sábado, 10 de febrero de 2018
O centro Ágora acollerá desde o 3 de marzo os novos espectáculos do ciclo Ilusiooóhn!, que terá o humor como vehículo condutor
O
concelleiro de Culturas presenta a tempada escénica do Fórum Metropolitano, que
incidirá no papel da muller como protagonista.
O ciclo
Sen Numerar, que comezará o vindeiro 24 de febreiro e inclúe representacións
para o alumnado de centros educativos, contará con obras sobre a vida de María
Casares, Emilia Pardo Bazán ou Frida Kahlo.
A
Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá a tempada de
primavera do ciclo Sen Numerar, a aposta polo teatro de proximidade dentro da
programación municipal de artes escénicas, e que conta, como é habitual, con
oferta en horario lectivo para estudantes de secundaria e bacharelato dos
centros educativos da cidade. Nesta ocasión, o ciclo que se desenvolve no Fórum
Metropolitano contará con diversos espectáculos que terán, tal e como sinalou
José Manuel Sande, "a mulleres significativas como protagonistas",
dando así cumprimento ao compromiso subscrito polo goberno local o ano pasado
co programa Tempadas de Igualdade, polo que o Concello ten en conta, na súa
programación escénica, a perspectiva de xénero, ademais de acadar os obxectivos
recollidos na Lei Orgánica para a Igualdade. Así, Sen Numerar, que comezará o
vindeiro 24 de febreiro, achegará á cidadanía a vida de mulleres como Emilia
Pardo Bazán, "autora suficientemente consolidada e recoñecida entre a
veciñanza", Frida Kahlo ou María Casares, "unha das figuras máis
relevantes da interpretación europea", segundo apuntou Sande, nunha
presentación na que tamén se avanzou a programación do ciclo Ilusiooóhn!, a
serie de espectáculos nados da fusión de distintas disciplinas artísticas e que
acollerá desde o 3 de marzo, como é habitual, o Centro Ágora.
Sen
Numerar comezará coa representación de Política Sentimental. Un encontro
necesario entre María Casares e Albert Camus, que pon de manifesto a relación
mantida a nivel persoal e profesional entre ambos, a raíz da publicación da
correspondencia entre a intérprete e o autor, dúas das personalidades máis
relevantes do panorama cultural francés nos anos 40. A obra, interpretada por
Sabela Hermida e Germán Torres, representarase o vindeiro día 24, ás 21.00
horas --como é habitual na programación deste ciclo-- no Fórum Metropolitano.
Xa no mes
de marzo, o día 17 Iris Teatro presentará Frida, unha revisión da vida
"dunha muller forte e valente, que sentou as bases dun novo xeito de
entender o arte", segundo apuntou Begoña Llamosas, directora da
programación escénica e que acompañou a José Manuel Sande na presentación. De
cara ao mes de abril, o venres 6,
Emilia, de Teatro del Barrio, amosará a figura da escritora Emilia Pardo
Bazán "como unha muller forte, intelixente e divertida", apuntou
Llamosas, nunha obra "escrita, dirixida e interpretada por mulleres".
O ciclo pecharase o 26 de maio co espectáculo Desconexión, de Santiago
Cortegoso, un texto protagonizado por Xurxo Cortázar no que o individuo
299/1973 FK3 vive conectado a un semáforo regulando o paso de peóns, e ten unha
dobre personalidade. Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo,
Cortegoso aborda cuestións "arredor do ser e da identidade", sinalou
a directora.
As
entradas para o ciclo Sen Numerar xa están á venda nas canles habituais, e
poden adquirirse, por 6 euros até o día anterior á función, no despacho central
de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a
13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do
teléfono 902.044.226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00
a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas). Poderanse mercar tamén no
Fórum o propio día da representación --sempre e cando queden entradas
dispoñibles-- desde unha hora antes da función --todas as obras comezarán ás
21.00 horas--, pero neste caso o prezo será de 9 euros, agás para as persoas
desempregadas, maiores de 65 ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 7 euros
por cada espectáculo.
Ciclo
Ilusiooóhn!
A
programación escénica municipal, que inclúe tamén o Ciclo Principal do Teatro
Rosalía, TRC Danza, Bebescena e Todo público, completarase coa posta en marcha,
o vindeiro 3 de marzo, da nova tempada de Ilusiooóhn!, cunha serie de
espectáculos que contarán co humor como fío condutor e nos que as compañías participantes
"buscarán a risa e a complicidade do público", sinalou Begoña
Llamosas. "Son espectáculos que se apoian en linguaxes e xeitos de narrar
a través das expresións artísticas do novo circo, coa incorporación de novas
estéticas ou o cruzamento de disciplinas
coma o teatro, a danza e a música", engadiu. En total serán cinco as obras
de carácter cómico, de entre 45 e 60 minutos de duración e dirixidas a todos os
públicos, as que formarán parte desta tempada que, como é habitual, ten lugar
no Centro Ágora.
Así, o 3
de marzo a compañía Cirk About It presentará El Apartamento, un espectaculo
acrobático gañador, no ano 2014, do premio Off Circada. De seguido, o sábado 16
de marzo, será a quenda de Paraíso pintado, un traballo no que a artista Pepa
Plana se transforma nunha superheroína. Xa no mes de abril, Cair Circo chegará
ao Ágora o día 27 co seu espectáculo Erori, unha obra ateigada de acrobacias,
coreografías visuais de danza e malabares. Á semana seguinte, o sábado 5 de
maio, o clown Marcel Gros presentará a súa proposta Universario, un espectáculo
no que o intérprete adoptará diferentes pais ao longo do encontro. Finalmente,
o sábado 2 de xuño, a compañía Cocote presentará Lles rois fainéants, que
mestura linguaxe do teatro visual e de obxectos co humor branco inspirado en
Jacques Tati e as obras de Jérome Déschamps.
As
entradas para o ciclo pódense adquirir no despacho central de billetes da praza
de Ourense de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a
19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902 044 226 (de luns
a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de
16.00 a 21.00 horas) ou no propio
Centro Ágora no día de representación --no caso de quedar billetes
dispoñibles-- por 9 euros cada unha, ágas para as persoas desempregadas,
maiores de 65 ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 8 euros por cada
espectáculo, e das e dos menores de 3 anos, que aboarán 2 euros. No caso de
adquirir un abono de tres entradas para a mesma función, o prezo deste será de
21 euros.
Etiquetas:
convocatorias,
igualdad,
muller
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario