domingo, 19 de noviembre de 2017
A concelleira de Igualdade presenta a campaña ‘En negro contra as violencias’ e convida a entidades, establecementos e veciñanza a "apropiarse dela para sensibilizar sobre a realidade das violencias machistas"
A concelleira, Rocío Fraga, e representantes das
empresas patrocinadoras amosan ao material da campaña.
Rocío Fraga destaca o éxito desta iniciativa e
empraza á cidade a implicarse, especialmente entre os días 23 e 26 deste mes,
coincidindo coa celebración do Día Internacional da Eliminación das Violencias
Machistas, ao tempo que chama a un pacto entre concellos para "ir máis alá
do labor deste tipo de accións".
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío
Fraga, presentou este xoves a nova edición da campaña 'En negro contra as
violencias', que busca fomentar a sensibilización cidadá fronte ás violencias machistas
no ámbito municipal, e implicar ao tecido económico, asociativo, educativo,
deportivo, social e cultural da cidade, así como a toda a cidadanía.
"Cremos que as políticas públicas teñen que estar destinadas a ter moitos
recursos e persoal para acompañar ás mulleres e persoas vítimas de violencia de
xénero, pero as campañas son tamén moi importantes, porque axudan a
sensibilizar, a co-responsabilizar e a facernos conscientes dunha realidade na
que vivimos", destacou a responsable municipal, quen sinalou que a campaña
está pensada, ademais, "para que a xente poida apropiarse dela, e usar os
materiais que poñemos a disposición de todo o mundo".
Tamén salientou o
alcance desta iniciativa, que comezou en Santiago hai dous anos, e á que A Coruña
se sumou en 2016, na súa segunda edición. Hoxe son 72 concellos de toda
Galicia, ademais das Deputación de A Coruña, Lugo e Pontevedra, os que
participan, e tamén están formalmente adheridos máis de 3.000 establecementos e
entidades de todo tipo.
Como recordou, os pasados 6 e 7 deste mes, unha
delegación formada por medio cento de persoas viaxaron a Bruxelas a presentar a
campaña no Parlamento Europeo, e onte, 60 representantes dos 75 concellos de
todas as cores políticas, incluído o da Coruña, e as tres deputacións adheridas
citáronse no Pazo de Raxoi para a sinatura do protocolo para desenvolver estas
accións. A este respecto, a concelleira salientou a importancia de que as
administracións locais "nos impliquemos e teñamos, como entidades que
estamos mais próximas á cidadanía, esa responsabilidade de facer o traballo de
loita contra as violencias machistas". "Esta suma de entidades locais
fainos poder empezar a traballar nun pacto desde o municipalismo e os
concellos, para ir máis alá. A campaña ten unha función relevante, pero a nosa
intención é continuar cun pacto, na liña do que estamos a desenvolver, a nivel
local, na Coruña, que vén de rematar a primeira fase que iniciará a principios
do ano que vén a súa segunda fase, para a co-responsabilidade de todos e de todas
por unha cidade libre de violencias machistas", avanzou.
En relación á campaña, Fraga explicou que a intención
deste ano é consolidar a experiencia e ampliar o compromiso da cidade na loita
contra as violencias machistas, para o que se está a poñer todo o material que
xa están sendo solicitados por comercios, empresas e negocios, e que se
comezará a entregar nos vindeiros días. "Queremos que máxima intensidade
da campaña se produza entre os días 23 e 26 de novembro", sinalou a edil,
quen emprazou á cidade a "vestirse de negro e amosar os lemas da campaña
eses días", tendo en conta quen o 25 celébrase o Día Internacional da
Eliminación das Violencias Machistas, e a sumarse tamén nas redes sociais, cos
cancelos #ContraAsViolenciasMachistas e #CoruñaEnNegro, e a enviar fotos da
campaña a senviolenciasmachistas@coruna.es, ou etiquetar as redes da
concellería (@IgualdadeCoruna).
Para a difusión de todas estas accións, o
Concello editará e repartirá entre os espazos, entidades e locais participantes
máis de 17.500 metros de cinta de balizar coa imaxe da campaña, 2.500
distintivos adhesivos de #EspazoLibreDeViolenciasMachistas; máis de 10.000
chapas; 10.000 posavasos e 5.000 manteis para a hostalaría, ademais de
camisetas, unhas 2.700, e cartaces en diversos formatos con mensaxes como 'Si é
si, non é non', 'Sempre libre e viva' ou 'Espazo libre de violencias
machistas'.
Como recordou a responsable municipal, todos os
materiais xenéricos da campaña poden atoparse na web
http://ennegrocontraasviolencias.gal/, e os elaborados especificamente para A
Coruña poderán ser descargados na páxina web da Concellería de Igualdade e
Diversidade, a disposición de calquera persoa ou entidade que queira
empregalos, "para que todo o mundo poida apropiarse deles, os comercios nos
escaparates e a veciñanza nas ventás, e a campaña desborde". Do mesmo
xeito, as persoas que queiran participar poderán solicitar o material a través
do correo electrónico habilitado polo Concello. Ademais, e como incidiu a
responsable de Igualdade e Diversidade, este ano a distribución tratará de
chegar a diferentes puntos da cidade, coa colaboración das asociacións de
comerciantes dos barrios dos Mallos, Elviña, Cidade Vella e Monte Alto, con
máis de 150 establecementos comerciais xa adheridos, e buscando a complicidade
da hostalería local.
Do mesmo xeito, a concelleira destacou a implicación
das empresas patrocinadoras este ano,
representadas esta mañá na rolda de prensa, como son Gadisa -que
colabora con camisetas e volandeiras-, Tranvías da Coruña -coa colocación de
cartaces en todos os buses da cidade, así como coa rotulación das traseiras de
tres autobuses que dende hoxe xa están circulando pola cidade, nas liñas 3, 6 e
23-; CocaCola -con dúas vallas colocadas en Alfonso Molina e coa produción propia
de 500 mandís que repartiran entre a hostalaría da cidade- e Vegalsa -a través
da distribución de materiais en 27 tendas da cidade, Familia, Eroski Center e
CashRecord, e da colaboración económica para edición de materiais- e igualmente
agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña coa produción de materiais.
Xunto con eles, Rocío Fraga destacou a participación do Deportivo da Coruña,
das entidades e escolas deportivas da cidade, das asociacións veciñais -ata 25
a nivel local-, e así mesmo a visibilización da campaña en 14 centros de saúde,
nas instalacións deportivas municipais, nos mercados, na Rede de Bibliotecas
Municipais, nos centros cívicos, ademais de espazos fundamentais de atención e
información como o centro Ágora, o Fórum, ou o CMIX, e os espazos de atención
propios da Concellería de Igualdade e Diversidade, como son o CIM, o COF, a
UAMI e o Espazo das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero. Outros
emprazamentos significativos, como a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón,
a Fundación Luis Seoane, a Casares Quiroga ou a Emilia Pardo Bazán, o Coliseum
ou o Palacio da Ópera, así como as sedes de EMALCSA, EMVSA, IMCE, do Consorcio de Turismo e do Consorcio
de Promoción da Música, tamén amosarán o apoio á campaña contra as violencias machistas.
A concelleira destacou especialmente a implicación da Policía local, Bombeiros
e Protección Civil, que xa colaboraron na anterior edición e que nesta seguirán
incrementando o seu apoio.
Etiquetas:
campaña,
igualdad,
violencia machista
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario