domingo, 12 de marzo de 2017

O Pacto Local por unha Cidade Libre de Violencias Machistas inicia a próxima semana a fase de encontros abertos coa cidadanía en cinco espazos municipais

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou hoxe o resultado da primeira etapa do pacto

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, salientou o obxectivo prioritario de definir de forma colectiva o concepto de violencias machistas, “que van máis alá da violencia de xénero, xa que as relacións de poder que se establecen entre persoas non teñen que ser sempre home sobre muller dentro dunha relación de parella”.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, deu conta este mércores do avance do Pacto Local por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, o proceso participativo impulsado a finais do pasado ano polo Goberno local e que entra agora nunha etapa de encontros abertos coa cidadanía, despois dunha primeira fase de investigación social. Dela, a responsable municipal salientou algunhas das conclusións acadadas, "como o acordo xeral que pide a superación do marco da lei actual, xa que as violencias machistas van máis alá das situacións de violencia que se producen dentro de parellas heterosexuais". 

"A violencia xénero é, sen dúbida, un dos obxectivos máis importantes a abordar en accións como este pacto, pero as violencias machistas sufrímolas todas e todos. As relacións de poder que se establecen entre persoas non teñen que ser sempre de home sobre muller, dentro dunha relación de parella", advertiu Fraga, quen marcou a definición das violencias machistas como "a primeira intención deste Pacto, para que entre todos e todas sexamos conscientes do que significa o termo de violencias machistas, porque nos decatamos de que falta esta información, e cómpre ampliar o concepto". Nese sentido, entre os obxectivos acordados na primeira fase do proceso participativo -froito das entrevistas en profundidade e os cuestionarios 'Delphi' realizados a representantes de distintos colectivos e entidades- está tamén "a necesidade de ir cara a unha sensibilización en torno ao dereito a unha vida libre de violencias machistas", ademais dunha "petición unánime de formación e de protocolos, tanto xenéricos como sectoriais".

Entre eses obxectivos fixados durante a fase de investigación está igualmente a necesidade de mellorar a capacidade colectiva de identificación e resposta fronte esta condutas, a busca de ferramentas para novos modelos de convivencia, a creación de espazos libres de violencias e unha cidade segura para toda a cidadanía e a dotación der recursos ás vítimas e, igualmente, a creación de espazos seguros, que era", sinalou Fraga, "un obxectivo prioritario". A este respecto, a responsable local avanzou, en consonancia cos primeiros resultados deste proceso, a posibilidade de crear "distintivos que acrediten a condición dun espazo seguro a onde unha persoa que estea sufrindo algún tipo de agresión poida acudir, sabendo que terá a complicidade das persoas dese local ou espazo e onde saiba que non se lle vai cuestionar se vai pedir axuda". Deles, Fraga  adiantou que a consecución dos distintivos deberá levar aparellado un proceso formativo previo, para casos como os locais de comercio e hostalería, e tamén un seguimento.

Na comparecencia desta mañá, a responsable municipal de Igualdade e Diversidade, tamén avanzou os seguintes pasos do proceso participativo que se producirán este mes, no que terán lugar cinco encontros abertos coa cidadanía que comezan o vindeiro día 9, ás 19.00 horas, no Centro de Información ás Mulleres, para continuar no centro cívico de Monte Alto (día 13, ás 19.00 horas), o centro cívico de San Diego (día 16, ás 19.00 horas), o centro Ágora, (día 22, ás 19.00 horas) e centro cívico dos Mallos (día 29 ás 20.00 horas). Todos eles contarán con servizo de interpretación de lingua de signos e espazo de atención infantil. En paralelo, o pasado 23 de febreiro tivo lugar a primeira das xuntanzas dun grupo especializado, conformado por representantes de diversos colectivos e entidades de especial interese na fase de investigación previa, pertencentes á comunidade educativa e Universidade, institucións públicas, empresariado e sindicatos, ámbito da sanidade, feminismos, asociacións de mulleres, asociacións deportivas e colexios profesionais, e que se celebran no centro cívico da Cidade Vella. Como indicou a responsable municipal mañá mesmo terá lugar o seguinte encontro, ao que seguirán outros dous os días 23 de marzo e 5 de abril.

Tal e como salientou Fraga, en maio darase por rematada a primeira fase do pacto, "momento en que deberá estar listo o primeiro documento con liñas de actuación, que servirá para protocolarizar os seguintes pasos a dar, unha vez acadada esa definición conxunta do que son as violencias machistas, así como os obxectivos e contidos do proceso". Nese estadio posterior, sinalou, determinaranse aspectos como os mecanismos de adhesión ao pacto ou os criterios a cumprir para poder ser declarado 'espazo libre de violencias machistas', así como o  procedemento para conseguir e facer seguimento dos distintivos e a creación dun decálogo de conduta para a erradicación das violencias machistas.

Rede municipal de atención ás mulleres

Durante a súa intervención, a concelleira de Igualdade e Diversidade deu tamén datos dos servizos municipais de atención a mulleres durante o ano pasado, que foron, segundo comentou, "estables respecto a anos anteriores". No caso do Centro de Información ás Mulleres, o CIM, nel se prestou atención xeral a un total de 805 mulleres, e deses casos, 570 correspondéronse con temas concretos de violencia de xénero mentres que o resto refírese a outras actuacións, relativas a dereito de familia ou atención psicolóxica, entre outros. En canto á rede municipal de acollida, a Casa de Acollida recibiu como residentes durante o ano pasado un total de 55 persoas -30 mulleres e 25 menores ao cargo-, e os dous Pisos de Transición á Vida Autónoma (PITVA) acolleron a 11 persoas, das que 4 son mulleres e o resto, menores ao cargo.


No hay comentarios: