domingo, 19 de noviembre de 2017
25 Novembro-O machismo oprime e mata dende a infancia.
Organicémonos para combatelo!
Mobilizacións:
OURENSE - ás 19h diante do C.C. Ponte
Vella
VIGO - às 20h dende a Farola de Urzàiz
A CORUÑA - ás 19h no Obelisco
COMPOSTELA - ás 20h dende a Praza 8 de
Marzo
FERROLTERRA - ás 18h polideportivo San
Valentín (Fene)
ARZÚA - ás 19.30h entrada principal do
Multiusos
O 25 de novembro é o Día Internacional
para a eliminación da violencia contra as mulleres. Neste día, como no resto do
ano, queremos visibilizar a violencia que sufrimos as mulleres polo feito de
sermos mulleres e reclamamos medidas efectivas e concretas para combatela. Esta
violencia asumímola desde que nacemos e aféctanos a todos os aspectos das nosas
vidas: violencia estética, acoso sexual, agresións sexuais, discriminación
laboral, etc., ata chegar á máis evidente que é o asasinato.
Esta violencia sistémica, o patriarcado,
é aínda máis cruel coas mulleres que están relegadas ás marxes pola súa
condición de raza, clase, orientación sexual, inmigración...
Mais cando falamos de violencia machista
non sempre entramos a debater sobre as fillas e fillos asasinados como forma de
vinganza contra as súas nais. Os asasinos son sempre os seus pais biolóxicos,
ou ben parellas ou exparellas das súas nais. Soen facelo durante o réxime de
visitas. Usados como un mero obxecto para danar de xeito irreparábel ás súas
nais, para provocarlles o maior dano posíbel. É un dos xeitos máis crueis da
violencia machista porque o obxectivo é que non se recupere e non o esqueza
xamais.
De feito, as administracións tan só
recoñecen dous feminicidios durante este ano 2017 en Galiza: o de Virginia, de
55 anos, no Carballiño, e o de María José Mateo (Sesé), de 52 anos en
Redondela. Mais aínda que non computan para as cifras oficiais, foron catro e
non dúas as vítimas do machismo. Xa que no mes de maio un meniño de 11 anos foi
asasinado polo seu pai en Oza Cesuras. E durante o secuestro da súa filla de
tan só 21 meses, asasinaban na Coruña a M.M.A, de 73 anos, quen foi atopada
molida a paus a mans do seu ex-xenro.
Nos últimos dous anos foron 18 os asasinatos
machistas na Galiza. Destes, non podemos esquecernos dos asasinatos das irmás
Amaia e Candela Oubel, con tan só 9 e 4 anos, asasinadas polo seu pai cunha
radial durante o período de visitas estival. Por iso pretendemos visualizar na
nosa campaña non só na violencia contra as mulleres no marco das relacións de
parella, senón poñer o foco tamén no tipo de violencia que exercen os machistas
no sistema patriarcal, agredindo todo aquelo ao que ás mulleres teñen estima:
obxectos, animais de compañía, mais tamén inclúen ameazas e violencia contra
amizades, novas parellas das vítimas, familiares e dentro destes, incluso as
fillas e fillos. De feito, os maltratadores transforman ás crianzas en obxectos
para continuar co maltrato e a violencia contra a muller, conscientes de que a
través dos fillos e fillas manterán o contacto e poderán continuar coa
extorsión, o acoso. Este tipo de violencia recibe un nome: violencia vicaria,
que é a que se exerce contra as crianzas para ferir á muller.
Non é casual que moitos dos varóns que
amosaron comportamentos violentos na relación de parella, que durante a
convivencia non se preocuparon polos seus fillos e fillas, no momento da
separación soliciten un réxime de custodia compartida, un réxime amplo de
visitas, ou mesmo a custodia das crianzas, só co afán de seguir en contacto coa
exmuller e poder continuar co maltrato. Por iso rexeitamos calquera
modificación legal dirixida a impoñer este modelo de custodia cando non exista
acordo entre os membros da parella.
No estado español a realidade é igual de
cruda. Foron case un cento as mulleres asasinadas durante o ano 2017. Máis de
dez menores. Se acudimos as estatísticas sobre violencia as cifras son
demoledoras: preto de 3 mulleres ao día son violadas (as estatísticas soamente
contan os casos nos que hai penetración), ducias violentadas en cada recuncho
do planeta, tamén aquí ao pé das nosas casas, dos nosos lugares de ocio ou
traballo. Como é posible que a loita contra a violencia machista non sexa unha
prioridade? Para chegar a estas cifras tan arrepiantes sen que exista unha
conmoción, é necesaria unha violencia tolerada pola noso sistema de valores. En
consecuencia, reclamamos que se combata como un problema social e político. Os
problemas das mulleres son problemas da sociedade e como tales, sen complexos
patriarcais, deben ser tratados.
É urxente loitar contra a impunidade do
acosador, do maltratador xa que esta impunidade da abeiro a múltiples abusos.
Si, precisamos de leis máis coercitivas que disuadan o home maltratador de
concretar con violencia o seu desprezo polas mulleres, pero é necesario
insistir en que non se trata dunha violencia con motivacións psicolóxicas ou
individuais senón que debemos mudar o tecido social. Non cremos na
individualización da defensa contra a violencia machista. Non podemos permitir
que cada unha dependa da súa sorte ou da súa fortaleza.
Esta violencia patriarcal e a cultura da
violación teñen intereses económicos pois o capitalismo, na súa lóxica de
acumulación de riqueza precisa que as mulleres percibamos como unha violencia
menor que nos reclúan nos nosos fogares, baixo o pretexto do amor romántico,
responsabilizándonos da reprodución, obrigándonos a realizar gratuitamente
traballos indispensables para a sostibilidade da vida. Non soamente estas
responsabilidades non son asumidas pola sociedade senón que as políticas
neoliberais desmantelan os servizos públicos: garderías, centros de atención á
vellez, sanidade, etc. O capital financeiro, as medidas de austeridade e a
privatización provocan a pobreza e as violencias cara as mulleres.
Rebelámonos contra a intimidación
colectiva que xorde das agresións físicas ou sexuais. As vítimas sofren o
último mecanismo de imposición do poder masculino, son mulleres que resisten,
valentes que se atreveron a cuestionalo, que deciden non ser a posesión da súa
parella, que deciden non terlle medo á noite, que toman as rúas. Mentres unha
soa de nós sinta medo non viviremos nunha sociedade xusta e igualitaria. Unidas
en resistencias loitamos e loitaremos contra o capitalismo, o
heteropatriarcado, o racismo e o colonialismo, construíndo alternativas para un
mundo que poña no centro a vida, sen converter as persoas en mercadoría.
Esiximos orzamentos que se tomen en serio
a violencia afrontándoa desde todos os ámbitos sociais. Rexeitamos pactos de
estado que manteñen a violencia no ámbito doméstico e de parella negando a
existencia dunha estrutura de opresión das mulleres. Non queremos políticas de
foto e apertóns de mans, queremos solucións e recursos contra a violencia que
sufrimos.
Para acadar a igualdade efectiva
reclamamos:
- Unha educación non sexista nun modelo
de escola que non sexa androcéntrico no reparto de espazo, nos contidos, na
organización do traballo...,
- Educarmos en relacións en pé de
igualdade baseadas no respecto e a liberdade para sermos e estarmos con quen
nos pete.
- Campañas de concienciación social
dirixidas aos nenos, adolescentes e homes para que non asuman a violencia como
pauta de comportamento masculino.
- Unha xustiza ao servizo da igualdade:
aumentar e dotar de recursos materiais e humanos máis Xulgados especializados
en violencia de xénero.
- Protección real ás mulleres que sofren
violencias: aumentar o número de vivendas de acollida para mulleres e crianzas
vítimas de malos tratos, garantir a liberdade económica das mulleres que sofren
violencia, garantir a asistencia letrada da vítima por parte da mesma
profesional en todos os procesos xudiciais que teña que emprender tras
denunciar ser vítima de violencia (separación legal, custodia das crianzas,
pensións alimenticias, disolucións de gananciais, etc.), acurtar os prazos de
resposta na tramitación de ordes de afastamento, e realizar unha correcta
avaliación do nível de risco, conquerindo que as vítimas sexan acompañadas
desde o inicio por profesionais dos servizos sociais que orienten ás mulleres
durante todo o proceso.
- Unha sanidade que coide das persoas:
formación en perspectiva de xénero de todo o persoal sanitario que trate a
mulleres e crianzas.
Mais para lograr vivir sen violencia é
preciso dun cambio de actitudes, dun cambio de políticas e dun cambio do modelo
social vixente na nosa sociedade. Desde a Marcha Mundial das Mulleres
seguiremos loitando para acadalo. Seguiremos en marcha ata que todas sexamos
libres.
Etiquetas:
convocatorias,
violencia machista
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario