jueves, 27 de febrero de 2014
Centos de mulleres piden amparo ao Valedor para que se garanta o dereito ao aborto libre e gratuíto
O acto, organizado pola Plataforma polo dereito ao Aborto,
enmárcase dentro da campaña en demanda da retirada da reforma da lei do Aborto.
Unha ampla representación de mulleres representantes das
diferentes organizacións que integran a Plataforma Galega polo Dereito ao
Aborto –da que forma parte a CIG- presentou esta mañá, no rexistro do
Parlamento, máis de 2.000 recursos nos que se pide amparo ao Valedor do Pobo,
José Julio Fernández Rodríguez, na “protección dos dereitos democráticos que son
inherentes” á propia condición de muller galega. O rexistro viuse colapsado
ante a morea de recursos a tramitar.
Neste sentido, solicítase ao valedor que emita o informe
correspondente para que o Goberno da Xunta exixa de forma urxente “a retirada
inmediata” do anteproxecto de Lei para modificar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de
marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo,
e no caso de prosperar a súa aprobación, “interpoña recurso de insconstitucionalidade
por afectar e vulnerar” dereitos fundamentais da muller.
A este respecto, e como destacaronn as asinantes, ese
anteproxecto “adoece de vicios de inconstitucionalidade claros e manifestos, xa
que afectan fundamentalmente ao principio de igualdade e non discriminación do
artigo 14 da vixente Constitución Española”. Así mesmo, consideran que a
aprobación do anteproxecto do Partido Popular supón un incumprimentos por parte
do Reino de España dos tratados internacionais relativos a dereitos humanos e á
non discriminación.
“Comprobei con preocupación como o Goberno da Xunta de Galicia
negouse en reiteradas ocasións a defender o meu dereito de igualdade e os
dereitos humanos que me asisten como muller galega”, reza o recurso de amparo,
que basea a súa solicitude nun total de cinco alegacións.
Así, a primeira está fundamentada no principio de igualdade e
non discriminación do artigo 14 da Constitución; a segunda, nos acordos da
Conferencia de Nacións Unidas de Dereitos Humanos de 1993 en Viena, nos que
ademais dos dereitos vinculados á igualdade e non discriminación, “as mulleres
temos dereitos específicos relacionados coa protección da maternidade e os
nosos dereitos reprodutivos”; mentres que a terceira fundaméntase en que “o
aborto é un procedemento clínico requirido só por mulleres”, o que segundo o
Comité para a Eliminación de Discriminación contra a Muller da ONU, constitúe
“unha forma de discriminación na súa contra”.
En canto á quinta alegación, refírese a que o acceso a servizos
de aborto legal e seguro é esencial para protexer os dereitos das mulleres á
non discriminación e á igualdade
efectiva, dado que é máis probable que sexan as mulleres as que se
enfronten a maiores dificultades e desvantaxes sociais no ámbito económico e
profesional; unha situación de discriminación á que condean ás mulleres se o
Goberno lles obriga a continuar cun embarazo. Finalmente, a sexta alegación
apunta que o Comité de Dereitos Humanos da ONU indica que “as restricións ao
acceso ao aborto legal e seguro pode levar a situación que constitúen un trato
cruel, inhumano ou degradante”.
En consecuencia, e atendendo a todos estes argumentos, as
mulleres asinantes deste recurso, que se enmarca dentro das moitas accións
promovidas pola Plataforma polo Dereito ao Aborto para esixir a retirada
inmediata do anteproxecto de lei para modificar a norma de 2010, piden amparo
ao Valedor do Pobo.
Etiquetas:
aborto,
derechos sexuales,
manifestación,
saúde pública
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario