domingo, 19 de febrero de 2012

Anticoncepción e aborto en Galicia: do Centro Quérote á Red Madre

"Quita o aborto, quita o aborto!". Foi un dos berros máis repetidos na madrileña rúa de Génova cando, a noite electoral, Mariano Rajoy saíu ao balcón para celebrar cos seus seguidores a vitoria nas eleccións xerais. Xa co PP no Goberno, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, anunciaba hai poucas semanas a súa intención de impulsar unha "contrarreforma" da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo, a comezar por derrogar a lei de prazos aprobada polo Executivo do PSOE e mesmo tocando detalles da lei de supostos de 1985. Antes de que todo isto se producise, o pasado mes de outubro, a agora voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, dirixiu unha pregunta á Consellería de Sanidade. A nacionalista reclamaba coñecer "a valoración" da Xunta sobre a "proposta de derrogación da Lei de de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo". O pasado 13 de febreiro Sanidade daba en contestar a pregunta de Pontón e facíao de xeito escueto. Limitouse a asegurar que a Xunta "cumpre rigorosamente a normativa e garante a accesibilidade aos servizos". "Os datos dispoñibles atópanse na páxina web www.sergas.es", remata a resposta.

Se a parlamentaria atende á indicación do departamento que dirixe Rocío Mosquera non achará grandes volumes de información. Ben ao contrario, apenas atopará un artigo científico de tipo estatístico editado en 1998 e nocións xerais sobre as metodoloxías clínicas existentes para practicar abortos. O que non atopará será un percorrido máis exhaustivo polas reformas impulsadas pola Xunta nesta área dende o ano 2009. Estes cambios normativos foron executados esencialmente desde as consellerías de Sanidade e Benestar e aséntanse en dúas normas, a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, así como en cambios organizativos e mesmo nominais, caso por exemplo dos Centros Quérote creados pola antiga Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, agora transformados nos centros Quérote+.


Leer artículo completo

No hay comentarios: