jueves, 27 de febrero de 2014

Centos de mulleres rexistran a propiedade do seu corpo contra a reforma do aborto


Aumenta o rexistro do seu corpo por parte de grupos de mulleres en Galicia. Se hai dúas semanas foron trinta as que acudiron ao Rexistro da Propiedade de Vilagarcía para solicitar a titularidade sobre o seu propio corpo, este mércores foron centos as que acudiron á chamada na Coruña e en Compostela. Continúan así con esta acción de protesta que xurdira da artista Yolanda Domínguez a nivel estatal - e da pintora Martha Azul no caso da Arousa- e que levara centos de persoas aos rexistros de Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao ou Pamplona. É unha maneira máis de protestar contra o anteproxecto de lei do aborto do Goberno do ministro Gallardón e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller.

A acción de protesta segue a impulsada pola artista Yolanda Domínguez no Estado e que xa se realizara en Vilagarcía.

É unha reivindicación que se une á campaña que levou a Plataforma Galega Galega polo Dereito ao Aborto a pendurar pancartas en varias pontes do país e en recintos deportivos -como no partido da pasada fin de semana en Riazor onde a retirada da faixa provocou tanta polémica como visibilidade á protesta- ou a enviar solicitudes masivas ao Valedor do Pobo reclamando o seu amparo para a protección dos dereitos das mulleres.


No hay comentarios: