS HOMES.
Rabia, impotencia, tristeza,... Isto é o que nos provoca a recente sentenza absolutoria a Jacobo Piñeiro Rial por asasinar con 57 puñaladas a Isaac Pérez Triviño e Julio Anderson Luciano e posteriormente prender lume á casa dos mesmos para eliminar as evidencias.
As persoas que facemos activismo LGBT somos conscientes de que moitas veces até as propias leis van por diante da sociedade, mais contodo, non podemos deixar de ficar horrorizadas e horrorizados ante esta decisión de un xurado popular en Vigo. Preguntámonos sen encontrar fácil resposta sobre as motivacións dese veredito. Estas non son outras que a máis crua homofobia, o odio ao diferente e o desprezo absoluto á vida humana cando se trata de maricóns.
O “medo a ser violado” e a “defensa propia” foron os argumentos utilizados polo avogado do asasino e ratificados por un xurado popular que considera que a nosa orientación sexual, diferente á maioritaria, nos fai seres perversos. As nosas vidas non teñen valor e torturarnos, asasinarnos a sangue frío e queimarnos despois son actos tolerábeis e gratuitos.
Consideramos estes feitos gravísimos e tememos que sexan indicador de unha sociedade aínda moi atrasada e intolerante. Decisións como estas encontranse ben máis próximas de tempos inquisitoriais e totalitarios que dunha sociedade que se di avanzada e do século XXI.
Do Colectivo Gay de Compostela, integrado na Federación de asociacións LGBT de Galiza “Aturuxo”, queremos mostrar a nosa máis forte repulsa a todo tipo de manifestación de odio que denigra e despreza as vidas das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Solidarizámonos profundamente e compartimos a dor das famílias de Isaac e Julio e esiximos que o peso da xustiza caia sobre o asasino dos nosos compañeiros.
Nin un crime homofóbico impune!Dignidade e xustiza para Isaac e Julio.
CONCENTRACIÓN DE REPULSA Á SENTENZA XUDICIAL E DE SOLIDARIEDADE COAS FAMILIAS DAS VÍTIMAS: MÉRCORES 25 DE FEBREIRO ÁS 20:00 NA PRAZA DO TOURAL DE COMPOSTELA

No hay comentarios: